Que é a Renda Básica Incondicional?
Ultimamente intensificouse o debate sobre a proposta da chamada Renda Básica Incondicional . En primeiro lugar é preciso ter claro o concepto polo que partirei da definición da Renda Básica dada por Red Renda Básica: “...É un estipendio pagado polo Estado, como dereito de cidadanía, a cada membro de pleno dereito ou persoa residente da sociedade, mesmo se non quere traballar de forma remunerada, sen tomar en consideración se é rico ou pobre, ou, dito doutra maneira, independentemente de cales poidan ser as outras posíbeis fontes de renda, e sen importar con quen conviva”. Sobreenténdese que dito estipendio ha de ser suficiente para permitir unha vida digna. Para diferencialo doutras propostas de Renda Básica que esixen algunha condición (ser pobre, por exemplo), engado o adxectivo Incondicional. En adiante RBI.
A ninguén se lle escapa que unha proposta deste tipo significaría un cambio moi importante na configuración da sociedade, e como tal orixina evidentemente, varias polémicas.
RBI e Estado do benestar
Voume centrar nunha das críticas máis comúns á proposta de RBI que é a súa relación co estado de benestar existente no estado español e a imposibilidade neste momento de crise de financiar ambas medidas
Neste comentario voume centrar nunha das críticas máis comúns á proposta de RBI que é a súa relación co estado de benestar existente no estado español e a imposibilidade neste momento de crise de financiar ambas medidas. A tese, adianto, é que non existe tal incompatibilidade pois, no fondo, a RBI (cando menos na miña formulación) intenta resolver outros problemas.
Pero vexamos primeiro as argumentacións de que falo e, como exemplo das mesmas, o artigo publicado en 20-08-2013 polo profesor Vicenç Navarro (Qué renta básica?), no xornal Público.
No artigo, de gran claridade expositiva, como nos ten acostumados, define en primeiro lugar o estado do benestar no estado español, chegando á conclusión de que para equiparalo co noso entorno europeo e nivel de desenvolvemento económico precisariamos en total dun 11-12% do PIB. Valora a continuación nun 37%, tamén do PIB, o custe da instauración dunha RBI de 8.551,00 €/ano, chegando á conclusión da imposibilidade de implantar a medida neste momento. De ter que elixir entre os dous modelos elixe, acertadamente no contexto da exposición, o primeiro.
"A gran maioría da poboación declarante actual no IRPF e non declarante sairía gañando respecto da situación actual. Só unha porcentaxe que oscilaría entre o 10 e o 15% da poboación máis rica sairía perdendo coa reforma proposta"
Por outra parte, cómpre mencionar un estudo recente, realizado por Arcarons, Raventós e Torrens referido a Cataluña e cunha RBI de 7.968,00 €/ano realizado a partir dos datos obtidos da declaración do IRPF do ano 2010, e que si o consideran viábel. Nunha recente entrevista, Daniel Raventós indicaba: “Na nosa proposta, para financiar esta RB, ademais do recadado até agora, é dicir, sen tocar nin un euro de ningunha outra partida (sanidade e educación públicas non se tocarían, por se alguén ten algunha dúbida) excepto as prestacións monetarias que fosen redundantes coa RB, o diñeiro sairía de: unha reforma do IRPF e do aforro das prestacións monetarias que serían suprimidas coa RB.?” O que si existe non estudo mencionado son gañadores e perdedores, concretamente: “A gran maioría da poboación declarante actual no IRPF e non declarante sairía gañando respecto da situación actual. Só unha porcentaxe que oscilaría entre o 10 e o 15% da poboación máis rica sairía perdendo coa reforma proposta. Unha porcentaxe similar quedaría nunha situación parecida á actual, dependendo está claro da situación dos seus respectivos fogares, e entre un 70 e un 80% da poboación situada nos niveis inferiores de renda dos outros dous grupos sairía gañando coa reforma.” Tan só quero anotar que, con respecto á financiación hai puntos de vista diferentes sobre como encarar a discusión que, máis ben, parecen ser sobre como afrontar a redistribución, é dicir, sobre políticas.
Pero a pregunta é: Temos posibilidade de discutir sobre a RBI? Dito doutra forma, é unha opción ou unha necesidade para saírmos da crise?
