Leu adecuadamente Alberto Núñez Feijoo o resultado das eleccións do pasado 23 de xullo? Asumiu realmente os datos que proporcionaron as urnas? Os síntomas rexistrados nos últimos días non permiten dar respostas afirmativas a semellantes interrogantes
Na política, como noutras actividades humanas, é preciso coñecer ben a realidade para deseñar plans de actuación que sirvan para efectivizar as propostas dirixidas á sociedade.
Leu adecuadamente Alberto Núñez Feijoo o resultado das eleccións do pasado 23 de Xullo? Asumiu realmente os datos que proporcionaron as urnas? Os síntomas rexistrados nos últimos días non permiten dar respostas afirmativas a semellantes interrogantes.
A estratexia do PP pivotaba sobre dous eixos básicos: a convicción de que o chamado "sanchismo" (un termo creado para sintetizar as presuntas malignidades asociadas ao goberno encabezado por Pedro Sánchez dende 2020) provocaba un amplo rexeitamento no seo do corpo electoral e a previsión de que, despois do 23-X, existiría unha maioría parlamentaria suficiente para dar soporte a un goberno de coalición entre PP e Vox ou ben a un executivo en solitario do primeiro amparado nun acordo de lexislatura co segundo.
Ambas premisas da folla de ruta tracexada nos despachos da rúa Génova non se verificaron. Pedro Sánchez -e o PSOE- segue gozando dun apoio apreciábel: subiu case un millón de votos dende Novembro de 2019 e incrementou nun deputado a dimensión do Grupo Parlamentario socialista. Ao mesmo tempo, as cifras conseguidas por PP e Vox non permiten artellar unha maioría que asegure a investidura de Feijoo e a posterior gobernabilidade do Estado.
Estas eleccións prantexáronse -dende as tribunas políticas e mediáticas do conxunto da dereita- como un plebiscito sobre Sánchez, o seu goberno e as súas alianzas parlamentarias. Formulado neses termos, o resultado foi contundente: non houbo unha censura electoral ao desenvolvemento da última lexislatura
Estas eleccións prantexáronse -dende as tribunas políticas e mediáticas do conxunto da dereita- como un plebiscito sobre Sánchez, o seu goberno e as súas alianzas parlamentarias. Formulado neses termos, o resultado foi contundente: non houbo unha censura electoral ao desenvolvemento da última lexislatura e, por tanto, non existe un apoio maioritario á alternativa gobernamental que se ofreceu á cidadanía.
Dende a noite do 23 de Xullo, os voceiros do PP están a dar probas dunha notábel incapacidade para asumir o veredicto das urnas. No canto de recoñecer a realidade, optaron por repetir algúns "mantras" da campaña (o máis destacado: a pretensión de que a lista máis votada é a única lexitimada para conformar o poder executivo, violentando a natureza non presidencialista do sistema democrático establecido na letra da norma constitucional) e reclamar do PSOE -apelando á súa condición de "partido de Estado"- un apoio á investidura de Feijoo mediante a técnica da abstención xa practicada no ano 2016, con motivo da elección de Mariano Rajoy como inquilino da Moncloa. Os dirixentes do PP están atrapados nun labirinto que ten unha saída imposíbel: pola mañá acordan con Vox o goberno de diversas CC.AA. (velaí o recente pacto rexistrado en Aragón) e pola tarde invocan a necesidade dun pacto de Estado co partido que preside o impulsor do "sanchismo".
En calquera caso, o seu problema seguirá sendo o mesmo que antes do pasado 23-X: será capaz de captar ou neutralizar o voto -singularmente, feminino e catalán- que, segundo algunhas análises postelectorais, optou por apoiar ao PSOE ante o medo provocado polas políticas e declaracións anunciadas polo partido de Abascal?
Promover un hipotético escenario de acordos estruturais co PSOE esixiría un xiro substancial na estratexia do PP que tería importantes consecuencias prácticas no curto prazo. Por exemplo: a cancelación dos gobernos de coalición con Vox en autonomías e concellos. Algo que, certamente, non entra nos cálculos de Núñez Feijoo. Estamos, pois, ante a típica táctica de marear a perdiz para ir creando un estado de opinión contrario á lexitimidade dos eventuais pactos de gobernabilidade de PSOE e Sumar coas formacións nacionalistas de Euskadi, Cataluña e Galiza mentres se vai suxerindo, cunha linguaxe aínda non moi explícita, que a opción máis apropiada sería a repetición electoral.
Para fuxir do labirinto no que se atopa, Feijoo semella apostar por unha nova cita coas urnas no vindeiro outono -da que, sen dúbida, culpabilizará a Pedro Sánchez- para absorber, daquela, unha boa parte do electorado de Vox. En calquera caso, o seu problema seguirá sendo o mesmo que antes do pasado 23-X: será capaz de captar ou neutralizar o voto -singularmente, feminino e catalán- que, segundo algunhas análises postelectorais, optou por apoiar ao PSOE ante o medo provocado polas políticas e declaracións anunciadas polo partido de Abascal? Ten o PP un proxecto diferente do que fracasou hai poucos días?