Feminismos para transformar a sociedade

Aínda que cada ano celebramos o Día das Mulleres, a do 8 de marzo de 2018 non foi unha xornada máis. A capacidade de organización e autoconvocatoria, un arroupo cidadá sen precedentes, ademais da influencia para marcar a axenda social e política, converten ao feminismo no principal movemento de impugnación do actual sistema de desigualdades.

O feminismo, un movemento pola emancipación das mulleres, eríxese no paradigma da sociedade futura que moitas desexamos. O 8 de marzo de 2018 é un 8M referencial e maiúsculo, mais non debemos esquecer que unha cuestión fundamental para o feminismo vai ser a xestión dese éxito. O máis inminente, chegar a o 25N tralo 8M.

Sempre convén contextualizar e o 8M non foi casualidade, senón continuidade. Previamente viñeron o #MeToo, o 7N, as mobilizacións contra a reforma da Lei do aborto de Gallardón, o vivir en “alerta feminista”, e as loitas de tantas e tantas mulleres antes que nós. O feminismo non comeza cando chegamos nin acabará cando non esteamos, vai deixando un pouso que pasa dunhas mans a outras.

Cando nos enfrontamos a unha cuestión estrutural como é o machismo, compre lembrar que os terremotos se producen tras un lento desprazamento de placas tectónicas. Quizais pode ser exaxerar referirse ao 8M como a un terremoto, pero si foi un tremor que percorreu as estruturas do sistema heteropatriarcal.

O evidente é que ás portas do 25N continúan matándonos polo feito de nacer mulleres. Seguimos sentindo medo cando camiñamos soas pola rúa. Aínda se nos nega a autonomía sobre os nosos corpos, que se cousifican, se mercantilizan, e dos que se nos desposúe.

A Xustiza Patriarcal segue ditando sentenzas. A fenda salarial acompáñanos incluso máis alá da vida laboral, sufrindo as súas peores consecuencias durante a vellez. Padecemos distintas violencias invisibles e normalizadas. Subestímanse os nosos argumentos, trátasenos con paternalismo, somos infantilizadas á mínima ocasión. Cousas todas que poden parecer menores pero que vulneran a nosa condición de mulleres adultas.

Que nos toca facer a nós como feministas que participamos en política? O primeiro que me ven á cabeza é unha das consignas máis sinxelas pero máis revolucionarias do feminismo: O persoal é político. Cando dicimos que o persoal é político estamos convertendo as nosas vivencias e os nosos corpos en suxeitos políticos. Estamos falando de feminismo para transformar ás nosas vidas. Non é iso ao que debe aspirar calquera espazo político transformador? A colocar ás persoas no centro das políticas?

Correspóndenos entón traballar para dar unha resposta política a ese feminismo que interpela ao conxunto da sociedade.

Cando se formulou o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero (ese do que non existe partida orzamentaria aprobada para desenvolver unha soa medida), reivindicamos a necesidade de que este non se limitara a un pacto entre partidos, senón que fose a consecuencia dun pacto social. Pero algúns partidos políticos seguen a considerar ás institucións o seu taboleiro de xogo.

Dende Podemos Galicia facemos un chamamento a participar nas mobilizacións que para o 25N convocan as asociacións feministas en cada vila do país. Tralo o 8M, compre que o heteropatriarcado siga tremendo e amosarlle, unha vez máis, que a partida fundamental é a que se xoga nas rúas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.