Só un de cada tres ferroláns traballan. Unha estatística que por si mesma define a cidade: baleiros nos comercios e nas miradas, e un mantra nos murmurios das lánguidas conversas: “aquí non hai nada”. O amor telúrico da alma ferrolá pola cidade, pola súa industria, pola idiosincrasia obreira, arrebata o abatemento da mentalidade popular, a decadencia transmútase en dignidade para loitar contra o desleixo atávico das clases políticas contra Ferrol.
O amor telúrico da alma ferrolá pola cidade, pola súa industria, pola idiosincrasia obreira, arrebata o abatemento da mentalidade popular, a decadencia transmútase en dignidade
Sabemos facer barcos. Queremos facer barcos. En decembro de 1972, nove meses despois do asasinato de Amador e Daniel froito da represión franquista, o petroleiro Artega era amadriñado pola muller do caudillo, Carmencita Polo, en Astano. O barco, de case trescentos cincuenta metros de eslora, foi o máis grande do mundo botado ao mar dende unha grada. Aquel xigante tivo unha curta vida, despezouse en 1983. Corenta anos despois desa botadura, as reconversións, as nefastas políticas públicas, o veto inducido polos países do norte de Europa, provocaron a perda de miles de postos de traballo no sector naval na ría de Ferrol. Máis de dous mil nos dous últimos anos. Como aquel grande petroleiro, as cifras non se dixiren, abranguen máis do que o ollo alcanza, e os corpos tremen cando as lousas da cidade se converten nunha lameira de desemprego, miseria e exclusión social.
Na historia recente non haberá botellas de cava escachando contra o casco de ningún barco. Navantia Fene, a antiga Astano, e Navantia Ferrol (antes Bazán), esmorecen, a clase obreira desespera, hai medo, pero tamén carraxe. A loita forma parte do cerne da cidade. Son dous anos xa de mobilización sostida, no Parlamento, na rúa, nos plenos do Concello, folgas, concentracións e manifestacións. Di que si ao naval vén de ser o grito de guerra da comarca, grito que o Partido Popular, en todas as institucións nas que está representado, non só ignora, senón que manipula e fai del un xoguete que creba as esperanzas da xente de a pé, xente que sabe e quere traballar.
A loita forma parte do cerne da cidade. Son dous anos xa de mobilización sostida, no Parlamento, na rúa, nos plenos do Concello, folgas, concentracións e manifestacións
O vindeiro domingo, 2 de xuño, de 11:00 a 14:00 una acción artística popular promovida por Radio Buguina (artistas e creadores da antiga Burla Negra) pendurará nas reixas de Bazán pezas de roupa. Toda a cidadanía de Ferrol participará na construción dun monumento a dignidade, en demanda dun trato xusto para a comarca peor tratada politicamente do pais, coa taxa de paro máis elevada, cun incremento exponencial das xentes que viven baixo o albor da pobreza: o traballo remata, acaban as prestacións, as hipotecas non se poden pagar, os bancos sen piedade executan desafiuzamentos, os poderes públicos non ofrecen resposta social e a autoestima persoal do ser humano, privado de sustento, vivenda e traballo, non deixa máis portas abertas que a reivindicación da dignidade colectiva.
Ferrol é un illote desprendido da península, sen rumbo nin dirección, onde o desleixo político ten a mesma forza que o Mar do Norte que ameaza Holanda
No país de Holanda levan séculos loitando contra o imposible: a forza do mar, que ameaza incansable con afundir a zona costeira . Sen embargo, vencen e prosperan, gañando batalla tras batalla, constrúen barreiras, diques, drenaxes, e, como un exército de termitas unidas para devorar un búfalo, calman a impetuosidade da natureza. En Ferrol, a lousa da negra sombra, ameaza con afundir unha cidade á deriva. Ferrol é un illote desprendido da península, sen rumbo nin dirección, onde o desleixo político ten a mesma forza que o Mar do Norte que ameaza Holanda. Os nosos diques son a resistencia cívica, as nosas barreiras a conciencia de clase, e os nosos drenaxes, a lexítima reivindicación do que nos corresponde: a construción dun dique flotante, os manidos floteis de Pemex, a esixencia de vontade política real de conseguir carga de traballo, sen máis mentiras populistas nin intereses electorais, sen máis faltas de respecto para un pobo digno, o pobo de Ferrol.