Estado do benestar e paro
No estado do benestar había unha terceira pata (ademais dos servizos públicos e as transferencias condicionadas) que é o pleno emprego, con bos salarios
Porque no estado do benestar, como menciona Vicenç Navarro no artigo xa mencionado, había unha terceira pata (ademais dos servizos públicos e as transferencias condicionadas) que é o pleno emprego, con bos salarios e que permitía, a maiores, unha renda máis que básica para aqueles que non puidesen traballar (desemprego). Certamente, a unión dun estado de benestar cunha política de pleno emprego foi a estratexia máis exitosa do século XX pero, relativicemos, nese século, cos seus notábeis avances tecnolóxicos que propiciaron unha remodelación da industria (fordismo) e unha estratexia baseada no consumismo, que precisaba unha demanda crecente para unha oferta tamén crecente. Pero, teríao sido no século XIX con outro modelo baseado noutra tecnoloxía?
E no século XXI atopámonos, curiosamente, cunha escaseza de demanda que estimule a economía que, como di Vicenç Navarro (La evolución de Paul Krugman), débese a diminución das rendas do traballo. Como di José Luis Rey Pérez, (en "pensamiento político", pax. 244): “Resumidamente, o cambio fundamental que estamos a vivir é o paso dun capitalismo maioritariamente produtivo a un financeiro, co enfraquecemento en consecuencia do factor traballo nun contexto de globalización financeira e tecnolóxica”. E como a riqueza ten que ver cada vez menos coas actividades produtivas, a posición do traballador, dono tan só da súa forza de traballo, vese debilitada (José Luis Rey Pérez, 245). Así chegamos ao auténtico problema da economía nestes tempos, o paro e a precariedade: "Fronte ao profesional cunha carreira burocrática por diante que representa o perfil básico do capitalismo do benestar keynesiano, o actual licenciado universitario tende a adoptar a figura do micro servo, submiso ao capitalismo globalizado; dispoñible e encartado a un modelo con cada vez maior mobilidade funcional, tecnolóxica e territorial, e no que as burocracias, estabilizadas polo Estado de benestar substitúense por un persoal deslocalizado, fragmentado e desidentificado laboralmente" (Alonso, L. E., Trabajo y ciudadanía. Estudios sobre la crisis de la sociedad salarial, citado por José Luis Rey Pérez, 247)
E non só do traballador, convertido moitas veces en parado. O problema traspásase a toda a sociedade: Hai que tragar reformas laborais, atentados ecolóxicos, empresas ilóxicas (Eurovegas) ou traballos denigrantes. Todo vale ante a chantaxe do traballo, coa axuda, por certo, de argumentos técnicos irrefutábeis pola súa propia natureza, como o PIB de que falabamos antes para valorar a viabilidade da RBI, e cuxo concepto merecería un comentario a parte.
Pero, cal é a causa desta deriva? É unha ofensiva da clase dominante planificada por unha mente escura, como David Rokefeller, por exemplo?, ou un deseño de un grupo medio relixioso aliado a esa clase, como a Escola austríaca? Unha consecuencia, buscada ou non, dun determinado tipo de globalización?. Algo disto hai pois, como dixo, máis ou menos, Warren Buffett: loita de clases habela haina, e estamola gañando.
Pero algo máis ten que haber para que se lles dese por cambiar un modelo que, tamén para eles, era exitoso. E a pregunta é se non terá que ver, novamente, cos cambios tecnolóxicos.
Cambio tecnolóxico e paro
Estase destruíndo máis traballo do que se crea, de aí o paro ou a súa alternativa, a precariedade ou minijobs. E temos que adaptarnos a esa realidade, o que pasa, necesariamente, pola Renda Básica Incondicional
Na Galiza, e no Estado español, xa sabemos algo da relación entre cambio tecnolóxico e paro. Pode que, por exemplo, a crise dos setenta en Vigo e Ferrol que nos conta Os luns ao sol tivese outras concausas, pero no fondo había unha renovación tecnolóxica e produtiva, igual que na drástica reconversión agrícola e gandeira que se acelerou tamén a partir de máis ou menos esa época, ou a práctica desaparición da daquela abundantísima profesión de Auxiliar administrativo, ou os cambios sufridos por Correos ou Telefónica...
Quedábanos o incipiente Sector Servizos e a burbulla da construción (noutras zonas foron os minijobs (Alemaña) ou unha situación de partida de subdesenvolvemento (BRICS)) para atopar nichos de traballo, pero ao colapso da segunda, únese agora a aceleración do cambio tecnolóxico (vendas por internet, vehículos automáticos, administración electrónica, impresoras 3D, robotización...) que xa está afectando, e sobre todo vai afectar, ao primeiro. E non hai a penas nada máis alá. Estase destruíndo máis traballo do que se crea, de aí o paro ou a súa alternativa, a precariedade ou minijobs. E temos que adaptarnos a esa realidade, o que pasa, necesariamente, pola Renda Básica Incondicional.
Ao meu modo de ver, a pregunta non é se podemos financiar a RBI, senón como imos financiala.
Porque non che hai outra.