Explicar a Declaració

Cando Alberto Núñez Feijóo, presidente de Galiza, vincula o que el considera a falta de solvencia da Generalitat coa iniciativa democrática da declaración de soberanía, acrecentando que o Govern català procura un "inimigo exterior" diante da súa "incapacidade para pagar as facturas", o pronunciamento semella estar en sintonía coa retórica política máis actual. Son estas as condicións obxectivas que induciron a Declaració ou é outra cousa? Agás os gobernos do País Vasco e Canarias, que expresaron o seu respecto institucional, a maioría das comunidades autónomas, case todas elas en mans do PP, amosáronse moi críticas coa Declaración de Soberanía de Cataluña. Non todas, os executivos de Asturias, Aragón, Castela-A Mancha, Cantabria, Baleares e a cidade autónoma de Ceuta, porén, optaron por non pronunciarse publicamente. Para alén do alcance xurídico da declaración do dereito a decidir, cómpre salientar que foi o pleno do Parlament quen a aprobou con 85 votos de CiU, ERC, ICV-EUiA e un da CUP -o 63% dos deputados cataláns, Feijoó goberna co 45,72% - unha declaración que define Catalunya como "suxeito político e xurídico soberano" e que acorda encetar un proceso para facer efectivo o "dret a decidir" a través dunha consulta.

Quen todo o reduce a accounting,  dende a  rechamante simplicidade da afirmación está convidando á cidadanía a entregarse ao modelo sen segredo da dominación. Non somos mais cá o que pagamos.  Mais xa sabíamos que a ideoloxía non é certa respecto ao seu obxecto aparente. Por tanto, cómpre non desbotar a resposta como unha simple arroutada ou erro, senón cumprindo unha función terapéutica, como unha indicación inconfesábel do seu elo político: o  fetichismo contábel que parece substituír o vínculo social e amosar unha total adhesión á orgánica democracia liberal española. Feijoó é consciente de que a situación que describe non é lóxica malia cumprir co acenamento axeitado.  De feito, o reducionismo causal de Feijoó é unha explosión de realismo epocal, todos actuamos de xeito tan disclipinado como se o único a facer con sentido fose o pagar facturas.  Porén, cómpre fitar un aspecto non banal da súa afirmación- previo ao sabermos que agora a cúpula do PP é máis escrava das súas propias palabras que propietarios dos seus silencios -  que non acentúa  a dimensión  de responsabilidade (ou rendir contas) senón a falta de recursos para pagalas, a insolvencia.

 

Non é unha anomalía

O fulcral no federalismo non sería o volume de gasto xestionado mais o grao de decisión  que se ten sobre o gasto e sobre os ingresos que se precisa para orzamentalo. Mesmo se podería dar o caso de que os galegos pagáramos o soldo de funcionarios e non tivéramos control ningún sobre o servizo. Cousa que de feito acontece  cando se nos nega a sermos atendidos en galego na administración do Estado ou reducen a residual o seu aprendizado na escola. Por tanto, onde é que está a capacidade de decisión? Nos estados federais, como é o caso dos EUA, hai capacidade na decisión sobre os gastos e os  ingresos.

Cada land alemán pode ter un sistema de financiamento diferente. No estado español, cando hai comunidades que desenvolven políticas adaptadas ás necesidades e preferencias dos seus cidadáns, considérase que mina o “principio de igualdade”. Se autonomía e federalismo significan capacidade de decidir dende a especificidade, o que está a facer o PP é ben o contrario: recentralizar e homoxeneizar as diferentes políticas dende unha concepción, cada vez máis nidia e obscenamente proclamada, o feito de que no estado español non se considera  que ningunha comunidade sexa unha unidade política do mesmo rango cá o Estado. A  lectura que fan da Constitución está lonxe de equipararse a un estado federal xa que a interpretación que teñen feito PSOE, PP e Tribunal Constitucional é moi restritiva. A recén restaurada unidade de mercado non é outra cousa que neoliberalismo de gravitación  española que serve para axudar ás transnacionais e erosionar as autonomías de xeito que as competencia á baixa entre gobernos autonómicos reforzará aínda máis o centralismo.

