O pasado xoves 19 de xuño tivo lugar en Vigo a palestra Fascismo Actual en Europa, organizada pola plataforma cidadá ECOAR))). No transcurso do acto, as máis de 50 persoas asistentes puideron escoitar e debater con representantes de diversas organizacións vencelladas á acción social (Fernando Rodríguez Carpizo, de CNT, Francisco Sampedro, de CUT, Manuel Hermo, de Espazo Ecosocialista Galego e Manuel Alonso, de Esquerda Anticapitalista Galega). As persoas poñentes achegaron distintos puntos de vista sobre o presente e futuro do fascismo nesta Europa na que o contexto político e socioeconómico parece dar renovado pulo aos sistemas políticos máis partidarios da conservación, a toda costa, do status quo establecido.
O debate sobre este renovado auxe co que o fascismo parece re-emerxer (pois nunca nos deixou), vixente dende hai xa uns cantos anos, acadou o seu punto máis candente á vista dos resultados das recentes eleccións ao Parlamento Europeo
Non é nada novo. O debate sobre este renovado auxe co que o fascismo parece re-emerxer (pois nunca nos deixou), vixente dende hai xa uns cantos anos, acadou o seu punto máis candente á vista dos resultados das recentes eleccións ao Parlamento Europeo (se ben, estes feitos non fixeron máis que confirmar unha situación que está fixada no imaxinario colectivo a través do ascenso do Amencer Dourado e similares, ou os disturbios racistas e xenófobos de Francia ou Reino Unido). Hoxe a pregunta recorrente baséase en intentar comprender como é posible que neste, xa ben entrado, século XXI, este novo fascismo (igualmente imperialista, racista e violento que o xa coñecido, aínda que distinto nas formas (para algunxs) e por iso mesmo máis sutil e perigoso) acade semellante apoio popular nunha sociedade que, despois do vivido no século XX, debería ter a lección máis que aprendida.
Como sinala Vicenç Navarro no seu texto O rexurdimento do fascismo en España, no esquema de réxime caudillista (eufemismo brando de réxime fascista), desaparecida a figura do ditador (substituída, por obra e gracia da linguaxe, pola do “caudillo”, mesiánico defensor da orde social e salvador da moral cidadá e a unidade do estado), desaparece a ditadura. Hoxe, esa visión salvadora do fascismo parece ser novamente compartida por grandes sectores da sociedade europea. Así, o fascismo, con ese discurso populista que defende que “non somos nin de esquerdas nin de dereitas, nin capitalistas nin comunistas, nin do Barça nin do Madrid: somos de aquí, e defendemos o noso para xs nosxs”, gaña adeptxs entre unha burguesía acomodada que leva anos tremendo de medo ante a perspectiva do que a crise económica e o posible (e imprescindible) cambio político e de sistema poden facer cos seus privilexios.
Nair anima á cidadanía a decidir en que lado se quere posicionar, e a defender esa Europa de luces (que non “das Luces”), porque iso que ten en fronte, disposto a levantarse contra ela, é a barbarie
E é que as grandes depresións acostuman dexenerar no ascenso e predominio de políticas de extrema dereita, recuperación das formas de goberno máis autoritarias e adopción de programas para os que o respecto e promoción dos dereitos humanos parecen ser un luxo non posible con apertarse o cinto.
En palabras do sociólogo Samí Nair, Europa inventou os modelos políticos máis horribles da historia humana, entre os que cabe destacar o fascismo. Pero ao mesmo tempo inventou a democracia, os dereitos humanos, o modelo social ou a equiparación homes/mulleres. Así, establécese unha dualidade, unha Europa con luces e sombras que historicamente compiten, de xeito permanente. Nair anima á cidadanía a decidir en que lado se quere posicionar, e a defender esa Europa de luces (que non “das Luces”), porque iso que ten en fronte, disposto a levantarse contra ela, é a barbarie.