A Cátedra de Psiquiatría Infantil da Fundación Alicia Koplowitz – Universidade Complutense de Madrid, presentou este ano o primeiro Libro Branco da Psiquiatría do Neno e do Adolescente. Xustifícase este documento pola necesidade de coñecer a realidade da atención en saúde mental aos menores nos diferentes territorios do Estado español. O momento, por máis que serodio, é acaído por canto o Ministerio de Educación español ven de incluír no catálogo de especialidades médicas a Psiquiatría Infantil, unha demanda antiga e reiterada das asociacións de doentes e de profesionais sanitarios. Este traballo da Cátedra chega co aval dos seus autores, un comité constituído por profesionais de recoñecido e indubidábel coñecemento, traxectoria e prestixio de todo o Estado, e máis polos responsabeis de saúde mental das Comunidades Autónomas (CCAA). Tamén de Galiza.
A metade de todos os trastornos mentais aparecen antes dos 14 anos, e o 70% antes dos 17
Algúns datos xerais deste texto, xa coñecidos, son de enorme interese, e moi significativos, para a definición das políticas sanitarias públicas: que a metade de todos os trastornos mentais aparecen antes dos 14 anos, e o 70% antes dos 17; que un 20% dos adolescentes menores de 18 anos teñen algunha alteración emocional ou de conducta, e 1 de cada 8 un trastorno mental; que hai unha inxente cantidade de nenos e adolecentes que, sen cumprir criterios de trastorno mental, son suxeitos de sufrimento; que das 800.000 persoas que se suicidan cada ano no mundo (máis nos países con ingresos medios-baixos), a idade media está entre os 15 e os 44 anos; que padecer un trastorno mental favorece ser vítima de violación dos dereitos humáns -tamén nos cativos-; e que a nivel mundial existen enormes diferencias nos recursos asistenciais dispoñibeis. Desta realidade epidemiolóxica non se zafa o noso vello país, atlántico e bretemoso, enorme e policromo, paciente e orgulloso, empobrecido e "austerizado", no que viven 380.000 nenos e rapaces menores de 18 anos, un 14% da nosa poboación -fronte ao 18% no total do Estado, uns 8.3 millóns, o que se explica polo noso envellecemento poboacional-.
Até hai un ano, non se dispoñía da especialidade médica de Psiquiatría do Neno e do Adolescente
Mais indo á análise da situación, o documento aborda aspectos preliminares que considera relevantes e clarificadores. Unha eiva que recolle é que, até hai un ano, non se dispoñía da especialidade médica de Psiquiatría do Neno e do Adolescente, sendo asumida esa función por psiquiatras e psicólogos clínicos xeralistas, que se formaban posteriormente como podían, acadando malia todo, nos últimos anos, unha moi alta cualificación e nivel técnico e científico. O Estado español era un dos cinco da Unión Europea que carecía desta formación e titulación, agora xa aprobada –aínda que non posta en marcha-. Lembra o texto que nos ocupa, que dende o ano 2005 existe unha directiva europea (2005/36/CE) que recoñece esa especialidade e as características técnicas da mesma, a efectos de homologación de titulacións. A seguir, detállanse as directivas e documentos que fundamentan e orientan as políticas asistenciais e sanitarias neste aspecto da saúde, e que deberían ser guía para as administracións competentes.
O que non falta son propostas, recomendacións e soporte teórico cientificamente validado para deseñar as accións acaídas cara unha axeitada intervención sobre os parámetros de saúde mental dos nenos e dos adolescentes
Así, a OMS ten presentado o Proxecto de Plan de Acción Integral sobre Saúde Mental 2013-2020, en colaboración cos estados membros da UE, con recomendacións sobre "servizos, políticas, leis, plans, estratexias e programas" a desenvolver en saúde mental e, adicionalmente, recomendacións sobre a atención a nenos e adolescentes. Pero é que no 2005 a Comisión Europea elaborou xa o Libro Verde Mellorar a saúde mental da poboación. Cara unha estratexia da Unión Europea en materia de saúde mental, con referencia á atención aos máis novos, e recomendacións e obxectivos moi concretos, implicando a coordenación de suxeitos diversos (nomeadamente escola e familia). Mais aínda, no Estado español, e dende diferentes ámbitos técnicos e profesionais, insistíuse reiteradamente no cumprimento das conclusións da Estratexia en Saúde Mental do Sistema Nacional de Saúde 2009-2013, referidas a estas etapas etarias (enfoques preventivos para grupos de risco, intervencións comunitarias fronte a conductas violentas, avaliación e prevención de condutas aditivas, protocolización dos trastornos mentais graves, coordenación entre os servizos sociais, educación e xustiza, facilitación da accesibilidade aos recursos públicos especializados, entre outras). Tamén se definiron obxectivos neste eido no Plan Estratéxico da Infancia e Adolescencia 2013-2016.