En tanto a folla de ruta catalana se sitúa  -non sen incertezas- no mundo,  ao abeiro da evolución política en Escocia e no Québec e baixo observación vasca, cal é o roteiro do presidente galego? A afirmación de Feijoó baséase no proclamado “principio de igualdade territorial”, o que a nomenklatura popular non se toma a serio  sobre o trasfondo dun sistema europeo que sabe non se soergue nun poder político federal nin confederal. Esa proclamada igualdade é apenas unha ficción simbólica ao nesgo, para que non transpareza o que non pode aparecer.  Que o estado autonómico foi unha improvisación no que a Constitución recoñece cando menos cinco tipos de estatutos e o “café para todos” que reduce ao absurdo a idea mesma de autonomía. Doutro xeito, que a España real que eles gobernan é desigual e asimétrica, unha falacia que se evidencia na fiscalidade de Navarra e o País Vasco (que representa o 5% do PIB fronte ao 20% catalán), que deixa aberta a posibilidade de incorporar Navarra ao País Vasco e que veta a federación de comunidades. Ceuta, Canarias e Melilla teñen réximes fiscais especiais, e estremeños e andaluces poder optar polo PER.

A incoherencia da defensa desa igualdade actúa como o punto cego do ollo. Nos últimos dez anos o “café para todos” ten dado abondosos exemplos de propostas para crearen máis réximes fiscais especiais entre o defensores afoutos desa igualdade  (UPyD, Ciutadans, PP). O que hai é un pseudo federalismo competitivo que, á marxe da singularidade do País Vasco, sempre foi liderado por Cataluña até que se xeneralizou.  Repárese que esta Declaració mesmo chega nun intre con cifras adversas no desemprego e sondaxes nas que gaña o non en Escocia e nun contexto europeo no que a Merkel non está por repartir poder entre máis socios.

Neste contexto, o importante é que Cataluña saiba explicar moi ben o seu proxecto e encaixe na UE hogano. Obxectivo que pasará, ao meu parecer, por redefinir o concepto de independencia e de nacionalismo. Cousa que, por certo, nunca fixo o estado español e senón, eis as novísimas formulacións neofederalistas nun país onde nunca houbo federalistas  (malia os intentos de Solè Tura e Roca por mostrar o camiño federal utilizando a vía constitucional), a reforma sumarísima da Constitución pactada e aprobada en dous meses polo PP e o PSOE ou a anunciada revisión polo TC da lei de horarios comerciais. Certo é que o desafío secesionista asumeu uns riscos importantes que ameazan maceralo se non acrecenta a complicidade  da maioría social para  alén desta Declaració institucional, xa que o goberno español non permitirá cas forzas catalanas recuperen a iniciativa na proposta de pacto fiscal que ameazaba sobardalo, e será moi difícil repetir o suceso de última Diada.

Non viría de máis revisitar a vella tarefa da crítica da ideoloxía para nos amosar o distanciamento que nos ceibe da autoevidencia na que o sistema social cimenta a súa identidade. A declaración de soberanía votada no Parlament non é unha anomalía como se tenta amosar dun xeito deturpador, só cómpre ollar de esguello outros procesos históricos. Se ben antes sería desexábel debullar que unha cousa é unha declaración de soberanía  a prol do dereito a decidir, e outra distinta unha declaración de independencia. A reacción española é todo un pormenor sintomático que nos permiten ver a falsa universalidade das nocións coas que se tenta xustificar e que non é máis ca un accidente na que o Outro ideolóxico sempre está elidido, ausente. 

Para un dos gurús da Transición informacional, Juan Luís Cebrián, a independencia nun mundo globalizado é unha quimera, que non semella refrendar o propio Tratado de Lisboa cando define a UE como unha unión de pobos. Esquecíase Cebrián de que en todo este tempo a clase política non fixo os deberes nin revisou un sistema electoral obsoleto e postfranquista. O pasado setembro, o CIEMEN recoñecía o valioso proceso democrático que se estaba a vivir en Cataluña. Ao longo da historia moitos países teñen declarado ao mundo a súa soberanía, é dicer, a súa existencia como suxeito político e xurídico máis alá da lexitimidade do seu estado, reino ou imperio matriz. Certo é que a decote a declaración puido funcionar, como se fose unha declaración de independencia de facto. Contra 1776, as 13 colonias de América do Norte vanse safar da lealdade á Coroa británica nunha declaración.

Porén, o Parlament  non procura  unha proclamación unilateral - aínda que esa posibilidade a estiver a incluír-  mais un referendum que lexitime o proceso. E hai varias razóns, os partidos políticos teñen modelos de sociedade diferente e un proceso deste alcance precisa que a cidadanía poida coñecer os argumentos a favor e en contra dun estado propio.  Noutros contextos, houbo nacións que precisaron afirmar a súa soberanía e a preeminencia da súa vontade. A democracia que se soergue dende acima, dende as oficinas, está a ser sobrepasada polo poder da xente e a capacidade da cidadanía con consciencia política que está a amosarse en Cataluña. O dereito a decidir, como dereito colectivo, exércese dende a consciencia dos dereitos individuais dos cidadáns. As razóns económicas, a defensa da cultura, do exercicio do poder propio, son piares desta consciencia de dignidade.

