Extinción léxica

No léxico da nosa lingua existe un axioma claro: “O que non coincide ou se semella ao castelán tende a desaparecer”. Isto explica por que todo ese enorme vocabulario patrimonial de noso que non ten o seu equivalente en castelán anda en imparábel esmorecemento cara á extinción. O mesmo ocorre coas diferenzas morfosintácticas e fonéticas, abofé.

No léxico da nosa lingua existe un axioma claro: “O que non coincide ou se semella ao castelán tende a desaparecer”. Isto explica por que todo ese enorme vocabulario patrimonial de noso que non ten o seu equivalente en castelán anda en imparábel esmorecemento cara á extinción

Temos unha enorme cantidade de vocabulario que cada vez utilizamos menos polo simple, e constatábel, feito de que a maior parte da populación non o comprende, por exemplo (tódolas palabras citadas están admitidas polo dicionario da RAG): acolleito (abeiro, refuxio), adealla (engadido, amecedura; propina), airoa/eiroa (anguía), alfiestra (ollo da agulla), ametencia (aluvión, enchente, riada), anga (asa), balseira (silveiro), baloca (pataca; castaña), barrufeiro (cabalo ruín), biscallo (cría de troita), brume (pus), bullote (castaña), buxeo (carniceiro) –que traballa nunha “cortadoría” (carnizaría)–, cadeixo (polea, roldana), caninea e canzada (*xauría), carnaxe (carnizaría, matanza), carouxo (xeada), carriza (musgo), cercella e gradicela (estrelamar), chouso (terreo valado), chupona (lamprea), cotela (tope en altura), ferralla (chatarra), godalla/godallo e tamén xena/bode (cabra/cabrón), goio (oco), laimo (bo sabor) –e “resaibo” (mao sabor)–, loiada (trola, mentira), ouca (alga), ozca (desfiladeiro, foz), pecheira (pechadura), perfeba (pestana), porraca (charco), recovaxe (grupo numeroso de persoas ou animais), seimeira (fervenza, cadoiro), varelo (póla, rama) etc. Cantos de vostedes, prezados leitores, coñecían todas estas palabras –eu confeso que descoñecía a maioría–?

O mesmo ocorre con formas esenciais da nosa gramática como os pronomes persoais tónicos precedidos da preposición “con” que adoptan formas especiais nas 1P, 2P, 3P e 4P e 5P: comigo, contigo, consigo (forma reflexiva), connosco e convosco. As tres primeiras tamén existentes en castelán (conmigo, contigo e consigo) non corren perigo ningún, mentres que as dúas últimas cada vez se usan menos porque non teñen correspondencia no castelán.

E igualmente os pronomes persoais tónicos de 4P con dúas formas: nós e nosoutras/nosoutros, que o galego distingue segundo haxa un grupo diferenciado dentro dun “nós” xeral ou non, distinción inexistente en castelán que fai que ámbalas formas tendan a se empregar hoxe como sinónimas.

Ou o adverbio “u”, que sempre aparece seguido dos artigos determinados: u-la(s)/u-lo(s), ou dos pronomes persoais átonos de 3P: ula(s)/ulo(s), que só se usa pra preguntar en presente onde se atopa algo ou alguén. Cáusame pena ler ou ouvir unha pregunta como: “Onde está o libro?”, no canto de “u-lo libro?”

A semellanza ou coincidencia co castelán explica o éxito de moito vocabulario fronte aos seus sinónimos menos ou nada imitantes, que cando se usan táchanse de diferencialistas, como se a diferenza –co castelán, xaora– fose en si un defecto, así: aduana – alfándega; ancho – largo; andamio – estada; anguía – airoa/eiroa; ano – censo, curso; anzol – amocelo, bica, catueiro;  branco – albeiro, albelo; campá – sino; cara – face, faciana; chama – lapa; chincha/chinche – percebella; delfín – golfiño, arroaz; difícil – custoso; escampar – estear, delampar, amizar; extenso – cumprido; fácil – doado; feo – laido; fronte – testa; garduña – fuíña, gatela, martaraña, rabisaco; gorrión – pardal/pardao; grazas! – beizón!; labio – beizo; lagaña – remela, lepa; mosquito – cínfano, cínife; ortiga – estruga, ortigón; ouriñal – penico, bañado; pestana – perfeba; pipa – cachimba; reiseñor – rousinol; sombreiro – chapeu, pucho; temón/timón – leme; trenza – trinca, cadrelo; ubre – remollo; xastre/xastra – alfaiate; xeneta – rabilongo etc.

Ou preférese a forma máis parecida á castelá entre variantes coa mesma orixe: acá/alá – acó/aló; ademais – amais; angustia – anguria; aprender – deprender; avespa – vespa, avéspora, nespra; baía – badía; baixada – baixeira; bicho – becho; cerrar – zarrar; ciprés – alcipreste; coidado – coido; col – coia, coella; desde – dende; fantasma – pantasma –lembremos que a primeira é masculina e a segunda feminina–; murmurar – marmular; nítido – nidio; nube – nubre –nótese que os termos relacionados son: “nubrar” e “nubro”–; olmo – umeiro; palacio – pazo; romaría – romaxe; uña – unlla; vergonza – vergoña etc.

