Feijóo, pide perdón

CC-BY-NC-SA CIG

Vigo, 3 de setembro de 2015. 200.000 persoas defendendo unha sanidade pública e de calidade. Defendendo a dignidade nas rúas fronte aos recortes e as privatizacións do goberno de Feijóo. Dixémolo fai cinco anos, e repetímolo agora: A nosa sanidade é un dereito, non un privilexio. Somos pacientes e non clientes. A pública non se vende, deféndese. Que non se lle esqueza a ninguén cando isto pase. 

Desde 2009, segundo datos da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, o goberno de Feijóo diminuíu o número de traballadores sanitarios en máis de 1.300 persoas e o número de camas en máis de 900. Asistimos, pois, a unha fase de desmantelamento e privatización na sanidade pública galega: con colaboracións público-privadas en mans de fondos de investimento que incrementan o prezo na construción e xestión de novos hospitais, con recortes en medios e con recortes en persoal. Esta situación leva aos servizos básicos de saúde a unha situación límite de precariedade asistencial. Pero isto non sorprende, non? Xa o dicía en xuño de 2016, o conselleiro de sanidade da Xunta Vázquez Almuíña, “as camas son importantes en hoteis e non tanto en hospitais”. O Feijóo Style. 

O 16 de abril saía na prensa que o goberno de Feijóo freou a tramitación dos ERTE mentres acusaba ao Goberno central de ser o responsable do atraso nos pagos. Que non 2 volvan dicir que se preocupan pola clase media e traballadora deste país. Buscar votos a través do engano, utilizando a dor e a preocupación da xente, é facer política do miserable. Oxalá neste país tivésemos unha dereita como a portuguesa, que demostrou ser leal e non utilizar o sufrimento ou as mortes para tentar obter rédito político. Hai unha parte da clase política deste país que non está á altura do momento que estamos a vivir. 

O 22 de abril o SERGAS decidía pechar a única Unidade de Coidados Intensivos en Pontevedra, en plena pandemia, para comezar unhas obras de ampliación. Enfermeiras Eventuais en Loita compartiu un comunicado criticando que esta decisión de iniciar as obras no hospital de Montecelo tomouse “de maneira unilateral". Ademais, desde SOS Sanidade Pública, apuntan que se están a abrir expedientes aos traballadores que están a denunciar a falta de material. E eu pregúntome, como será iso de perseguir ao persoal sanitario comprometido coa defensa da sanidade pública pola mañá, e pola tarde ter a pouca vergoña de saír ao balcón para aplaudirlles? 

Neste mesmo mes de abril puidemos ver en pleno prime time televisivo como o portavoz do Partido Popular no Parlamento Europeo, González Pons, dicíalle ao xornalista Jordi Évole que “ha sido la sociedad la que no le ha dado la importancia que debe a la sanidad”. Xa o dicía Voltaire: “Cuando el fanatismo ha gangrenado el cerebro, la enfermedad es casi incurable. La idiotez es una enfermedad extraordinaria, no es el enfermo el que sufre por ella, sino los demás”. 

Desta crise sanitaria debemos saír protexendo o público, o común, debemos apostar por uns servizos de calidade fóra dos intereses privados, reverter a lesiva política neoliberal de recortes e privatizacións. Esa é a única receita para ter un sistema público de garantías tanto nas cidades como no rural. É o momento de defender con máis forza os dereitos sociais e os servizos públicos. A sanidade pública nunca se debeu tratar desde unha perspectiva empresarial, coma se fose un gasto contable, cando é un investimento. Meter a tesoira dos recortes é poñer en perigo á saúde das persoas. Defender a sanidade pública é reivindicar o dereito á nosa vida, entender que non poden xogar máis con ela recortando en medios e en persoal. Por iso, Alberto, se aínda tes dignidade, asume as túas responsabilidades. Feijóo, pide perdón.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.