Eu tamén son bolivariana

No momento de amortallar a Simón Bolívar, que morreu en decembro de 1830 en Colombia, camiño do exilio, os seus amigos decatáronse de que a única camisa que levaba estaba rota. Así ocorreu que foi amortallado cunha camisa prestada. Poderiamos comentar outros aspectos da súa biografía, o seu papel na emancipación dos países americanos do colonialismo español, o seu compromiso coa liberdade dos escravos. Mais chega saber que morreu cunha única camisa esfiañada para comprender por que a min non me parece un insulto que me chamen bolivariana, ao revés.

Bolivariana, bolivariano, debe ser entón o contrario de corrupto, de cobrar soldos de centos de miles de euros por facer non se sabe que (ou si se sabe); o contrario de ladrón, de subirse o soldo a si mesmo por afundir un banco, mandando a pique os aforros da xente. Bolivariano é un que, como Bolívar, logo de nacer nunha familia da aristocracia, acaba empobrecido debido a loitar por unha idea. O contrario dos abutres que desafiuzan ás familias botándoas das súas casas, que especulan cos países como se fosen fichas nun xogo de mesa, que cobran 25.000 euros por un tratamento da hepatite C que custa, segundo asociacións médicas, entre 110 e 338 euros. O sinistro fondo que comprou a patente á empresa farmacéutica que o desenvolveu, e puxo eses prezos desorbitados a Sovaldi chámase Gilead. Este nome produce calafríos a quen leu a Margaret Atwood, ou viu a película O conto da criada, pois o estado totalitario da novela adopta o nome de república de Gilead. Casualidade ou non?

En canto aos bolivarianos actuais, tamén prefiro estar no bando de Evo Morales que no de Rajoy ou Cospedal. Coñecín, por razóns de traballo, a Bolivia anterior á súa chegada, a situación de desigualdade e miseria, o espolio por parte das empresas españolas, que explotaban os seus recursos naturais a cambio dunha porcentaxe ridícula. Era o país con máis mortalidade infantil de América Latina, creo que só superado polas taxas da poboación afroamericana nos Estados Unidos. Unha análise da situación económica de Bolivia, baseada en cifras e datos, mais que en prexuízos ou propaganda é a de Ignacio Ramonet en Le Monde Diplomatique.

Por isto soa tan ridículo o recurso ao adxectivo “bolivariano” por parte da propaganda oficial para agochar a súa falta de argumentos. Ameazar con: que queren? que este país sexa como Bolivia? Está claro que non somos Bolivia, mais en cambios sociais quereriamos parecernos a eles, por exemplo diminuír as desigualdades, no canto de aumentalas. En resumo, os bolivarianos non son o sacaúntos, o sacaúntos son estes que nos desgobernan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.