Aínda que hai tamén sinónimos diferenciados que teñen a sorte de seren preferidos polo galego literario, e por veces recomendados polo dicionario da RAG, fronte aos sinónimos similares ao castelán, polo que resisten mellor a asimilación, ao menos na lingua escrita, como: abrente – aurora; acadar – alcanzar; amosar – mostrar; bágoa – lágrima; bébedo – borracho; cadaleito – ataúde, féretro; crego – cura; luva – guante; meiga – bruxa; mol – brando; ollar – mirar; póla – rama; quedo – quieto; recendo/arrecendo – aroma; sarabia/saraiba – pedrazo, graínzo; sinatura e asinar – firma e firmar; solpor – posta/postura (de sol); trabe – viga etc.

E así mesmo hai variantes coa mesma orixe, onde a forma máis diferente da castelá é a recomendada polo dicionario da RAG, o que lle dá preponderancia no galego estándar: aldraxe – ultraxe; amencer – amañecer; cor – color; curto – corto; dor – dolor; empurrar – empuxar; espertar – despertar; escuma – espuma; ombreiro – ombro; orxo – cebada; parrulo – pato; puír – pulir; quizais – quizabes; roldar – rondar; serpe – serpente; uz – urce etc.

Non obstante, tódolos nosos sinónimos parciais e mailas palabras coa mesma orixe pro con significado diferente que non teñen correspondencia no castelán van tamén cara á desaparición, a pesar de que estean recollidos polo galego estándar. Velaquí uns poucos exemplos:

O castelán non posúe un verbo que defina estritamente o concepto que “algo é bastante pró que se precisa” e emprega o verbo ser + o adxectivo suficiente, tamén válido en galego, malia que no noso idioma contamos co verbo abondar pra expresar exactamente ese concepto. Outros verbos tamén teñen acepcións pra o expresar, tanto en castelán coma en galego: bastar, alcanzar ou chegar, mais só “abondar” o expresa especificamente. Ex.: “O diñeiro recadado abonda prá compra” mellor ca “o diñeiro recadado é suficiente/alcanza/basta/chega para a compra”.

Como sucede coa maioría das linguas occidentais, distinguimos entre o espazo central dun recinto onde se realiza un espectáculo: arena, e o gran ou grans de rocha que cobre gran parte do chan terrestre: area. Portugués: arena e areia; francés: arène e sable; italiano: arena e sabbia; inglés: arena, ring e sand etc. Mais como o castelán usa a mesma palabra prós dous conceptos, non é infrecuente atopar textos coa segunda verba no lugar da primeira. Ex.: “Mancouse coa area que había na arena”.

As palabras beiramar e mariña denominan a “zona ou territorio próximo ao mar”, porén o castelán prefire pró mesmo concepto os seus sinónimos “costa (marina/del mar)” e “litoral (marino/del mar)”, así que son estas palabras, tamén galegas (costa (mariña/do mar) e litoral (mariño/do mar)), as máis usadas en detrimento das dúas primeiras, aínda que a segunda tamén sexa aceptada polo dicionario da RAE (marina). Ex.: “Pasarei as vacacións na beiramar” mellor ca “pasarei as vacacións na costa (do mar)” e “É tempo característico da mariña” mellor ca “é tempo característico do litoral (mariño)”.

A consideración ou confianza de ten algo ou alguén pola súa boa calidade é creto ou crédito, mais só nesta acepción se emprega a primeira forma patrimonial. Xa que logo, por que non se usa e deixamos a segunda prós demais casos en que non procede a primeira? Ex.: “Esa persoa non ten creto ningún” mellor ca “esa persoa non ten crédito ningún”.

O castelán non ten un verbo que abranga o concepto expresado co verbo ser + o adxectivo necesario, tamén utilizábel en galego, mentres que o noso idioma si: cumprir. Mais seguir o modelo castelán leva ao desuso deste verbo tan noso, que se diferencia do seu homónimo “cumprir” (facer o debido) unicamente na súa conxugación irregular do Presente de Indicativo: cumpro, cómpre, cómpres, cumprimos, cumprides, cómpren. Ex.: “Cómpre que arrombes o cuarto” mellor ca “é necesario que ordenes o cuarto”.
En castelán só o substantivo “primo” denomina o fillo de calquera irmán ou irmá dos pais ou calquera outro parente, e pra diferenciar o primeiro de calquera outro máis arredado en consanguinidade usa os adxectivos “(primo) carnal” ou “(primo) hermano” e “primo segundo” pró segundo concepto; no entanto, en galego temos pra este grao de parentesco o substantivo “curmá/curmán”, análogo ao portugués: “coirmã/coirmão”, e deixamos a palabra “primo” prós parentescos menos achegados, aínda que tamén se poida usar “primo carnal” como sinónimo de “curmán”, e “primo segundo” pró fillo dun curmán ou un tío avó, no que é un calco innecesario do castelán. Ex.: “Aqueles son primos pro este é curmán” mellor ca “aqueles son primos segundos pero este é primo carnal”.