A legalidade vixente, a mesma que atranca e silencia a voz dos que tentan debullar as relacións de dominio, a corrupción e os abusos de poder, entre a neutralidade disciplinar e a agresividade controlada, vén dicir que os que debruzándose na retórica da transparencia alicerzan o abuso no amparo da lei, só está para "servizo dos bens" non permitindo recoñecer, parafraseando aos Zizek-Hegel, a rosa na crus do presente. Condición da súa propia imposibilidade, a legalidade devén unha fenda que a afasta do elemento Político, sen debate nin escoita activa da expresión da vontade democrática da sociedade. Até o punto de que se obvia o feito de que no campo sociopolítico non pode haber réxime político que non dependa para soerguer a súa autoridade da participación nel dos suxeitos. A solución-paradoxo é a solución "corporativista" tipo PSC. O dereito a decidir deberá ter como condición o Parlamento español, quer dicir, o bipartidismo converxente do PP-PSOE contrario ao dereito a decidir. Eis o núcleo "transideolóxico" no que deveu o constitucionalismo, o punto irredutíbel da lóxica política do momento. A Declaració do Parlament permite visibilizarmos os límites desa ideoloxía hexemónica permitindo unha interpelación até o de agora adiada. Claro é, o Estado español primeiro tería que se desconvencer de que o seu xeito de velas cousas é o "natural" e obvio. E non van lixar de política o valor supremo da Constitución.

 

Da insolvencia á independencia

Preguntándonos por que os cataláns veñen de facer precisamente agora unha declaración soberanista coincidindo cos recortes ao Estatut, a manifestación masiva do 11-S, e a crise de financiamento (a imposibilidade de  chegaren ao un concerto económico)  logo dun proceso histórico no que, como a nación galega, se foron facendo apenas tímidos e simpáticos pronunciamentos dende unha parte da sociedade civil e dos partidos políticos, ben poderíamos chegar á conclusión que é tan necesario, e respectábel, termos en conta tanto aos cidadáns que se senten ben dentro como aos que se senten abafados dentro de España. Aquí hai unha vontade de contabilidade diferente á que expresa Núñez Feijoó.  O caso é que non sabemos cantos se senten constrinxidos a vivir no estado español. Para Feijoó non hai dúbida, como non  poden  pagar, veñen de inventarse un inimigo seguindo o guión propio da paranoia liberal hollywoodiense.

O que non di é que tamén se podería interpretar como unha presión para chegar a un novo pacto con España. Debullo isto porque me interesa o papel de Galiza neste contexto e segundo o marco disciplinar que mostra o presidente da Xunta. As análises dos fluxos fiscais din que por cada euro que o Estado recada en Cataluña(agás o paro e a seguridade social) 43 céntimos non se gastan no seu territorio, quer dicir, denuncian que as decisión discrecionais da administración central lle son perxudiciais. Para o presidente galego, a autodeterminación é unha paranoia propia de insolventes.

Nisto tamén hai un efecto revelador: a consciencia de precaridade ou de agravio ás veces pode servir de faísca propagadora de emancipación. De feito, perante a imposibilidade de pagar unha débeda o que lle resta ao insolvente  é a vontade,  facer o que lle pete. A resposta, mais do que emendar a Declaració – ao cabo, un acto de secesión xustifícase en si mesmo – serve para albiscarmos o que entende por estado das autonomías o presidente da Comunidade Autónoma de Galicia - que algúns constitucionalistas consideran de feito un estado federal- que está lonxe de ser federalista, respondendo máis ben á lóxica do colonialismo que opera dende o “ocultamento do outro”. A escolla de metáforas non é banal. Cando os cataláns falan de “divorciarse” de España están a recibir unha resposta organicista que se pon de relevo na imaxe da amputación descrita por Gallardón. Eis o punto morto do proceso, non hai diálogo posíbel cun órgano amputado. Non hai recoñecemento do outro, non se recoñece o suxeito político, portanto non hai diálogo e só fica a disciplina  contábel e obedecer. Ao cabo, cando o Parlament aproba a Declaració non fai outra cousa que proclamar Cataluña coma suxeito político e xurídico soberano. Un autorecoñecemento basilar  en calquera  posibilidade de diálogo ao que se nega Feijoó ao reducir Galiza a un órgano.

