Fidel, con F de Futuro

Un bo amigo cubano, de visita por aquí hai uns meses, respecto á miña pregunta de como se atopaba Fidel respondeu elocuentemente: “rematando a súa misión na Terra”. E esa misión rematou o pasado sábado.

Non imos tratar agora a traxectoria de Fidel. Iso xa o fixo maxistralmente Ignacio Ramonet nas súas 100 horas con Fidel- con edición en galego traducida por Xosé García Crego para Xerais. Tampouco imos aburrir comentando aquí unha vez máis os datos de Cuba sobre a erradicación da desnutrición infantil, sobre as cifras de médicos por habitante, sobre o abrumador número de universitarios...e un longo etcétera que podedes consultar nas bases de datos dos organismos da ONU. Dos logros da Revolución e do pobo cubano sabedes moito. Nin sequera falaremos das orixes galegas do home, de Láncara e Ángel Castro, nin da súa visita ao noso país; hai documentos a esgalla.

Na liña do que está agora por vir, quen agarde dramáticos xiros nos acontecementos da vida da illa coa morte de Fidel é moi posible que leve unha importante desilusión

Preferimos falar de futuro, que é cara onde sempre mirou el, tratando de escudriñar entre as circunstancias o que facer. Na liña do que está agora por vir, quen agarde dramáticos xiros nos acontecementos da vida da illa coa morte de Fidel é moi posible que leve unha importante desilusión. A súa desaparición, de terse producido 10 anos atrás (non digamos nos 90' durante o “período especial”), tería constituído un acontecemento dunhas repercusións políticas difíciles de calcular- valla como exemplo lembrar a súa aparición nos coñecidos disturbios do “Maleconazo” en 1994, como simple mostra da súa influencia. Pero non foi así: retirouse tratando de naturalizar un necesario relevo imposible de cubrir. E o fixo aos poucos, deixando os cargos de Secretario Xeral do PCC e de Presidente da República, minorando intelixentemente a súa presenza na vida pública e quedando só como deputado da Asamblea Nacional co título honorífico de “líder histórico da Revolución cubana”, como a el frecuentemente se referían en medios nacionais e internacionais. Así, entre 2007 e 2011 o “Chino”- como popularmente se lle chama na illa a Raúl- foi substituíndo ao “Fifo” na maioría das funcións. Conscientes no Partido dos límites biolóxicos deste movemento e tamén de que a popularidade de ambos non era comparable, se había que comezar a operar cambios o momento non podía demorar.

Fidel retirouse tratando de naturalizar un necesario relevo imposible de cubrir

O VI Congreso do Partido Comunista de Cuba, celebrado en 2011, puxo sobre a mesa as modificacións na esfera económica que neste período se foron executando. Os famosos “lineamientos” supuxeron reformas que trataron de facer máis eficiente a histórica e desfasada cartilla de racionamento, favoreceron o investimento estranxeiro e facilitaron o establecemento dos “cuentapropistas” (autónomos) e das contratacións de empregados, dentro dun extenso catálogo de medidas. Máis no referido á esfera estritamente política, supuxo o inicio dun novo tempo que afianzaba a Raúl Castro á fronte, pero cos ollos postos no cambio xeracional que agora resultaba inevitable- aínda que tamén o parecese unha década atrás. Por outra banda, os últimos acordos cos EUA de Obama descomprimían un pouco a situación económica, pero tamén social polo referido ao réxime migratorio, permitindo suavizar as consecuencias do “bloqueo” que amordaza o país dende hai máis de medio século, e formulando así novos restos políticos ao seu Goberno.

A inmensa maioría da xente de Cuba, dentro e tamén fóra da propia Illa, sente a súa perda. Fidel Castro dedicou a súa vida a enfrontarse a inimigos poderosos e defender causas xustas en todo o planeta: iso está até nos libros dos escritores máis reaccionarios. Pero ademais estivo á fronte da construción da sociedade menos inxusta de todo un continente. Queda un legado, con moitos elementos petrificados no tempo que deberán ter evidente renovación. Tarefa esta que en ningún caso, morrese hoxe ou vivise 10 anos máis, lle podía corresponder a el. Coa súa mera existencia alongou prazos o tempo abondo para que esta situación non collese a ninguén por sorpresa. O seu derradeiro servizo á causa foi tomar consciencia de que non podía seguir a exercer o mando, e ser quen de cedelo con absoluta dignidade. Morre un home, pero permanece o que importa: millóns de cubanas e cubanos dispostos a defender conquistas que lles pertencen a todo un pobo, porque as grandes obras foron e sempre serán colectivas. O reto agora, é seu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.