Euskozia

Mentres a esquerda europea adoece de alternativas cribles para gobernar a actual crise económica, na mesma columna da Europa máis tradicional, conservadora e presa do pasado, xorde unha terceira vía para ilusionar á ciudadanía e colleitar votantes de cara a establecer un novo Estado na Unión. Mentres os partidos tradicionais amosan unha impotencia case absoluta para conectar coas demandas sociais, unha nova tese agroma nalgunhas nacións que non contan, aínda, con Estado: a do nacionalismo económico. É dicir, aumentar o autogoberno ata constituírse en Estado propio para dar unha resposta local a unha crise global e, de paso, manter as señas propias de identidade. Xusto o contrario que predica o nacionalismo español, que sempre necesita un inimigo: pode ser interior (vascos, cataláns…) ou externo (os franceses, os ingleses que non devolven Xibraltar).

É unha evidencia que son os países máis pequenos os que mellor comportamento amosan nesta crise: Finlandia, Dinamarca, Suecia, Luxemburgo, Austria. Todos eles con taxas de desemprego inferiores ao 10%, con tecidos produtivos de alto valor engadido, punteiros en empresas tecnolóxicas e enerxías limpas; respectuosos co entorno natural, e con Estados do benestar bastante máis desenvolvidos do que nos ofrece o tándem Feijoo-Baltar family. Países cunha fiscalidade ben equilibrada, sen apenas fraude, onde se persegue a quen tenta rirse dos máis evadindo impostos. Países onde os gobernantes actúan con man firme contra os corruptos e non din iso de “se lles subimos os impostos, as empresas vanse”. Vaise Nokia de Finlandia? Vaise Ikea de Suecia? Quizais Porsche de Austria?

Así que feita esta análise, os partidos ousados acaban asumindo que só hai un camiño para manter a identidade e, ao tempo, desenvolver unha economía sólida: a independencia. Xa no 1709, Daniel Defoe contaba na célebre novela “Robinson Crusoe” que “por cada escocés a favor da Unión cos ingleses, hai 99 en contra”. Aquel foi o ano onde a autonomía escocesa foi eliminada coa Acta da Unión, e agora, tres séculos despois, os escoceses poderían decidir de novo se queren permanecer unidos ou prefiren camiñar en solitario. O principal dirixente do Scottish National Party (SNP), Alex Salmond, sacou á súa formación da marxinalidade hai uns anos coa proposta de independencia no 2014, promovida mediante un debate nacional que, de momento, vai gañando claramente, pois o SNP era a terceira forza política do país e agora converteuse na primeira, goberna coa maioría no Parlamento de Edimburgo e está en disposición de convocar un referendo sobre a independencia de Escocia.

Contrariamente ao que sucedería en España, os conservadores británicos non refugan o debate. É máis, entran a el coa súa proposta. É máis probable que se atope vida intelixente en calquera planeta da Vía Láctea antes de que en España os partidos maioritarios debatan con seriedade e argumentos unha proposta así. Salmond baséase no histórico enfrontamento entre escoceses e ingleses, pero sublima as súas posibilidades cun discurso centrado, no que a economía xoga un papel clave. Viviremos mellor se contamos coas nosas propias ferramentas de xestión.

O camiño que Escocia está desbrozando vano seguir outros países. Catalunya a non moito tardar. E Euskadi tamén. Axiña que se acheguen as vindeiras eleccións autonómicas, tanto a esquerda abertzale como o PNV promoverán o debate. Pero, a diferenza de Escocia, Catalunya ou incluso Galicia, Euskadi ten un problema de articulación territorial. Euskal Herria compónse de sete territorios: a Comunidade Autónoma Vasca, a Comunidade Foral de Navarra, e os tres que están baixo administración francesa. Aí habita o pobo vasco, pero non todos os vascos teñen o mesmo apego nacional e, se o teñen, non necesariamente consideran que deba traducirse políticamente en maior autogoberno. Por exemplo, os vascofranceses séntense moi vascos, pero tamén franceses, e nunca viron prioritario abrir un proceso soberanista. Coma moitos galegos, por certo.

Se as forzas abertzales decidiran, dunha vez por todas, abrir o debate independentista en canal, atoparíanse cunha bifurcación de camiños: nun deles, a posibilidade real de independencia só para Araba, Bizkaia e Gipuzkoa. No outro, seguir integrados en España pero tratando de seducir cada vez a máis navarros e vascofranceses. E aí radica o péndulo abertzale: o carreiro da dereita ou o da esquerda. Ou irse unha parte, ou agardar e ir todos xuntos. Escocia e Catalunya non teñen ese problema: todos os cidadáns saben realmente cal é o suxeito político das súas nacións. E esa é outra das grandes derrotas de ETA: no canto de manter a unidade nacional,a súa violencia só logrou afastar a uns vascos dos outros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.