Un ano mais, a publicación do Ranking de Sanghai, a calificación internacional das universidades impulsado pola universidade chinesa Jiao Tong dende 2003, e hoxe responsabilidade dunha organización independente, a Academic Ranking of World Universities, fai correr ríos de tinta en España.
A nova este ano é que ningunha universidade española está posicionada entre as 200 mellor clasificadas a nivel internacional. Entre as 500 mellores aparecen 11 universidades españolas, encabezadas polas universidades catalanas Pompeu Fabra e a Universidade de Barcelona. A Universidade de Santiago de Compostela, a única galega nesta última edición, aparece na franxa da 301 á 400 mellores universidades do mundo.
Como todos os anos o ranking está encabezado pola Universidade de Harvard, seguida pola de Stanford, coa Universidade de Cambridge ocupando a terceira posición. Entre as 25 mellores universidades a preeminencia das universidades estadounidenses é palmaria: 19 universidades dese país, Reino Unido sitúa a tres universidades e Xapón, Suiza e Canada situan neste grupo selecto a unha universidade cada país.
No noso entorno cercano Francia situa entre as 500 universidades a 20, tres delas, ente as 100 mellor clasificadas, encabezadas pola Pierre and Marie Curie University, no posto 40. Pola súa banda Italia situa a 16 universidades, duas delas na franxa 151-200, sendo a mellor calificada a universidade romana de La Sapienza. Portugal situa a cinco universidades, encabezadas pola Universidade de Lisboa e pola Universidade de Porto.
Non vou eiquí a cuestionar a forma na que o ranking é confeccionado, tanto sobre este como sobre outros rankings semellantes moitos estudios teñen posto en evidencia que os indicadores utilizados poden introducir sesgos que benefician a certas universidades sobre outras.
A pregunta é outra: poderian as universidades españolas estar noutras posicións, mellores, mesmo sen modificar os indicadores?
A resposta é que os resultados acadados polas universidades españolas, pola Universidade de Santiago de Compostela, son resultados destacables, moi destacables, dadas as circunstancias nas que as mesmas compiten coas súas homólogas doutros países.
Para poder explicarme correctamente rescatei da hemoroteca unha entrevista realizada a quen era, e é, o reitor da Universidade George Manson, de Virxinia, na franza 201-300 do ranking de Sanghai. o español Ángel Cabrera, un acadécmico experto en economía internacional e administración universitaria. A entrevista foi publicada na prensa española a principios do ano pasado. A George Manson é unha universidade pública, no senso no que as cousas públicas son públicas en Estados Unidos, con 34.000 alumnos, que pagan unhas taxas de entre 10.000 a 30.000 dólares anuais, dependendo de si o alumno procede do mesmo estado ou de fora. Cabrera relataba que o orzamento anual da universidade era duns mil millóns de dólares, arredor de 850 millóns de euros ao cambio actual. O orzamento da Universidade de Santiago para o ano en curso apenas supera o 25% do orzamento anual da George Manson, é mais, o orzamento conxunto das tres universidades galegas non chega aos 500 millóns de euros.
Pódeselle pedir moito mais ao sistema universitario español, ao sistema universitario galego?. A Universidade de Vigo, que por varios anos ten figurado no ranking de Sanghai ten a día de hoxe un orzamento menor que o que tiña en 2008.
Máis que sorprendernos porque ningunha universidade española figure entre as 200 mellores tal vez deberamos sorprendernos por ter 11 na lista das 500.
Hai uns meses a prensa faciase eco dun dato que poñía en evidencia a falta de perspectiva a longo prazo co que o goberno do Partido Popular ven xestionando a crise económica. As novas decían que España fora, segueo a ser, o país que mais ten reducido os gastos de I+D dende o comenzo da crise. Nos últimos anos España ten disminuido os gastos en I+D, tanto públicos como privados, ata situalos no 1,23% do Producto Interior Bruto, lonxe, moi lonxe, da media europea que se ten situado no 2,03% do PIB, e a unha distancia increíble das cifras das economías avanzadas e innovadoras: Finlandia gasta en I+D o 3,17% do PIB, Israel o 4,11%, Suecia o 3,16%, Xapón o 3,58%, Francia o 2,26%... Esto pon en evidencia cal é a saida da crise que en mente ten o goberno do Partido Popular: ser un pouquiño mais un país de camareiros, un país de ocio barato para as clases populares das economías ricas. E para ese viaxe, para ese futuro, a I+D é un gasto suntuario!.
As universidades españolas teñen visto nos últimos anos como a financiación de I+D baixaba de forma continua, como as posibilidades de estabilización dos investigadores que se formaban non era outra cousa mais que soños utópicos, tense visto como se vai incrementando, como mal menor, o nivel de precariedade (salarios a nivel de subsistencia, contratos de curta duración, autoexplotación…), e con el os abandonos no sistema de ciencia e tecnoloxía, galego e español, de persoas valiosas, acollidas, non poucas veces, en países con gobernantes con visión de futuro. As universidades teñen visto como disminuían os cadros de persoal de I+D, a medida que ano tras ano as xubilizacións non era cubertas con novas contratacións.
A falta de financiación significou tamén a incapacidade, en moitos casos, de poder renovar equipamentos ou mellorar infraestructuras científicas, indispensables para desenvolver investigación a nivel de excelencia internacional, que á súa vez é o que da lugar a publicacións en revistas científicas internacionais de prestixio, publicacións que forman parte dos indicadores do nivel de excelencia dunha institución universitaria.
Do número e posición das universidades española no Ranking de Sanghai podemos tirar dúas conclusións:
- o enorme compromiso, na meirande parte dos casos, dos investigadores e investigadoras das universidades públicas, para pular pola investigación a pesares dos recortes salariais, a pesares da penuria de medios, da falta de persoal, que ten conseguido que a pesares de todo a ciencia en España siga avanzando, e sexa capaz de posicionar a 11 universidades entre as 500 mellores.
- a necesidade dun cambio nas políticas de apoio á investigación que se están a desenvolver en España, comenzando polo nivel de financiamento, os orzamentos de I+D non poden ser os irmans pobres das políticas económicas, e faise necesario un incremento xeneroso e sostido no tempo.
Pero a política de apoio á investigación científica non é so o nivel de financiamento, son precisas accións que melloren os sistemas de xestión, sistemas de primen a excelencia na asignación de fondos, que se creen sistemas reais de incentivos, mellorar os mecanismos de transferencia do coñecemento xerado ao entorno económico e social, incentivar a participación nas actividades de I+D do sector empresarial productivo… Tal vez algo disto apareza no novo Plan Nacional de I+D pendente de aprobar, ainda que tal vez sexa unha inxenuidade agardar algo dun goberno que só aspira a que vaian pasando os días.
A capacidade das universidades, dos organismos de ciencia e tecnoloxía, para facer mais con menos ten os seus límites. Non podemos pretender competir a nivel internacional cando non se poñen os medios para facelo. Sen un esforzo serio en I+D con seguridade o futuro de Galicia, de España, será peor que o pasado.