Estado Policial (“Marca España”)

Ás veces, só ás veces, pensamos que o da “democracia” é un soño, e realmente vivimos nun Estado policial. Asembleas populares de todo ese Estado “democrático” acordan facer unha marcha por Madrid sobre o Congreso dos Deputados, para reivindicar os dereitos da maioría social agredida polos recortes de liberdades. Nun principio a convocatoria titúlase Ocupa o Congreso, como a ben pacífica Occupy Wall Street, e que rematara cos “moi pacifistas” e protectores polis yanquis disolvendo a porrazos e gases lacrimóxenos a multitude, e detendo a case mil cidadáns. Para deixar ben claro o seu espírito pacífico, a convocatoria pasa a chamarse Rodea o Congreso. A pesar dos reiterados mensaxes da Coordinadora nesta dirección, o PP segue ao seu.

A delegada do Goberno en Madrid compáraos cos “nazis”, e a secretaria xeral do partido, co “golpe do 23F”. No entanto, comunícase que mobilizaranse máis de 1.400 axentes “antidisturbios” para “protexer” Madrid, todo segundo os sindicatos, xa que o Goberno négase a informar. Compañeiros dinnos que iso é só o que se atreven e non lles queda máis remedio que contar, que hai máis policía aínda, e mesmo membros do Exército. Verdade, mentira? Aínda que ninguén os coñece, ninguén sabe quen son os manifestantes, os “demócratas” fan estas declaracións, e contertulios de radio defenden a lexitimidade do “templo da soberanía popular”, e a “barbaridade” desta convocatoria, a Policía prohíbe varias das xuntanzas públicas e abertas feitas en parques públicos para preparala, identificando os seus membros, mesmo detendo “preventivamente”. Os preto de 850 axentes desprazados costan ao erario público, só en dietas, polo menos “máis de 200.000 euros”, segundo o Sindicato Unificado de Policía (SUP)

Chega o día. 25S. Cinco da tarde. Centos de “leiteiras” toman Madrid. Antes das sete, todo desenvolveuse sen “altercados”, en medio dun espírito reivindicativo, mais cívico e pacífico. Un forte cordón policial impide que un se poida achegar nin sequera preto  do Congreso. A Policía xa o “rodeara” dende hai días. Un deputado socialista critica o “excesivo” despregamento policial, mentres a Carreira de San Jerónimo e accesos colindantes permanecen cortados, e só se permite o acceso aos condutores que acrediten praza de garaxe, así como a deputados, funcionarios e demais traballadores do Congreso.

Os viandantes son identificados se queren acceder á zona acoutada polo “dispositivo de seguridade”, e moitos teñen que ensinar o interior dos seus bolsos e mochilas. Os comerciantes denuncian pérdidas do 60 e 70% nas vendas, “iso cando non pechan completamente”, denuncia un, “entón facturamos un 99% menos, se acaso veñen os policías a tomar un café”. Un representante de Esquerra Unida no País Valencià cualifícao de “acoso continuo” e “estado policial”:

“O persoal vai co carné na boca”, mentres denuncia que os axentes non van coa identificación visible. Namentres, o presidente da Cámara considera a situación dentro da institución como “normal”, e o ministro de “Xustiza” cualifica a iniciativa de “Rodea o Congreso” como “agresión ao sistema democrático”. Sen embargo, o presidente do Tribunal Constitucional foxe de calquera comparación co 23-F. Fóra, os veciños teñen que baixar das súas casas con certificados de empadroamento e facturas da luz para poder saír e acceder de volta aos seus domicilios. Algúns turistas tamén teñen problemas para chegar aos seus hoteis. Confusión nas indicacións dos axentes, porque a maioría proveñen de fóra de Madrid. Arredor de Praza de España, de Atocha e Neptuno, a xente comeza a chegar en grandes grupos, repartíndose pancartas e organizándose, actuando responsablemente.

A Policía comeza a identificar moitos deles, varias veces. Antes rexistraran algúns dos autocares, coa escusa de ser “controis policiais”. Son as sete e prodúcense os primeiros forcexeos entre Policía e cidadáns, na praza de Neptuno. Cargas. A canle 24 horas da que fora a mellor televisión pública en España conecta tan só dúas veces e para retransmitir só estas imaxes. A reporteira nega que houbese violencia mentres se ven imaxes dun home coa cabeza cuberta de sangue, e di que só houbo “manifestantes increpando á Policía” e “lanzamento de obxectos”, mentres ás súas costas retumba o clamor de “Televisión, manipulación”.

Comezan a deter xente. Mesmo a veciños do barrio que non tiñan que ver coas manifestacións. Á altura das nove a Policía volve cargar en Neptuno. Ata cinco axentes reducindo a un rapaz. Os cálculos din que hai máis de tres policías por “señoría”. Ao tempo, Mariano Rajoy, en Washington, publica no seu Twitter unha foto del hipersorrinte coa familia Obama.

A situación en Neptuno é cada vez máis tensa, e de súpeto estoura. Un pequeno grupo de manifestantes con banderíns vermellos e negros, que poderían ser anarquistas, outros din que policías infiltrados, desafía o cordón policial e se achega cada vez máis aos axentes. Unha muller tenta convencelos para que paren, pero non lle fan caso, ao grito de “Non pasarán”. Como non retroceden, os “antidisturbios” deciden cargar contra eles, e na estampida, descobren que van provistos con escudos feitos con tapas de colectores de lixo. En medio do caos, cargan aleatoriamente contra calquera que estea preto, aínda que non sexa deste grupo, e aporrean a unha rapaza allea a este, que berra “Non fixen nada”.

