Estampa de nadal con Merkel ao fondo

Hai poucas cousas que poidan dar máis felicidade que pasear nestes días polo Christkindlmarkt da Marienplatz de Múnic. Cos seus 20.000 metros cadrados, os seus 160 postos de venda e o seu abeto de 30 metros de altura engalanado con 3.000 luces, o tradicional mercado de nadal recibe todos os anos uns tres millóns de visitantes que sucumben á atracción deste ambiente marabillosamente kitsch.

En Berlín, a uns 500 quilómetros ao norte da praza central de Múnic, Angela Merkel anunciou o 20 de novembro que volve presentarse como candidata ao posto de chanceler da República Federal de Alemaña. De acadar o seu obxectivo nas eleccións parlamentarias do outono de 2017, lograría o seu cuarto mandato e igualaría as marcas de Konrad Adenauer e Helmut Kohl. O anuncio de Merkel causou unha indisimulada satisfacción nos medios mainstream, preocupados pola crise da Unión Europea, a desorde internacional e mais o auxe do populismo. De Merkel, de feito, espérase que asuma unha función de liderado tamén alén das fronteiras alemás. Experiencia non lle falta: agora mesmo non hai en Europa ningún xefe de goberno coa súa antigüidade.

A política de acollida dos refuxiados sirios pasoulle factura: baixou a súa popularidade, tensou o partido que preside, a Unión Demócrata-Cristiá (CDU), e dificultou as súas relacións coa bávara Unión Social Cristiá (CSU); a maiores, mellorou as expectativas da nacionalista e xenófoba Alternativa por Alemaña (AfD). Aínda así, na CDU non hai ninguén que poida substituír a Merkel: nin Wolfgang Schäuble, o ministro de Finanzas, demasiado vello, nin Thomas de Maizière, o ministro do Interior, a quen ninguén ve como un dirixente; nin, polo de agora, Ursula von der Leyen, a ministra de Defensa, que aínda carece do apoio necesario no partido.

No balance dos tres mandatos de Merkel aparecen unhas cifras macroeconómicas espléndidas, a redución do desemprego, o fomento da igualdade de dereitos, as axudas ás familias, a política de benvida aos refuxiados, o abandono da enerxía nuclear, a desaparición do servizo militar obrigatorio; pero tamén a proliferación do traballo precario e mal pagado, o incremento da desigualdade, a imposición miope da política de austeridade que deprimiu moitas economías e causou un empobrecemento masivo na Unión, a negativa a pór en pé unha arquitectura institucional digna de tal nome, democrática e viábel, para a eurozona.

A Merkel, o seu estilo sobrio e ríxido e mais a súa incapacidade para elaborar un discurso ilusionante para os pobres –si, hainos tamén en Alemaña, e non son poucos!– poderían resultarlle fatais. O curioso, case máxico, é que na Marienplatz resulta imposíbel pensar que Merkel non vaia seguir na chancelaría polo menos até o ano 2021. Será cousa do frío translúcido do serán, do triscar seco das botas pisando a neve, da panxoliña “In dulci jubilo” cantada por un coro de nenos desde o balcón da casa do concello, dos sorrisos, dos olores ricos e as candeas e as luces cálidas que regalan evocacións e unha emoción serena. Será cousa do nadal en Múnic. O discreto encanto do privilexio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.