Filgueira Valverde e Pla

“Acompañado polo meu amigo, que coñece tan ben o país, divago por Pontevedra”. Así narra Josep Pla o seu encontro con Filgueira Valverde en Pontevedra, nunha desas viaxes a Galicia do escritor catalán, cara a comezos dos anos setenta. “Nesta península hai moito desafecto, unha excesiva indiferencia pola vida provincial. Pero é un feito que a miúdo atopas persoas inolvidables”.

“Acompañado polo meu amigo, que coñece tan ben o país, divago por Pontevedra”. Así narra Josep Pla o seu encontro con  Filgueira Valverde en Pontevedra

Relendo estes días Direcció a Lisboa, din cos pasos de Pla por Pontevedra. Non me resultou difícil imaxinar o vello profesor máis o escritor catalán, paseando e conversando polo casco vello desa “grata vila espiritual”, tal e como describe Valverde a cidade, na súa Guía de Pontevedra. Pla coincide co autor da guía e di que se trata dunha cidade tranquila e sosegada. En comparación a Lugo, cidade que Pla visitou con anterioridade, Pontevedra parécelle máis aberta, “posta enriba dunha ría, en definitiva, ao cabo duns quilómetros vai dar ao mar”.

Nos anos setenta Pla xa é un escritor recoñecido, un dos grandes prosistas do século XX, viaxou por medio mundo grazas ao seu traballo de correspondente. Vivía dedicado por completo á escritura xa sexa dende o confinamento no Empordà ou a través das súas viaxes. “O sedentarismo levoume a escribir. As viaxes, tamén”, di o propio escritor.

Cando chega a Pontevedra Pla atópase na metade desa viaxe que iniciou polo norte da Península.  Coma sempre, Pla é xenial nas súas descricións, despois do percorrido que fai pola cornixa Atlántica, conclúe: “a pesares de que o Atlántico o domina todo non unificou nada”.

A ría, segundo o escritor catalán, “é deliciosa e nas súas ribeiras hai vilas de pescadores e unha vexetación tranquilizadora, moi simpática”

Neste libro de viaxes Pla narra tres itinerarios diferentes cun único destino, Lisboa. No seu paso por Pontevedra atópase no segundo itinerario co que percorre o cantábrico, Bilbao, Santander, Oviedo, para accederen a Galicia polo norte, concretamente por Ribadeo, neste caso entrará en Portugal por Tui. Dende o País Vasco ata Galicia hai tanta diversidade, arquitectónica, paisaxística, gastronómica, que como di Pla, “paga a pena unha viaxe ou tantas como queiran”.

A ría, segundo o escritor catalán, “é deliciosa e nas súas ribeiras hai vilas de pescadores e unha vexetación tranquilizadora, moi simpática”. Tamén engade que os ríos de Galicia parécenlle dunha beleza extraordinaria, e destaca o Miño como un dos máis fermosos de toda a península.

“Non creo que haxa nesta península- e coñezo uns cantos- un río comparable ao Miño- quero decir coa beleza física, como creador de paisaxes”.

Do director do museo provincial di que é un gran erudito, ademais dun profesor de literatura moi apreciado. Despois de moito camiñar, Pla lle pide que o leve á catedral. “Case que podería afirmarse que nunha capital de provincia un non se sente saturado ata que non visita a catedral”. Cando o profesor lle di que non o pode compracer, Pla queda abraiado. Segundo o escritor catalán, a unha capital de provincia sen bispo e sen catedral, parece que lle falta algo.

Do director do museo provincial di que é un gran erudito, ademais dun profesor de literatura moi apreciado

De camiño a Marín atópanse co pazo de Lourizán, onde pasaba os veráns Eugenio Montero Ríos, que foi deputado no ano 1869 e chegou a ser presidente do Senado. Valverde cóntalle a Pla que de pequeno vía pasear xuntos a Don Eugenio e Don José Echegaray, de quen di que era un gran matemático e un dramaturgo terrible. Pla lembra que os caricaturistas do Cu-cut! retrataban a Don Eugenio coma un home vello, sempre encollido e moi abrigado. Sabe que Montero Ríos foi o impulsor da calefacción no Senado e Pla conta que cando foi traballar a Madrid, no 1920, despois de pasar uns invernos moi fríos no seu piso do Eixample barcelonés, fixo un gran descubrimento, a calefacción e o caldo de galiña que servían aos deputados e xornalistas. “Quen non probou este líquido non pode ter idea da grandeza á que pode chegar o caldo de galiña”, remata Pla.

Do relato de Pla, dedúcese que conxeniaron, non podía ser doutro xeito. Malia ser de culturas diferentes, as coincidencias ideolóxicas entre ambos os dous fixo que os seus camiños se cruzaran no papel e na vida real

Valverde cóntalle a anécdota do afiador e don Eugenío. Parece ser que cando Montero Ríos comprou a finca de Lourigán, deulle un día por sair á estrada que pasaba por alí para preguntar a xente da contorna que pensaban do amo da finca. Atopou un afiador e este contestoulle: “Pero que van dicir? Pois din que o señor é un picapleitos, un politicastro, un ladrón impoñente...” O afiador continuou o seu camiño e máis adiante o taberneiro advertiuno que acababa de falar con don Montero Ríos. Parece ser que o afiador tardou moitos anos en volver a aparecer por Pontevedra.

Con estes personaxes do paleolítico, como di o propio Valverde, pasan as horas conversando os dous intelectuais. Do relato de Pla, dedúcese que conxeniaron, non podía ser doutro xeito. Malia ser de culturas diferentes, as coincidencias ideolóxicas entre ambos os dous fixo que os seus camiños se cruzaran no papel e na vida real.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.