O último pleno celebrado polo Parlamento galego permitiu comprobar unha circunstancia inédita. Ante un polémico chío publicado pola deputada Carmen Santos, o grupo parlamentar do PPdG decidiu utilizar a tribuna da Cámara para esixir reiteradamente -e con independencia do tema que se estaba debatendo en cada punto da orde do día- a petición de desculpas pot parte da devandita deputada. O clímax da belixerancia exhibida polo grupo maioritario chegou co abandono do hemiciclo cando facía uso da palabra a interpelada C. Santos. Este tipo de protestas xa foran practicadas anteriormente por forzas políticas da oposición (primordialmente BNG e AGE) pero nunca se tiña visto o espectáculo ao que tivemos ocasión de asistir hai poucos días. Que o partido que dispón de 41 dos 75 escanos da Cámara lexislativa faga mutis polo foro como xeito de protesta pola opinión emitida por unha deputada -por moi errada e/ou desafortunada que resulte a mesma- supón aplicar a vella lóxica de que o fin xustifica o uso de calquera medio. Se ese comportamento fose protagonizado por En Marea -ou polo BNG ou polo PSdG- a reacción de Feijoo sería inmediata e radical:acusaría aos practicantes de erosionar gravemente á institución parlamentar. E as coñecidas terminais mediáticas multiplicarían a descualificación dos grupos que fixeran esa premeditada fuxida da sesión plenaria.
Este singular episodio tivo lugar pouco tempo despois da celebración oficial organizada polo presidente da Xunta para lembrar os 100 días transcorridos dende a constitución do actual goberno. A coincidencia non deixa de resultar chamativa: necesita o PPdG tensionar a vida política para evitar que unha parte do seu electorado estabeleza unha distancia crítica co relato que lle contan dende San Caetano? Hai que demonizar a En Marea para que ninguén esqueza que se trata duns perigosos revolucionarios que queren asaltar Montepío?
A práctica de avaliar os 100 primeiros días ten sentido cando nos atopamos diante dun cambio relevante na orientación e na composición das equipas xestoras dos asuntos públicos dun país. En troques, carece de significado analizar ese prazo do labor gobernativo cando estamos ante a continuidade da hexemonía do mesmo partido, reforzada, ademais, coa repetición nominal das persoas integrantes das distintas áreas de xestión.
Despois de 8 anos de maioría absoluta, que novidades substantivas podía ofrecer Alberto Núñez Feijoo cun goberno fotocopiado do existente antes dos comicios de Setembro do ano pasado? Aprobar os orzamentos de 2017 nos prazos establecidos regulamentariamente e sen aceitar ningunha das emendas presentadas polas forzas da oposición? Impor unha lei de acompañamento que segue sendo un caixón de xastre utilizado para evitar a necesaria discusión específica de cambios normativos importantes que non gardan unha relación directa coas contas públicas presentadas na institución parlamentar? Presumir da chantaxe verbalizada a respecto da convocatoria de prazas para o ensino público, culpabilizando preventivamente ás forzas políticas que non aceiten apoiar os orzamentos de Rajoy?
Nestes 100 días invocados na parafernalia propagandística houbo un burato negro oportunamente agachado na maioría das crónicas do evento:o papel desempeñado por Feijoo no recente Congreso estatal do PP. A distancia entre as expectativas xeradas dende a contorna do presidente da Xunta e o que sucedeu no cónclave madrileño foi abismal. O protagonismo do inquilino de Montepío ficou moi por debaixo da súa condición de único mandatario investido con maioría absoluta. E para completar o cadro do incerto futuro que ameaza ao máximo dirixente do PPdG ficou evidenciada a pouca intención de Rajoy para favorecer a súa substitución como candidato nas vindeiras xerais. A partir desa premisa, cabe pensar que a perspectiva de recuncar na cita electoral de 2020 non encaixa coas ambicións exhibidas polo político dos Peares. E preparar o relevo supón asumir algúns riscos importantes: debilitar a monolítica unidade existente arredor da súa figura e non asegurar a consecución dun liderado alternativo con garantía de éxito nas urnas.
O reloxo político de Alberto Núñez ten dúas esferas. A galega marca o ritmo dunha prevísíbel rutina burocrática. A estatal está inzada das incógnitas que habitan nos despachos da Moncloa. Ao mellor farán falta 1000 días para saber se estamos ante o epílogo da carreira do sucesor de Fraga.