Non, non irei a Madrid o sábado
Quedarei en Galicia
Observarei os pés e as rodas e os rostros e os convois
Pero non irei
Outras e outros irán por min
Eu non vou a Madrid o 22
Andarei por Teo, que é a terra na que piso firme cada día
Coa miña decisión nada terá que ver ninguha desas escusas inaccesibles que aboian coma pasta de celulosa sobre un mar que non dan comprendido
Non ir a Madrid o día 22 será o resultado dunha decisión persoal en absoluto política. Non será a consecuencia de ningunha desas razóns un pouco ridículas e irracionais que vimos lendo e escoitando día tras día por diferentes medios de comunicación e canles de difusión. Coa miña decisión nada terá que ver ninguha desas escusas inaccesibles que aboian coma pasta de celulosa sobre un mar que non dan comprendido. Porque son soamente consignas, iconas febles, de trazo groso e exigua forza semántica.
A Madrid vaise se cómpre acudir, por moi independentista ou nacionalista ou soberanista que un sexa. Non acudir a Madrid por principio é unha razón funcional ao sectarismo, a posicións que desprezan escenarios políticos non levantados no interior das fronteiras de Galicia. Unha razón baseada no irracional. Certas tradicións políticas seguen a construírse sobre bancadas de limo. Converten en transcendente o que en política, ou sexa, na vida, non é senón vulgar continxencia.
A esquerda materialista dispútalle a hexemonía social ao poder, o cal quere dicir que tamén tritura as microhexemonías no interior dos campos políticos, entre eles o da versión afectivo-esencialista, idealista, do nacionalismo
Por sorte. Apenas o resultado de casualidades biolóxicas. Coma a propia vida sobre a terra. Igual. Unha tradición nacionalista que se referencia como ideoloxía suprema, ou como sentimento, alude ao irracional como fundamento da acción política e das marxes que esta debe acoutar. Pero a esquerda materialista non comprende ese tipo de constricións. E a esquerda materialista dispútalle a hexemonía social ao poder, o cal quere dicir que tamén tritura as microhexemonías no interior dos campos políticos, entre eles o da versión afectivo-esencialista, idealista, do nacionalismo, tan presente na nosa historia política. Por esa razón, non teño ningunha dúbida, é á esquerda materialista á que lle toca marchar pola dignidade e confluír sen prexuízos coas marchas procedentes doutros lugares do Estado español en camiño cara a Madrid. Madrid, que é pouco máis ou menos a capital política e administrativa da nación que pretende construírse sobre a negación doutras nacións e outras culturas subalternas. E non se dá construído. E seguimos aquí.
Máis aló de fronteiras esencialistas, vulgarizacións afectivas, construcións idealistas; infinitamente máis aló xa de identidades preconfiguradas e inalterables
É precisamente a subalternidade a que nos impele a camiñar, que dicía o poeta. A camiñar precisamente cara ao Leste, contra o Leste, tamén, porque aló onde hai lugares onde se toman decisións que nos afectan á maioría social, a ese proletariado moderno que algúns querían tan fragmentado e difuso e sen identificación e excluído de toda cidadanía posible, alí a eses lugares cómpre acudir. Sen distinción. A todos. Un por un. En multitude.
Non irei. Pero estarei. Non irei persoalmente, pero estará esa parte de min que se recoñece como individuo no seo da multitude que viaxa, impugna e propugna
Esta marea de dignidade que se leva articulando desde hai tempo fará dun suxeito político galego, un pobo consciente e organizado, protagonista do seu propio camiño. E nese protagonismo poderá ser capaz de albiscar a súa potencia constituínte. Só o protagonismo colectivo nos permitirá ser un suxeito autónomo e en proceso de autodeterminarse, o cal quere dicir conquistar posicións no camiño da emancipación colectiva, que é tamén individual. Pero ademais permite albiscar, consciente ou inconscientemente, a diversidade con que as novas subxectividades construtoras do común se van ter que organizar necesariamente. Máis aló de fronteiras esencialistas, vulgarizacións afectivas, construcións idealistas; infinitamente máis aló xa de identidades preconfiguradas e inalterables. Porque no proceso de marcha tamén se constrúen novas identidades a partir das que cada grupo achega ao fondo común. O común, o comunismo, a comunidade como formas lingüísticas que nos caracterizan colectivamente porque nós, os e as que camiñamos en defensa da dignidade e na conquista de máis chanzos no proceso de asaltar os palacios do ceo, dominamos os significados reais, os que nos serven como mapa, os que nos valen como libro de instrucións para armar o grande artefacto. Desde a subalternidade común, social e nacional, advertida, identificada, asumida como potencia constituínte. Temos a nosa propia poética da subalternidade. Non hai novo poder constituínte que non se saiba e se recoñeza previamente subalterno e desa subalternidade extraia as ferramentas que lle sirvan de armas ao seren adecuadamente empuñadas.
Non é certo de todo, pois, o título deste artigo. Poida que o sábado non vaia a Madrid. Non irei. Pero estarei. Non irei persoalmente, pero estará esa parte de min que se recoñece como individuo no seo da multitude que viaxa, impugna e propugna. Alá nos vemos.