Fake news sobre os impostos

Non hai dereita que se prece que non prometa baixalos impostos cando chegue a gobernar. O gran profeta do neoliberalimo, Milton Friedman, afirmaba ao ríspeto: “Estou a favor de reducir impostos baixo calquera circunstancia e con calquera escusa, por calquera razón, en calquera momento que sexa posible (…) dende fai tempo sosteño que non hai redución de impostos que non me guste, pero unhas gústanme mais que outras”. Unha aposta política que, nembargante, deixou de seren patrimonio das dereitas para ser asumida por partidos políticos de esquerdas como por caso a socialdemocracia española moitos de cales dirixentes mostran a súa satisfacción pola baixa presión fiscal española. Satisfacción aumentada por ter sido durante o seus gobernos, por caso con de Rodríguez Zapatero de presidente, cando descendeu. “Baixar os impostos é de esquerdas (….) parece mentira que as nosas posicións estiveran nesta materia tantos anos enquistadas”.

Recentemente, co gallo dos Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2020 este debate volveu ao escenario político. O presidente da Xunta de Galicia presentaría como novas medidas tributarias “diferentes medidas fiscais, que teñen como obxecto estimular a demanda agregada interna, contribuíndo a dinamizar o consumo e o investimento”. Medidas, que encobren reducións fiscais, xustificadas por A. Núñez Feijoo co argumento de que “a Xunta desexa que Galicia, sempre que sexa posible, vaia por diante na redución de impostos e que de ningures se quede atrás”.

Redución que en esencia reflicte rebaixas no Imposto sobre a renda de persoas físicas, fundamentalmente para determinados casos de compra de accións e/ ou investimentos en sistemas agrarios ou de eficiencia enerxética, no Imposto sobre sucesións e doazóns por incrementos nas reducións por parentesco e no Imposto sobre transmisións patrimoniais por unha rebaixa no tipo de gravame aplicable a adquisición de vivenda. Decisións que teñen unha importancia orzamentaria apenas perceptible (0,3% dos ingresos tributarios) pero que non deixan de seren politicamente relevantes e ilustrativas por tres razóns cando menos: 1. Supoñen unha renuncia clara a mellorala situación fiscal de Galicia xa que, por caso, non se preocupan da loita contra a elevada fraude fiscal, 2. Benefician preferentemente as rendas medias e altas, 3. Lesionan varios principios constitucionais tributarios moi especialmente o de progresividade xa que incrementa a desigualdade no trato fiscal entre as rendas do traballo e do capital. Unha desigualdade xa de seu moi elevada.

Os argumentos que utiliza a actual Xunta de Galicia (PP) para xustificar tanto esta particular rebaixa nos impostos como o non procurar unha mellora dos ingresos tributarios, móvense na liña da ortodoxia neoliberal quen afirma que os impostos afectan ao gasto privado (consumo e investimento) e, xa que logo, a demanda freando o crecemento económico e a creación de emprego. Argumentos que, como demostran tódalas evidencias, responden exclusivamente a unha posición ideolóxica e de clase. Unha posición que, por outra parte, ten consecuencias indesexables como, por caso, disparalas débedas públicas e esnaquizar as funcións públicas de benestar tal e como sucede en España e en Galiza.

De que uns impostos elevados non lesionan o crecemento económico e a creación de emprego temos incontables evidencias en Europa. Os estados europeos que teñen unha maior presión fiscal (Suecia, Dinamarca, Noruega, Francia, Países Baixos, Alamana) son tamén os estados con maior nivel de riqueza, mellores estados de benestar e menores taxas de paro. Tamén son aqueles estados con maiores entradas de capital (IDE) e mais elevadas produtividades. Evidencias empíricas que subliñan como a Xunta de Galicia está facendo, a nivel fiscal, todo o contrario do que debera si realmente quere estimular o crecemento económico e favorecer a creación de emprego.

Dicía antes que os políticos que critican as subas de impostos son tamén os que esnaquizan os estados de benestar. Os impostos serven para financiar actividades públicas que dan servizos (atención sanitaria, ensino, atención a familia e a infancia, dependencia, desemprego.) a moitos cidadáns que por si mesmos non poden acceder a eles. Velaí o quid da cuestión: os políticos neoliberais que están en contra da suba dos impostos están tamén contra o garantir que tódolos cidadáns, e non so os que teñen recursos suficientes, poidan acceder a tales servizos. 

Dicía tamén que son gobernantes que disparan as débedas públicas. Estes políticos o tempo que defenden a redución de impostos reducen o gasto público. Unha austeridade fiscal que, como puidemos comprobar nesta última década, converteu o que era un crise financeira nunha grande recesión. Unha grande recesión que ademais de disparar o desemprego e incrementalas desigualdades sociais tamén disparou as débedas públicas por mor da caída nos ingresos públicos que acompañou a recesión e que derivou en continuos e permanentes déficits. 

Como resume repetir que trala defensa de redución de impostos hai, sinxelo e sinxelo, unha posición ideolóxica que favorece a desigualdade social, non favorece o crecemento económico e mantén elevadas taxas de desemprego. España, e con ela Galicia, son exemplos de libro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.