 

A solvencia como dependencia

O disciplinar pagamento de facturas na orde capitalista estatal-global é expresión de que non precisa proxecto ningún para Galiza na medida en que se acepta que as demandas se eslúan en solucións asimilables polo estado liberal español e polo capitalismo financeiro. A solvencia só serve para pagar facturas. E o pagamento de facturas como proxecto político disclipinar esgótase en si mesmo, circunscríbrese de xeito vicario á idea organicista do Estado e reduce Galiza a un aparato contábel subestatal ao servizo do capital  no canto de explorar a creación das condicións de posibilidade  dun rexistro nacional ou dunha contabilidade nacional da produción e redistribución de bens. A solvencia da que agora se gaba Feijoó alicérzase na tradicional concepción de Galiza como camada  laboral de reserva pronto a ser deslocalizada cando conveña e a aceptación sen chata das especulacións da banca privada e os centros de capital financeiro.

Nada novo, trátase da mesma Galiza manca, desta volta na versión que solve mais non pode dialogar, porque para iso fan falta dous como mínimo e a aquí á Galiza dimidiada só lle recoñecen ser suxeito pagador e recadador. Ese é o único recoñecemento ao que parece aspirar Feijoó para Galiza nun intre no que o modelo que está a agromar é demoledor para o autogoberno en relación ao capital político-financieiro español, alemán  e  europeo e unha involución dos dereitos laborais e cidadáns en xeral nunha España desposuída de soberanía e na que se nos convida a submeternos  á total transparencia do capital. Neste contexto, concibir e criar medios lexítimos de autodefensa non debería sorprender a ninguén. O que sorprende é a dócil autolimitación que a soberbia afirmación amosa porque quen a  fai sábese en primeira liña de saída cara a Moncloa.

O vincallo feixooán entre insolvencia e secesión contrasta cun aspecto singular da singular época postfraguista: a falta de proxecto desenvolvido á vista da cidadanía e o indubidábel alcance politico das súas frecuentes e locuaces declaracións verbo da política española na prensa de Madrid. O xesto é desafiante, e o desafío placebo repítese en diferentes momentos, independentemente do efecto acadado, a modo de mantra: “Hoxe Galicia paga e Cataluña pide. Galicia é a comunidade autónoma máis solvente”. A  clave da afirmación, constatado suceso nas últimas eleccións, é que Feijoó se serve do desafío como distanciamento de Rajoy,  sen renunciar con elo aos xuros,  sabedor que soliviantar aos cataláns terá rendemento persoal presente na prensa constitucionalista e porvir na política española, afortalado polas urnas e baixo a aura do eficientismo neoliberal. A publicación dos papeis de Bárcenas con pagamentos  á cúpula do PP deixándoo en evidencia, tamén  teñen un imprevisto efecto bumeran do que se pode beneficiar se Rajoy non sae ben parado.

Axiña han arremetar uns contra outros en nome do mesmo desexo de transparición, para dicilo como Michel Surya, que os levou a impartir leccións  e como ninguén pode prometer a igualdade só nos ameazan coa xustiza. Desa mostra de canibalismo haberá beneficiados: eles mesmos.

O alarde de descaro cumpre a función de dominación: xa non hai razóns para ignorar unha lexitimidade que só  ela pode fornecer.   Cal é por tanto o proxecto de Feijoó perante o proxecto político deseñado en Cataluña? Segundo el, a disciplina contábel e significarse dende a comunidade histórica de Galicia en valedor dos inimigos contra o proceso do estado catalán. Mais  que gañamos os galegos con esa pose, canto está a pagar Galiza? O que non se di é se da  novidosa solvencia galega se podería deducir algo máis. 

Se é unha solvencia transitoria ou ten unha estreita correlación coa ben coñecida, traballada e fixada  ficción da Galiza subsidiada. Como afirma o economista Xabier Díaz, unha ficción necesaria no proceso de acumulación da “pobre” Madrid e da creación do “estado solidario” e “xeneroso repartidor duns recursos de orixe misteriosa” (Os resultados do sistema de financiamento en 2007) ou nestas páxinas,  Se for así, o propio Feijoó tería desvelado que o da “Galicia subvencionada” é unha ficción ao servizo da construción do estado liberal español alicerzado, entre outros indicadores, en negar a posibilidade dun sistema fiscal propio  que permita recadar, entre outros, o IVE e o imposto de sociedades das empresas aquí ubicadas e non nas delegacións do AET madrileñas. Non hai confusión máis eficaz, xa non hai razóns para agochalo. Tanto a Galicia subvencionada como a solvente Galicia de Feijoó non son máis ca figuras retóricas dunha mesma conformidade que está lonxe de responder con enerxía e imaxinación aos desafíos dun país minorizado mais abonda para converter no único horizonte a lexitimidade que pode outorgar a dominación. Fan parte da mesma ficción populista, nun intre no que o aceno non conformista na vida pública está a sufrir unha  permanente descualificación e amputación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.