Europa xa non é a solución, senón outro problema

Hai xa case un século, en 1914, José Ortega e Gasset dixo que España era o problema e Europa a solución. A frase quedou soterrada pola Guerra Civil e o franquismo, pero renaceu con forza no setenta, cando a oposición á ditadura comprendeu que o futuro democrático viría da man de Europa e que o modelo económico, social e político da entón Comunidade Europea era o obxectivo que España tiña que acadar. Os que entón eran novos, e a xeración que os seguiu, abrazaron con pleno convencemento esa idea e o achegamento a Europa, ás súas realidades e costumes en todos os ámbitos marcou o devir de España no últimas catro décadas.

De Berlín, de Viena, da Haia ou de París só nos chegan esixencias e a política de austeridade que desde hai máis de dous anos nos impuxo Bruxelas está a afundir España, xa de seu bastante afundida

Pero a crise acabou tamén con iso. Se até hai cinco anos viaxar no mesmo tren que os países da Europa rica tranquilizaba a máis ou menos todo o mundo e parecernos o máis posible a eles era unha obsesión nacional, e non só dos dirixentes políticos, hoxe esa compañía está a machucarnos. De Berlín, de Viena, da Haia ou de París só nos chegan esixencias e a política de austeridade que desde hai máis de dous anos nos impuxo Bruxelas está a afundir España, xa de seu bastante afundida polos seus propios problemas e polas barbaridades que desde hai moito fixeron os seus políticos, os seus banqueiros e os seus ricos, en xeral.

Para o vulgo nacional, Europa hoxe só é sinónimo de recortes ou do lugar ao que os mozos licenciados miran para emigrar e atopar un traballo que case sempre está moi por baixo da súa capacitación. Os exportadores aínda seguen vendendo os seus produtos no continente, pero cada vez menos e a prezos máis axustados. E con todo, deixar a UE é unha tolemia. A ninguén, salvo a algún visionario, se lle ocorre, aínda que non poucos soñan con que iso sexa posible.

Con todo, seguimos necesitando os fondos que nos chegan de aí: sen a política agraria común (a PAC), a nosa agricultura practicamente desaparecería e sen as inxeccións de liquidez do BCE, todo o noso sistema bancario tería xa crebado

Estamos atrapados. As ordes que veñen de Europa non fan senón empeorar a nosa situación -como consecuencia da suba do IVE que impuxeron Alemaña e Bruxelas, as vendas do comercio caeron case un 13% en setembro-, pero, con todo, seguimos necesitando os fondos que nos chegan de aí: sen a política agraria común (a PAC), a nosa agricultura practicamente desaparecería e sen as inxeccións de liquidez do BCE, todo o noso sistema bancario tería xa crebado.

Ademais, o diñeiro europeo ao que se confía todo para paliar a nosa dramática crise financeira vainos custar un ril, diga o que diga Rajoy e os seus cada vez máis mentireiros ministros. Mario Draghi, o presidente do BCE, confirmouno esta semana: o rescate suporá novos recortes do déficit español. A rebaixa das pensións é unha hipótese que se manexa cada día con máis frecuencia nos xornais estranxeiros.

Ninguén nos garante que unha vez superada esta etapa, unha vez feitos os "sacrificios" que se nos piden -e que só fan os españois do montón-, as cousas vaian mellorar

Pero o peor de todo, sendo espantoso o que hai, é que ninguén nos garante que unha vez superada esta etapa, unha vez feitos os "sacrificios" que se nos piden -e que só fan os españois do montón-, as cousas vaian mellorar. Farano pola acción do tempo, seguramente moito -iso se España non “cae" antes, como teme Barack Obama-, e non porque os responsables políticos europeos vaian tomar medidas que cambien drasticamente a nosa situación. Nada indica que o panorama vaia cambiar nin a curto nin a medio prazo. Wolfgang Munchau, un analista moi fino e que adoita acertar, dicía isto onte no Financial Times: "A solución da crise aínda está por chegar, pero non vexo evidencia algunha de que iso estea a ocorrer, aínda que sexa en forma de pequenos pasos. Non espero ningún cambio nin sequera despois das eleccións alemás [do próximo ano]. Non vexo cambio algún na situación, salvo que BCE afastou o risco de accidentes a curto prazo".

"A solución da crise aínda está por chegar, pero non vexo evidencia algunha de que iso estea a ocorrer, aínda que sexa en forma de pequenos pasos. Non espero ningún cambio nin sequera despois das eleccións alemás"

E esa tranquilidade momentánea está prendida con alfinetes. Aínda que Angela Merkel parece empeñada en que Grecia non abandone o euro antes das eleccións alemás, non está claro que o vaia a lograr: non hai acordo entre o Goberno de Atenas e a troika (Ekhatimerini). A recesión campa por todas as partes e agora tamén ameaza en Alemaña, cuxo sector industrial, "motor do crecemento europeo", sufriu un inesperado baixón este mes (Financial Times).  O Goberno francés está a loitar, até o momento sen moito éxito, para que o seu país non comece tamén a sufrir unha crise de débeda, mentres algúns xigantes da súa industria sofren como nunca ("PSA [Citroen-Peugeot] afronta a crise máis grave da súa historia", Le Figaro) e os grandes empresarios franceses piden máis rebaixas orzamentarias e que se recorte o que teñen que cotizar polos seus empregados.

Pero as novidades máis inquietantes chegan doutros puntos da xeografía europea. En primeiro lugar de Italia, onde a condena de Berlusconi ameaza a estabilidade do Goberno Monti, porque aínda anunciando que non se presentará máis ás eleccións, Berlusconi ameazou con retirar o apoio do seu partido -aínda o maior da Cámara- ao Goberno ou con facerlle a vida imposible de aquí ás eleccións de abril: "O temor do que poida pasar en Italia volve aos mercados" (Il Sole-24 Ore). As recentes eleccións rexionais sicilianas non acougaron o panorama: gañou a esquerda, o partido de Berlusconi afundiu, o partido antisistema do humorista Beppe Grilo subiu até o 18%, pero a abstención foi do 53% e para algúns iso reflicte o estado de ánimo respecto da política de todos os italianos (Corriere della Sera).

O outro factor de incerteza respecto do futuro do euro está en Finlandia. "Algúns empresarios e responsables políticos finlandeses están a debater a maneira na que o seu país abandonará a moeda única. Un informe prevé que durante un tempo a recuperada moeda nacional, o markka, conviviría co euro", conta Gillian Tett no Financial Times. Aínda por riba, os partidos euroescépticos consolidaron posicións nas eleccións municipais finlandesas deste domingo.

Pero, como contrapeso de tanto mal agoiro, unha boa noticia chega desde Londres: Andrew Haldane, directivo do Banco de Inglaterra, acaba de declarar que o Occupy movement, que hai un ano tomou a City, o centro financeiro de Londres, durante varios días, fixo ben: "O Occupy tivo éxito popularizando os problemas do sistema financeiro global por un sinxelo motivo: tiña razón" (Daily Telegraph).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.