Europeas 2014: por unha candidatura galega unitaria

É o meu firme propósito non interferir na acción da nova dirección do BNG. Cepticismos á parte,  penso que lle hai que dar unha oportunidade e oferecerlle, portanto, a posibilidade de definir unha liña e de tentar executala. E ten ese dereito porque súa, e de máis ninguén, será tamén a responsabilidade. Ao longo de todos estes meses as miñas intervencións públicas limitáronse a defender o BNG, sen criticar nin discutir abertamente as decisións da súa dirección, concordase ou non con elas. As miñas opinións e as miñas ideas transmitinllas en privado, cando me foron pedidas, ao portavoz nacional e ao resto da executiva. Penso que así é como debe ser.

Explicitar unha outra forma de ver as cousas diante das recentes intervencións públicas doutros compañeiros que, ao descualificaren gravemente á contraparte, ameazan con facer fracasar as negociacións do BNG con outras forzas nacionalistas

É por iso que se agora explicito publicamente esas ideas e opinións non o fago por polemizar coa dirección do BNG, mais para explicitar unha outra forma de ver as cousas diante das recentes intervencións públicas doutros compañeiros que, ao descualificaren gravemente á contraparte, ameazan con facer fracasar as negociacións do BNG con outras forzas nacionalistas.

Así pois, co máximo respecto pola dirección do BNG e aos sós efectos de lle fornecer dun ponto de vista distinto dos de quen, supostamente, a apoian, eu sosteño que tal e como aprobou o Consello Nacional antes do verán o logro dunha candidatura galega unitaria debe ser o obxectivo fundamental para as eleccións europeas do próximo ano. E sostéñoo polas seguintes razóns:

Concordo co Portavoz Nacional en que o BNG non pode en ningún caso concorrer baixo o parachuvas dunha forza estatal como IU. Que a nosa debe ser unha candidatura galega construída arredor dun programa de mínimos, nacionalista e de esquerda, aberta a todos e todas as persoas e organizacións que o asuman. Máis clariño: aberta a Anova e outras forzas  nacionalistas e mesmo, se asume o programa e decide ir dentro desa candidatura e non na promovida por IU, a Esquerda Unida. Ao cabo, non afirman os seus dirixentes que EU é unha forza soberana, que defende o dereito a decidir do pobo galego e aposta pola soberanía de Galiza? Daquela, por que habíamos de pecharlle as portas a priori sen lle dar a oportunidade de demonstrar a sinceridade do seu discurso?

Porque unha candidatura coma esta podería obter representación de seu sen necesidade de ulteriores pactos e, sobretodo, permitiría infundir esperanza en que as cousas poden comezar a mudar en Galiza tanto nas próximas municipais – podería ser a primeira forza en moitos concellos – como nas próximas eleccións xerais – sentando as bases dun sólido grupo galego no Congreso e Senado – e nas autonómicas – como primeira forza dunha posíbel maioría alternativa ao PP.

Por que habíamos de pecharlle as portas a priori [a EU] sen lle dar a oportunidade de demonstrar a sinceridade do seu discurso?

Un amplo sector social demanda unha alternativa galega sólida e esixe que as forzas políticas comprometidas coa causa de Galiza e cos intereses das maiorías sociais actúen con xenerosidade. Se xa é difícil entender que, fóra do ámbito sanitario, as mobilizacións e as folgas sexan convocadas por dúas – ao menos – plataformas diferentes, máis o será explicar que vellas cuitas e desencontros que xa non interesan a case que ninguén frustren as esperanzas de quen quer que as cousas muden. E no entanto, o PP a esfregar as mans gozando coas nosas divisións.

Temo que de se frustrar este acordo a división e o enfrontamento subseguintes incrementen o desencanto, o cepticismo e a abstención e dificulten, se é que non os fan xa imposíbel, ulteriores e necesarios acordos en municipais, xerais e autonómicas

Porque temo que de se frustrar este acordo a división e o enfrontamento subseguintes incrementen o desencanto, o cepticismo e a abstención e dificulten, se é que non os fan xa imposíbel, ulteriores e necesarios acordos en municipais, xerais e autonómicas. Non partillo a idea, sustentada por algúns compañeiros e compañeiras, de que debemos prepararnos para unha nova travesía do deserto e que non importa canto tempo pase porque a nosa razón acabará por se impor - quizais ao cabo de vinte ou trinta anos - para descrédito de traidores e inxenuos. Como forza política debemos traballar para os galegos e galegas de hoxe. Son elas e eles, e non a historia, quen nos ha de xulgar. E da dureza do seu veredicto xa nos deron mostras sobradas.

Por todas esas razóns penso que a dirección do BNG (e a das demais forzas nacionalistas e de esquerda, mais eu non fago parte delas) debe negociar de boa fe, apostar sinceramente polo suceso das conversas e actuar con xenerosidade. Sei que o está a facer porque é consciente, cónstame, do moito que nos estamos a xogar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.