Un señor quere auxiliala, e é tamén duramente golpeado por varios axentes. Outro golpea e deixa malferida a unha parella, que tenta saír de alí. Un axente quere detelos pero un rapaz deféndeos propinándolle unha patada. A parella fica apertada no chan. Algúns tiran os valados, mentres a maioría alza as mans baleiras cantando “Estas son as nosas armas”, “Nin un paso atrás” ou “O pobo unido xamais será vencido”. A maioría tenta conservar a tranquilidade, mentres outros insultan ou botan adoquíns aos policías. A unha parella golpéana no lombo a pesar de que lle facía caso á Policía e trataba de marchar.

A Delegación nega que se estean empregando pelotas de goma, pero o certo é que diversas fontes xornalísticas informan de que si. Deteñen a unha señora por tentar gravar co seu teléfono, e rematan levándoa arrastrada. A Miguel Quinteiro, de 72 anos, histórico activista galego,  quen só estaba facendo unha sentada, tamén o levan polo chan. Tentan esposalo, dinlle que non faga resistencia malia que está completamente quieto, “Non fago resistencia, é que me doe! Cabróns!” Dinlle que estea tranquilo, e lévano semiespido cara ao furgón, antes de metelo no calabozo por máis de dous días.

En medio dunha carga, varios manifestantes tentan agocharse no interior dun bar da zona, mentres o dono prántase cos brazos en cruz, protexéndoos e impedindo que os policías entren alí tamén. Berra tamén que os manifestantes deixen de tirar pedras. Ao día seguinte este home, votante e militante do PP, felicitado por todos e aclamado como heroe, declarará “Este non é o país que quero”, criticando a actuación policial e do goberno. Noutra rúa, un manifestante exaltado tenta provocar aos policías, e o certo é que, a pesar da distancia que manteñen, o consegue. Un corre cara a el, pero ao non verse seguido polos seus compañeiros, berra e se move dun lado para outro como tolo cheo de ira. Cargas aleatorias. Imaxes de televisión amosan como hai policías “de paisán” infiltrados entre os manifestantes, un berra mentres mallan nel “Non, que son compañeiro, coño!”, mentres outros axudan a deter persoas.

Madrid é unha auténtica rateira, e hai rúas tan absolutamente cercadas, que para fuxir dos golpes a xente ten que meterse en hoteis e demais establecementos. Policía persegue a xente ata a estación de metro e tren de Cercanías de Atocha, e, en troques de deixalos cando conseguiu a súa dispersión, entra e baixa cara ás profundidades coa fin de capturalos. Turra en varios viaxeiros que só estaban por alí esperando o seu tren. Un deses rapaces nos que malla di “Só son viaxeiro”, pero un axente segue, mesmo cando un dos seus compañeiros advírtelle que non sabe se é manifestante. Un rapaz amosa a un fotógrafo a súa testa cuberta de sangue. Outros xa baixan as escaleiras mecánicas e proceden a sembrar o pánico entre os que alí esperan o tren de destino á súa casa, moitos volvendo do traballo. Un home maior que parece ser de fóra, sentado nun banco, aperta a un rapaz (seu fillo?) mentres un policía malla nel por detrás, mentres repite, como un “mantra” protector de indignación “Vergoña, vergoña, vergoña...”

Despois, identifican a tódolos xornalistas que atopan, intimidándoos e obrigándolles a apagar as súas cámaras e entregar as súas fotos. A un deles, malia que tentaba negociar con eles e prestábase a identificarse, rómpenlle o micrófono da cámara, pensando que destrozábana así enteira. O rapaz berra porque estanlle a destrozar unha prolongación de si mesmo, mentres o policía dille “Escoita un momento: mentres esteamos aquí, ti quietiño aquí”. Fontes policiais confirman máis de trinta detidos. Un deles era simplemente un veciño do barrio que se encarou cun axente protestando polos cortes de tráfico. Fontes de Cruz Vermella informan de sesenta e nove feridos, un deles cunha lesión medular previa, que se lle agravou despois dos incidentes. Vintesete policías feridos, disque un cunha brecha na cabeza. Moita xente recibiu paus só por estar por alí en medio. A cidade sufriu auténticos episodios de pánico, que seguirían ao día seguinte en reacción ás protestas polas detencións.

No cárcere, comeza outro episodio máis: torturas, vexacións, aillamento... Denegación de asistencia médica, e todo isto durante dous longos días. Un dos 34 detidos sairá un día máis tarde, baixo fianza de 1.000 euros. A policía inventa os cargos contra eles, e a xuíza redacta os autos en dous minutos. O goberno trata de que sexan xulgados pola Audiencia Nacional por “delitos contra a nación” e “sedición”, mais esta se inhibe e algún chega a chamalo “disparate”. Tamén os sindicatos de policías acusan ao Goberno e o director da Policía de buscar “o delito antes cá proba”

Avogados denuncian os “malos tratos policiais” aos detidos, entre eles recoñecidos activistas e avogados do movemento pacífico 15M. Un deles, José Cosín, avogado, leva a acusación popular do caso Bankia, e outro, Miguel Quinteiro, membro de Attac e da Plataforma polo Aforro Público, a querela contra as caixas galegas. O Goberno louva a actuación policial e di que foi “magnífica” e “perfecta”, mentres o director da Policía cualifícaa de “proporcional e profesional”.

Ás veces, só ás veces, pensamos que vivimos nunha democracia. É só un soño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.