O Informe FOESSA 2025 é claro na diagnose da crise demográfica existente á que caracteriza pola “fecundidade frustrada”. É dicir a distancia entre os desexos reprodutivos das mulleres (nativas e estranxeiras) e os atrancos para a maternidade
O Informe FOESSA 2025 é claro na diagnose da crise demográfica existente á que caracteriza pola “fecundidade frustrada”. É dicir a distancia entre os desexos reprodutivos das mulleres (nativas e estranxeiras) e os atrancos para a maternidade.
As preferencias das mulleres respecto ao número de fillos/as non variaron durante os últimos 30 anos (quérense dous fillos), porén as posibilidades reais de cumprir este desexo reducíronse drasticamente (1,2 de media). [...] A idade media ao primeiro fillo retrasouse ate os 31,5 anos, a máis serodia de Europa, cando as propias mulleres declaran que a idade ideal sería os 28 anos. Este retraso forzado provoca un aumento da infecundidade involuntaria, ate o punto de que un 15% das mulleres que queren ter descendencia non o consegue. As barreiras son fundamentalmente estruturais: a precariedade laboral, dificultades de acceso á vivenda, feminización das tarefas de coidados e debilidade das políticas públicas de apoio.
[...]
O resultado é que tanto as mulleres nativas como as estranxeiras vense «empurradas» a ter os fillos que poden, pero non os que lles gustaría, configurando un «déficit de felicidade» na esfera reprodutiva. (Foessa IX, Resumo. Páx. 22)
Galicia non se separa dese retrato pero é moi salientable o liderado que exerce no atraso da idade á que as mulleres teñen o seu primeiro fillo. É o país de Europa con máis mulleres que son nais a partir dos corenta anos. Nada menos que o 14,4%.
É neste contexto no que as Tecnoloxías de Reprodución Humana Asistida (TRHA) emerxeron co propósito de dar satisfacción ás persoas que desexan ter fillos e non o conseguen
É neste contexto no que as Tecnoloxías de Reprodución Humana Asistida (TRHA) emerxeron co propósito de dar satisfacción ás persoas que desexan ter fillos e non o conseguen. Desde Victoria Anna, primeira persoa nacida por fecundación in vitro (FIV) en España en 1984 (catro anos antes da Lei 35/1988 de 22 novembro sobre Técnicas de Reprodución Asistida), non fixeron senón medrar. E non só as técnicas, tamén o volume de negocio.
A Lei Española de Reprodución Asistida, é a máis laxa e permisiva da súa contorna, sinaladamente coa preservación do anonimato das persoas doantes, impedindo o acceso á información de orixe biolóxica e, a permisión e recompensa para as doazóns de óvulos. Paga a pena dicir que en Alemaña, Suíza, Noruega e Austria a doazón de óvulos está prohibida e en Suecia, Dinamarca, Francia e Italia está altamente restrinxida. De aí, ese oasis español que crea en termos mercantís un nicho de mercado, e, en termos de valor, un beneficio inmenso. Tamén ten maior marxe de idades para acceder a estas técnicas. Por todo iso o 45% dos tratamentos de Europa fanse en España e, destes, o 76% en clínicas privadas. No Estado Español está o banco de óvulos maior do continente europeo segundo a Sociedade Europea de Reprodución Humana e os fondos de inversión estanse aplicando neste negocio. O volume deste no ano 2024 acadou os 640.000.000 de euros e o poder concéntrano cinco empresas que xestionan máis da metade a nivel mundial. O negocio da fertilidade é máis que rendible!
Por aquí, segundo o Rexistro de centros e servizos de reprodución humana asistida do Ministerio de Saúde, febreiro 2026, hai doce centros que prestan boa parte da carteira destes servizos. Nove deles privados e tres radican nos hospitais Sergas de Coruña, Santiago e Vigo. Así, de par dese 75% baila o 25% da sanidade pública.
Non saímos do individual e deixamos que tantas persoas que acoden a estas tecnoloxías procurando paliar a infertilidade, non falen da súa infelicidade, das súas frustracións, dos altos custes e dos bastantes fracasos, ademais de secuelas na saúde de tantas mulleres
Mentres estas tecnoloxías avanzan a velocidade de vertixe non damos saído do individual e non somos quen de ter unha conversa colectiva, arrebatándolle o monopolio desta ao discurso médico: O desexo de maternidade e mesmo como se constrúe ese desexo, a non neutralidade desas tecnoloxías, os cambios na subxectividade, as ideas de familia, os xenes, o maior empobrecemento das mulleres cando se reproducen que as súas parellas heterosexuais, os límites do corpo e os límites do desexo e desde logo como se organizan socialmente os coidados.
Non saímos do individual e deixamos que tantas persoas que acoden a estas tecnoloxías procurando paliar a infertilidade, non falen da súa infelicidade, das súas frustracións, dos altos custes e dos bastantes fracasos, ademais de secuelas na saúde de tantas mulleres. O tema é sensible e de forte impacto, non só nas persoas que queren ter descendencia e fan uso destas tecnoloxías.
A cuestión non forma parte dos debates sociais e resulta vital que o procuremos, Porque Falar de reprodución asistida é tamén falar de dereitos, de modelos de familia, de ética e de límites, de xénero, de saúde, de precariedades e desigualdade, de mercado e industria, de subxectividades e do peso do neoliberalismo nas nosas vidas.
Ata o de agora os feminismos non contribuíron moito a esta conversación aínda que máis xusto sería dicir a aspectos dela ocupados como estiveron en combater a imposición e “obrigatoriedade” da maternidade. Para as estruturas heteropatriarcais a maternidade era nodal para ser unha muller- MULLER. (aínda continúa o eco das intervención do ministro Gallardón no ano 2011).
“O risco de non abordar estes debates é que as respostas se constrúan a través de actores que só buscan o seu beneficio propio e que os imaxinarios que emerxan reforcen unha perspectiva individualista, mercantilista, conservadora e neoliberal"
“É fermoso nacer sendo desexados” e “Sexualidade non é maternidade” foron consignas que encheron rúas, xornadas e escritos diversos. O desexo de maternidade, clave para o desenvolvemento da nosa sociedade, non pode quedar reducido a un desexo individual.
Entrar nesta conversa e promover debate social require algúns coñecementos específicos non sempre o alcance da man. Laia FORNÉ, Estefanía IZRAEL e Miquel MISSÉ editaron en 2025 o estupendo libro colectivo El precio de la reproducción. Más allá de las tecnologías de reproducción asistida. Barcelona. Bellaterra, co propósito de invitarnos a abrir esta conversación, a debater sobre todo isto e convén lelo porque como nos din no cabo do prólogo “o risco de non abordar estes debates é que as respostas se constrúan a través de actores que só buscan o seu beneficio propio e que os imaxinarios que emerxan reforcen unha perspectiva individualista, mercantilista, conservadora e neoliberal.”
Ben se ve nos cartaces dos mupis (mobiliario urbano para a información social) nalgunhas rúas de Compostela.