Fill@s de Riazor

Ten sentido falar, en Xullo de 2013, da unidade do nacionalismo galego?

Tivo sentido en Setembro do 82 para quen en Riazor proclamabamos: 'Todas as forzas políticas, organizacións, colectivos e persoas que asumimos a formulación dunha alternativa unitaria do nacionalismo, facémolo convencidos de que son máis os criterios que nos unen, nesta etapa histórica, que os que nos separan. Asemade, coincidimos en que a formulación orgánica da unidade necesaria debe facerse a partir do respecto pola diversidade ideolóxico-política que constitúe o nacionalismo real. Partindo deste respecto é posíbel unha unidade e a existencia dun campo definido e eficaz de militancia, non obstante, para ser ferramenta útil e positiva para o noso pobo, ha de basearse en puntos mínimos, pero perfectamente definidos e irrenunciábeis, sen os cais estaríamos a constituír un fraude político.'

Tivo sentido durante os seguintes trinta anos para un grupo diverso e numeroso de militantes e colaborador@s que acadamos, malia escisións e liortas, un importante consenso social ao redor da necesidade de construción da nación. Tívoo para un importante sector da poboación galega, mais dun 22% do electorado nos mellores momentos, que identificaba ao BNG como o nacionalismo galego actuante e útil.

Tivo sentido durante os seguintes trinta anos para un grupo diverso e numeroso de militantes e colaborador@s que acadamos, malia escisións e liortas, un importante consenso social ao redor da necesidade de construción da nación. Tívoo para un importante sector da poboación galega, mais dun 22% do electorado nos mellores momentos

Dende 2012, coa marcha do BNG primeiro de EI e logo de +G e, sobre todo, co posterior resultado electoral das autonómicas, debúxase un novo escenario político. Non só pola aparición de máis actores, tamén pola superación de tabús e a creación de novas dinámicas e discursos, consecuencia lóxica da diversidade organizativa. O nacionalismo galego organizado preséntase hoxe á cidadanía en organizacións diversas, con propostas semellantes. Suma ou resta esa diversidade? É por acaso consecuencia dunha normalización da situación política galega?

As enquisas dos últimos meses mostran unha conciencia nacional galega que non medra, mais ben recúa. Consolídase unha maioría absoluta do PP nos momentos en que Galiza máis precisa de políticas públicas que contrarresten o desastre social que vivimos. Os nosos dereitos lingüísticos, sociais, económicos... están en perigo como nunca após o 23F. Gaña espazo o relato, proposto pola dereita, que iguala centralización a eficiencia e que considera un despilfarro de recursos públicos a descentralización e o autogoberno, que cede á UE sen problema a soberanía que nega ás nacións dependentes e en particular a Galiza.

Non parece pois que a sociedade galega teña superado no político esa etapa histórica da que falabamos en Riazor, mais ben creo que ese 'campo definido e eficaz de militancia' coa base en 'puntos mínimos, pero perfectamente definidos e irrenunciábeis' é hoxe tan necesario como era no 82

Non parece pois que a sociedade galega teña superado no político esa etapa histórica da que falabamos en Riazor, mais ben creo que ese 'campo definido e eficaz de militancia' coa base en 'puntos mínimos, pero perfectamente definidos e irrenunciábeis' é hoxe tan necesario como era no 82. Cun País en demolición, a unidade de acción do nacionalismo galego e a esquerda é un espazo a construír: voces claras que prioricen actuar eficazmente no campo político, maiorías que permitan resolver os problemas sociais.

O obxectivo político en Riazor permanece vixente, por mais que o deseño organizativo foi xa superado. Os alicerces dunha nova unidade de acción do nacionalismo e a esquerda non van estar na construción dunha 'casa común' a pluralidade organizativa do nacionalismo actuante está para ficar. Pero vainos iso impedir colaborar? Non somos tod@s, dalgún xeito,  fill@s de Riazor? Non berramos hoxe coma onte Galiza Ceibe Poder Popular? Non temos tod@s a responsabilidade histórica de construír politicamente a Nación?

A pluralidade organizativa non ten porque restar, de sermos quen de crear un novo espazo de colaboración e non nos limitar a competir

A pluralidade organizativa non ten porque restar, de sermos quen de crear un novo espazo de colaboración e non nos limitar a competir. Estamos xa a traballar con responsabilidade nos espazos compartidos en Institucións, Organizacións e Plataformas, estamos en condicións de elaborar novos 'puntos mínimos, pero perfectamente definidos e irrenunciábeis' sobre os que basear programas e listas electorais capaces, non teño dúbida, de derrotar á dereita.

Se o nacionalismo galego traballar a prol da unidade de acción dende esta nova realidade, terá oportunidades de mostrar á sociedade galega que é un camiño sincero, orientado polas demandas sociais e non por intereses partidarios.

No 25 de Xullo, o noso día da Patria, cara unha celebración unitaria, cunha nova fórmula de convocatoria inclusiva, que chame a acudir a Compostela á cidadanía galega toda para celebrar o que somos e demandar aquelo a que aspiramos.

No 25 de Xullo, o noso día da Patria, cara unha celebración unitaria, cunha nova fórmula de convocatoria inclusiva, que chame a acudir a Compostela á cidadanía galega toda para celebrar o que somos e demandar aquelo a que aspiramos.

Nas eleccións europeas de 2014, coa prioridade de que Galiza teña representación no Parlamento europeo. É o momento dunha candidatura galega unitaria, sen protagonismos innecesarios nin exclusións, que recolla ese facho da defensa de Galiza en Bruxelas. Unha candidatura galega que concite apoios que sobarden o campo do nacionalismo, que mobilice na Galiza e permita á emigración galega en España manifestar a súa identidade co seu voto.

Na construción dunha alternativa unitaria para gobernar os concellos en 2015. É no plano de política local onde mais claramente se ve a necesidade de traballar a prol da construción de plataformas electorais que, coa base dun programa nacionalista de acción local solidaria, transparente democrática e participativa, ofrezan á cidadanía unha alternativa de goberno para as maiorías sociais. Hai tempo e condicións obxectivas para facelo. Líderes locais de diversas forzas están xa traballando para construílas e creando dinámicas de colaboración que as faciliten.

Non será doado, haberá resistencias de quen fica ancorado nun pasado que xa non é, de quen agarda novos éxitos ou vinganzas particulares, de quen se mergulla nas feridas recibidas. Poñerán obstáculos a dereita e o seu corifeo mediático. Pero estase xa a rozar o camiño, con acordos nas Institucións, con debates nas direccións políticas das organizacións involucradas, coas mocidades convocando un 24 de xullo unitario... case.

Somos fill@s de Riazor e sabemos construír, con xenerosidade, sacrificio, traballo e ousadía. Ten sentido: é o noso reto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.