Fareille unha proposta que non poderá rexeitar

Atopei un libro que non sabía que tiña na miña biblioteca. Leccións de estratexia co Padriño, de Guillermo de Haro (Pearson. Prentice Hall).

Eu quero crer que o mundo é completamente autónomo e soberano, que ningunha forza ou ningún poder alleos a el poden interferir no seu transcurso polo tempo e o espazo. (Isto parece algo tautolóxico, non?) Xa que logo, as casualidades, ou non significan nada, nada de nada, ou xogan algún papel na medida en que a nós nos afectan. (Ben, agora estou falando de nós e antes falaba do mundo Voume enlear). É igual. Nunca o saberei. (O das casualidades). No entanto, resúltame curioso, ata suxestivo, que sexa agora, xustamente agora, cando atope ese libro no medio do caos absoluto nos andeis da miña biblioteca.

Leccións de estratexia co Padriño. (Ao mellor atopoume el a min e iso xa comezaría a crebar conviccións). Non hai nin unha semana que papei enteira, capítulo a capítulo, primeiro dobrada e despois en versión orixinal subtitulada, a serie d’Os Soprano. (O cinema é a miña paixón definitiva. Os Soprano é cinema do bo, cinema gansteril e shakesperiano). Fernando Trueba dixo que non cría en Deus, pero que cría en Billy Wilder. Eu sempre dixen que, xa que non podo ser Deus nin Billy Wilder, gustaríame ser Don Vito Corleone. Tony Soprano tamén podería valer, aínda que, non sei, a min tírame máis o smoking de Marlon Brando. Fareille unha proposta que non poderá rexeitar.

Se eu fose Don Vito Corleone, Mariano Rajoy importaríame un carallo

Se eu fose Don Vito Corleone, Mariano Rajoy importaríame un carallo, e a Luís de Guindos mandaríalle a Tom Hagem para que lle fixese unha proposta que non puidese rexeitar. A Montoro nada. A Montoro deixaríao largar todo o que quixese. É inofensivo. Molesto coma un proído nos collóns, pero inofensivo. Por iso Mariano amputouno e sacou unha especie de criatura mandragórica que é de Guindos. Deste si que cómpre coidarse. O tío teno crido.

Esa pose que gasta, non é impostada. O tío é así. Dá unha volta polo Lehman Brothers, aprende o que haxa que aprender nesas escuras furnas financeiras, e volve aquí para salvarnos. En canto a Gallardón, que fale canto queira, igual que o arcebispo de Alcalá. Don Vito non sería don Vito se non fose ultracatólico. Aínda que, a verdade, non teño claro que se poda ser ultracatólico. Certas cousas non admiten graos.

As leis, aínda que sexa Mariano quen as impulse, si que interfiren no noso transcurso polo tempo e o espazo

Sexa como sexa, o malo é que eu non son nin podo ser Don Vito Corleone e carezo da capacidade de facer propostas que ninguén poida rexeitar. En cambio, Mariano, claramente posuído por un paroxismo reformista que non é quen de controlar, non para de mandarme propostas que non podo rexeitar. Nin a miña muller. Nin os meus fillos. Nin os meus amigos. Nin ninguén. Nós non somos o mundo. As leis, aínda que sexa Mariano quen as impulse, si que interfiren no noso transcurso polo tempo e o espazo.

Mira ti para o Mariano. E é de Pontevedra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.