Causa pena que alguén bote man da expresión “dedo do pé”, necesaria en castelán pra indicar as prolongacións dos pés en distinción coas das mans, mais innecesaria na nosa lingua. Velaquí o motivo: os casteláns teñen normalmente vinte dedos, dez nas mans e outros dez nos pés, mentres que nós, os galegos, soamente temos dez dedos, todos nas mans, pois nos pés o que temos son dez dedas. Ex.: “Píntase coa mesma cor tanto os dedos coma as dedas”.

Agora dous sinónimos parciais: derradeiro e último, cuxa sutil diferenza en galego non ten correspondencia en castelán?, que só ten “último”, tanto pró que remata polo momento unha serie coma pró que a remata definitivamente, polo que moitas veces aparece “último” onde se debería usar “derradeiro”. Ex.: “A guerra de Donbáss é a última guerra europea, mais ende mal non será a derradeira”.

En galego temos un verbo moi preciso que empregamos pra indicar que unha ave levanta o voo ou un avión inicia o voo: engalar, así que expresións como: “O pardal levantou o voo” ou “a nave comeza a voar”, son totalmente innecesarias na nosa lingua, que debe usar o verbo axeitado: “O pardal engalou” e “a nave engala”, mais sabendo que tanto o pardal coma a nave cando están xa no ar, xa non engalan senón que voan. Ex.: “Os parrulos comezan a engalar correndo pola auga e logo voan formando bandadas en uve”.

No uso do adxectivo “grande” e do seu apócope “gran” o galego estabelece que esta forma reducida só se usa diante dos substantivos en singular que comezan por consoante, mentres que en castelán non importa por que letra comece. Ende mal, é a norma castelá a que se vai impoñendo no galego. Ex.: “É unha parella formada por un grande home e unha gran muller”.

Na Idade Media o galego usaba a palabra “insoa/insua” pró que hoxe denomina “illa”, lusismo implantado con éxito pra substituír o castelanismo “isla”. Con todo, “insua”,a antiga palabra patrimonial non desapareceu de todo e o dicionario da RAG recóllea pra denominar “unha pequena illa nun río”, tal como tamén fai o portugués: “ínsua - ilha formada numa foz ou por um rio”. O castelán non distingue entre unha illa de río ou outra calquera, polo que aos poucos as nosas insuas desaparecen do noso vocabulario. Ex.: “No medio do río había unha insua” mellor ca “no medio do río había unha illa”.

A denominación da letra grega, usada no galego antigo e na maioría das linguas occidentais, é iota, mentres que o baile popular recibe o nome de xota. En castelán ámbolos nomes coinciden e isto ás veces cóase no galego. Ex.: “A xota en castelán escríbese con iota”.

Confusión entre o substantivo segredo e o adxectivo secreto, por mor de que en castelán só existe “secreto” pra ámbalas clases de verbas. É moi corrente o castelanismo “en secreto” no canto do correcta locución adverbial “en segredo”, feita co substantivo, sinónima do adverbio “secretamente”, feito co adxectivo. Ex.: “Non é segredo ningún que hai un túnel secreto”.

Estou convencido de que a recuperación e mailo uso de tódalas palabras senlleiras do galego é acción fundamental prá supervivencia do noso idioma, isto non constitúe unha escolla de diferencialismo esaxerado, senón que é unha táctica de autodefensa necesaria

Tamén entre a patrimonial serea, que denomina o ser mitolóxico, e o galicismo sirena, adoptado pra denominar a bucina de barcos e vehículos, neste caso o erro máis común é empregar a forma patrimonial no lugar do neoloxismo. Ex.: “Cando vexas as sereas fai soar a sirena”.

Se subimos unha costa facemos unha subida, mais se é o prezo da compra o que subiu entón produciuse unha suba. En galego temos dúas palabras distintas pra conceptos moi próximos pro non iguais, onde o “pobre” castelán usa unha soa. Ex.: “Prexudicaríame menos a subida ao Everest cá suba do meu alugamento”.

Unha persoa que actúa con vileza é un vilán, e na Idade Media tamén era “vilán” a persoa de clase non nobre, e unha que vive nunha vila é un vilego, porén en castelán tan “villano” é a persoa ruín coma a habitante da vila. Na nosa lingua é erro pexorativo trocar a segunda palabra pola primeira. Ex.: “Ese individuo amais de vilego é un vilán”.

En fin, estou convencido de que a recuperación e mailo uso de tódalas palabras senlleiras do galego é acción fundamental prá supervivencia do noso idioma, isto non constitúe unha escolla de diferencialismo esaxerado, senón que é unha táctica de autodefensa necesaria, un dique pra conter a vagada de asimilación secular; polo contrario o noso idioma seguirá a diluírse aos poucos pro inexorabelmente no castelán, vítima do noso propio menosprezo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.