Nunca entendín moi ben a existencia de debates de política xeral en modelos parlamentaristas. E moito menos nos casos como o galego ou o español, nos que a permeabilidade ao argumento do contrincante é tendente a cero. O primeiro debate de política xeral do que se ten constancia, se non me trabuco, foi durante o mandato de George Washington xa como presidente das colonias norteamericanas independizadas. E facíao porque, ao ser o primeiro sistema de goberno que carecía de cabeza coroada, arremedaba o que coñecía: o discurso do monarca inglés en nome do seu primeiro ministro. A Thomas Jefferson, republicano convicto e confeso, non lle chistaba nada o que cheiraba a realeza (e tampouco facer intervencións en público), así que o terceiro mandatario do novo Estado eliminou o que deron en chamar o Discurso do debate do estado da Unión (mandábao por escrito). Non foi até a chegada de Woodrow Wilson que se estableceu o formato que agora se coñece.
O formato foi exportado ao Reino de España en 1983, cando o Congreso dos Deputados. E claro, dado que o modelo parlamentario galego é unha reprodución a escala do español, non podíamos ficar sen debate de política xeral. Explico todo isto para xustificar a miña falla de creto nesta práctica no noso caso e nos de se lle asemellan. Namentres no modelo norteamericano o presidente é electo directamente pola cidadanía e a súa rendición anual de contas é ante unhas cámaras con pouca ou escasa disciplina partidaria e que non lle actúan de corifeos (mesmo, pódenlle ser contrarias), aquí o xefe do goberno é escollido polo lexislativo en función da maioría que haxa no hemiciclo. Xa que logo, a intervención da persoa que ocupe a presidencia da Xunta non é para poñer en debate o que vai facer ao longo dun ano e explique o que fixo no anterior, senón para que, diga o que dixer, a maioría parlamentaria aplauda e a oposición monte balbordo e fale do desastroso que está a resultar o mandato.
Isto demostrouse nestes días.
Un Feijóo que por único titular dos debates dá unha rebaixa no tramo autonómico do IRPF, cun PP enrocado nas súas posicións e no camiño da austeridade cara a ningures, agás a coartada ideolóxica
Un Feijóo que por único titular dos debates dá unha rebaixa no tramo autonómico do IRPF, cun PP enrocado nas súas posicións e no camiño da austeridade cara a ningures, agás a coartada ideolóxica. Iso si, todo adobiado cunha variedade de anuncios que se poden atopar no seu programa do 2009 e non no actual, por certo. Tanto o presidente como o seu partido deron mostras claras do que o seu é un goberno para unha parte do país e non para o conxunto da súa cidadanía. Furtou o debate real da rendición de contas e a súa maioría exímeo de dar explicacións. Mesmo das explicacións que non deu antes (Marcial Dorado, do non ao si no caso do nivel de déficit autonómico no Consello de Política Fiscal e Financeira, o decreto do galego) nos días previos anunciou a suba da taxa dos carburantes (o chamado céntimo sanitario), algo do que non falou no debate de política xeral. Iso si, fixo un alarde de diálogo coa oposición, para despois demostrar a firmeza das súas palabras: de 150 propostas da oposición aceptou dúas, mentres que os seus contrincantes políticos aceptábanlle 8 das súas 50. Non hai color. Mal sinal para a reforma electoral que se agoira.
Recoñezo que me sorprendeu o PSOE galego e o seu novo (pero usado) portavoz, Méndez Romeu, que acompasou a crítica coa presentación de propostas
Recoñezo que me sorprendeu o PSOE galego e o seu novo (pero usado) portavoz, Méndez Romeu, que acompasou a crítica coa presentación de propostas. Iso si, a única realmente interesante foi a que afecta ao grave problema demográfico, que debería ser acometido de inmediato e cun pacto entre todas as forzas políticas. A súa proposta para a creación de emprego podería tela presentado ante calquera cámara territorial española e a pretensión de que o FROB non venda o que foron as nosas caixas é un tanto imposíbel.
O BNG puxo esforzo, empeño, crítica e traballo, como é habitual, pero precisa algo máis para poder destacar por riba da melé. Perserverar na xusta reclamación pola soberanía non é suficiente para protagonizar o debate, e moito menos se non hai quen che bote unha man na rúa ou no propio parlamento.
Perserverar na xusta reclamación pola soberanía non é suficiente para protagonizar o debate, e moito menos se non hai quen che bote unha man na rúa ou no propio parlamento
O debate serviu tamén para visibilizar o estado no que se atopa a oposición e demostrar quen a encabeza realmente. E non só porque dous dos tres líderes da oposición non podían ocupar escano e si espazo entre os convidados. Foi clarificador que, nada máis rematar a intervención de Francisco Jorquera, subise ao estrado o Beiras e dixese que lle valía todo o que argumentara o portavoz do BNG para dispoñer de 40 minutos que empregou na súa posta en escena. O lume na palabra, a contundencia no ton, o exceso na xestualidade, pero nin unha soa solución. Falou ben, coma sempre. E que máis? Recentemente houbo quen comparou o líder de AGE co Moisés, coa correspondente travesía polo deserto. Pode ser que non chegue a alcanzar a terra prometida, non o sei, pero a día de hoxe é o indiscutíbel referente da oposición.
O debate serviu tamén para visibilizar o estado no que se atopa a oposición e demostrar quen a encabeza realmente. E non só porque dous dos tres líderes da oposición non podían ocupar escano e si espazo entre os convidados
Vivimos tempos nos que na política galega o significado da palabra “consenso” mudou a tal extremo que no canto de “negociación de acordos” cobrou o sentido de “ofrecemento a que os demais se sumen ao que un di”. Abonda con ver a limitación do máximo de propostas por cada grupo parlamentario a 50, para non molestar ao goberno e tamén para non ver quen é quen máis iniciativas presenta. Xa non existe nin a reciprocidade parlamentaria, nin a empatía política, nin a capacidade de abrirse ás propostas alleas. Quizás o que lle fai falla a este país é un humilde pastor de ovellas capaz de crear un reino. Quizás o que falta é compromiso.