Todo indica, xa que logo, que o que non falla son propostas, recomendacións e soporte teórico cientificamente validado para deseñar as accións acaídas cara unha axeitada intervención sobre os parámetros de saúde mental dos nenos e dos adolescentes. Tanto preventivos como curativos. Malia as orientacións e propostas da OMS, da UE e mesmo do Estado, a plasmación práctica destas directrices, competencia das CCAA -ao teren a sanidade transferida- é máis que pobre e miserenta en termos xerais, con excepcións singulares. Así, ao marxe de opinións e avaliacións "de parte", o certo é que a radiografía que o Libro Branco realiza, con datos obxectivos, aportados polas diferentes administracións autonómicas, son claros e incontestabeis. E o lugar no que queda Galiza, dentro deste páramo, leva á desolación e á indignación. Vexamos, que vai de números:
Nove CCAA (53%) teñen plans específicos de saúde mental para nenos e adolescentes. Galiza non está entre elas
- Nove CCAA (53%) teñen plans específicos de saúde mental para nenos e adolescentes. Galiza non está entre elas. Tampouco hai un plan xeral, dende que o goberno de Núñez Feixóo paralizou o "Plan Estratéxico de Saúde Mental", posto en marcha durante o goberno bipartito do PSdG-BNG.
- A recomendación de incluír a atención nestes dispositivos até os 18 anos cúmprese en 11 CCAA (65%). Galiza non está entre elas (estando o límite nos 16 anos).
- Respecto a dispositivos básicos asistenciais, que o documento divide en "ambulatorios", "hospitais de día" e "hospitalización de curta estadía", dez comunidades autónomas posúen todos eles (59%). Novamente Galiza non está entre elas: non se dispón de ningún Hospital de Día. En todo caso, o fundamental é coñecer en qué medida os dispositivos existentes cubren a demanda e as necesidades asistenciais. Sigamos logo.
- Dispositivos ambulatorios. Centros de consulta externa para doentes non ingresados, que son os que soportan a maior cárrega asistencial. Galiza ocupa o noveno posto de entre 16 comunidades (o País Valenciano non aportou datos neste apartado), cunha ratio de 2.4 centros/100.000 hab (os datos son axustados polo total da poboación potencial), fronte a comunidades como Madrid (4.6), Euskadi (4.4) ou Illas Balears (3.7). Respecto da media do Estado (2.7) sitúase por debaixo. Cómpre dicir que os oito dispositivos na Galiza están nas cidades, polo que dada a nosa dispersión poboacional, evidénciase unha limitación na accesibilidade, de viviren nas vilas e aldeas do territorio.
- Hospitais de Día. Galiza non ten ningún centro destas características. Ningunha praza (0.0/100.000 hab), mentras que en Cataluña a ratio é de 31.5/100.00 hab, 19 en Andalucía e 15 na Comunidade de Madrid.
- Hospitalización Curta Estadía. Galiza ocupa o posto duodécimo, con sete camas, cunha ratio de 2.1/100.000 hab. As máis altas tenas Euskadi (5.9), Cataluña (4.4) e Castela-A Mancha (4.0). Respecto da media do Estado (2.5), a galega é inferior.
- Psicólogos clínicos. A Consellería de Sanidade dispón de 12 psicólogos clínicos infantís no sistema público de saúde. Unha ratio de 3.1/100.000 hab, ocupando o posto 15 das 17 CCAA. En Cataluña son uns 200 psicólogos, cunha ratio de 14.6, case cinco veces a galega. En Euskadi é de 8.5, e 7.7 en Navarra. Destacar que a media estatal é de 5.2 psicólogos/100.000 hab, polo que Galiza está un 40% por debaixo (sendo esta unha taxa moi baixa per se).
- Psiquiatras. Galiza ocupa o posto 14 das 17 CCAA, con 11 psiquiatras adicados á atención infanto-xuvenil. A ratio é de 2.9/100.000 hab, mentras que é de 9.3 en Euskadi (tres veces máis), 6.4 en Cataluña e 6.3 en Navarra. A media estatal está en 4.7/100.000 hab, polo que estamos tamén un 40% por debaixo da media!
Na Galiza a saúde mental é o parente pobre da sanidade, e a saúde mental dos máis novos, a máis abandoada
Para que seguir. Na Galiza a saúde mental é o parente pobre da sanidade, e a saúde mental dos máis novos, a máis abandoada. O documento técnico que os mellores expertos do Estado elaboraron, e no que as propias administracións autonómicas colaboraron, calan moitas “bocas grandes” do goberno do PP e dos seus voceiros e "mandados" de turno. O discurso que continuamente pregoan dende a Consellería de Sanidade, de que a saúde mental é unha prioridade sanitaria, queda desmontado cando os datos preséntanse sen maquillaxe e son avaliados por autoridades e expertos independentes. É pervertir a política democrática pasar da confrontación lexítima de ideas e proxectos, ao “todo vale”, psicopatizando ca mentira e a impostura o debate ideolóxico e de modelos. Esa perversión devén conduta “democraticida” cando as decisións amparadas nas falsidades, agochan intereses ilexítimos dunha minoría a costa da exclusión de maiorías sociais, abocándoas a ser infraclase, e condeándoas ao sufrimento e privación. Porque cada decisión política, tamén en política sanitaria, ten efectos nas persoas. Curta vida política ao Presidente Núñez Feixóo e á Conselleira Rocío Mosquera!