Farmacia delenda est!

Facultade de Farmacia da USC CC-BY-SA Lmbuga

É famosa a frase coa que o Catón o Vello finalizaba todos os seus discursos no Senado romano: Carthago delenda est! ('Cartago debe ser destruida') e coa que pedía a destrucción daquela cidade africana, enemiga de Roma nas sucesivas Guerras Púnicas. Parafraseando ao vello senador, o Magnífico Rector da Universidade de Santiago lanzou a semana pasada unha admonición: "Farmacia -la facultad- debe ser destruida!”.

O asunto ven de lonxe: a facultade de Farmacia da universidade compostela está ubicada no centro do Campus (hoxe Campus Sur), ese regalo urbanístico que nos legou o arquitecto Jenaro de la Fuente na primeira mitade do século XX. E é, xunto con Medicina, das máis características da USC, e tal vez a máis coñecida a nivel popular polas cancións da tuna. Unha facultade que conta con profesores e investigadores de primeiro nivel mundial, que publican nas revistas máis prestixiosas no ámbito da Biomedicina. Entre eles están María José Alonso, catedrática de Galénica, puntal da nanotecnoloxía e con patrocinios da fundación Gates, Mabel Loza, catedrática de Farmacoloxía, creadora dunha plataforma exitosa de cribado de fármacos... ou Enrique Raviña, catedrático, hoxe xubilado, de Química Farmacéutica, e autor do libro máis vendido de toda a historia da USC: "Medicamentos, evolución histórica del descubrimiento de fármacos”.

Unha facultade construida en 1973 e que é filla deses anos e por tanto fea, ou cando menos sen ningún elemento a destacar, máis alá da sua utilidade. E que desde logo non ten o glamour nin a historia da vella Fonseca. Dividida en 4 pavillóns, conta con 3 adicados a laboratorios e departamentos, e 1 adicado a aulas e outros servizos para os alumnos. Hai uns 10 anos, a universidade decidiu engadir unha planta á zona de aulas para construir modernos laboratorios de prácticas. Aí empezou todo! Tras levantar esa planta adicional, comprobouse que se estaba afundindo polo exceso de peso, pois non se reforzaran os cimentos e pilares que sustentaban o edificio... algo que debe ser de 1º curso de Arquitectura!. Resultado: todos os alumnos exiliados nas facultades cercanas de Dereito, Politicas, Matemáticas, Bioloxía..., facendo un sudoku correndo polo campus para tentar chegar ás suas clases. E os profesores, idem.

Pero como as desgracias nunca veñen soas, mentres se reforzaba a estrutura do edificio, traballadores, profesores e alumnos denunciaban a presenza de gases tóxicos nas plantas baixas e sotos desa zona, co resultados de mareos e intoxicacións leves. O feito foi atribuido a emanacións dos depósitos subterráneos do gas oil de calefacción, con filtracións ao terreo. Un problema, aínda máis difícil de resolver, pois evitar emanacións dun gas oil que espallado e que empapa a solo da zona, é moi complicado. E segue pasando o tempo, e van pasando os anos, con promocións enteiras que case non pisaron a súa alma mater...

As alumnas de Farmacia, cansas de estar matriculadas nunha facultade que non existe, que cando vas por alí parece as salas dun tanatorio (polo silenzo e o desánimo) convocaron unha manifestación para o pasado xoves 28 de febreiro esixindo solucións. Uns días antes da concentración, o Rectorado tira de manual antiprotestas e anuncia unha decisión salomónica: o pavillón de aulas, demolido, e nos 3 restantes, a meter con calzador ao alumnado, aproveitando algún sitio libre tras o traslado dos laboratorios de investigación de moitos profesores aos novos edificios construidos nos últimos anos: Emprendia, o CIMUS, etc. Calquer mente intelixente pensaría: vale, tiran o pavillón, sacan os depósitos, arranxan as filtracións do terreo e volven construir esa parte do edificio?. Pois non! Demoler, arrasar e deixar o solar baleiro! Pensaría o Rectorado: acabamos co problema e de paso aforramos os gastos de mantemento desa zona do edificio. Sí, home, sí... e tamén podemos usar o terreo que queda libre para plantar patacas!

Un despropósito! Se é certo que hai algunha zona con pouca ocupación na facultade, é imposible meter 4 plantas nas que hai biblioteca, salón de actos, aulas, laboratorios e servizos varios neses pequenos espazos. E ademáis comprometería calquer ampliación que se puidese plantexar.

Creada en 1857, a facultade de Farmacia de Compostela, cumpriu 150 anos en 2007, hai xa 12 anos, e unha longa e frutífera traxectoria -con altibaixos, como calquer froito da natureza humana- que pode debullar con paixón a investigadora Beatriz Brasa, autora dunha excelente tese doutoral defendida en 2013 sobre a Historia da Facultade, e próxima a publicar en forma de libro. Unha traxectoria que non merece ese despropósito que agardamos non se leve a cabo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.