Financiamento autonómico e benestar social

Dominio Público Petr Kratochvil

(*): Moitas das teses aquí expostas son debedoras dos apartacións feitas ao financiamento autonómico polos profesores Xaquín A. Corbacho, Antoni Castells e Angel de la Fuente.

 

Parecera que o goberno español de torno (PSOE/UP) quixera poñer fin as insuficiencias nas que, como se puxo en evidencia todos estes anos, se apoia o actual sistema de financiamento autonómico -Lei 22/2009 do 18 de decembro, B.O.E. nº 305 do 19/12/2009-. De ser así benvida sexa esta iniciativa especialmente si camiña na dirección tanto de aumentar a autonomía e a corresponsabilidade financeiras das CCAA como de incrementar a equidade e a suficiencia do sistema. 

Para un mellor funcionamento do Estado das autonomías, que consagra a Constitución Española, é fundamental que o sistema de financiamento autonómico funcione correctamente. Fundamental por varias razóns entre as que compre destacar tanto que as CCAA deben ter liberdade para levar adiante as súas políticas como que o Estado debe garantir que tódolos cidadás dos pobos de España teñan os mesmos dereitos e deberes -por caso o aceso aos servizos públicos e o pago de impostos-. Non menor relevancia ten o principio democrático de que tódalas administracións públicas de estado deben render contas diante dos seus cidadáns. En relación a este último punto a experiencia nos mostra como entre moitos rexedores autonómicos a hora de tratar o financiamento autonómico rexe a mentalidade de que o debate debe centrarse no gasto -como repartir o pastel- deixando de lado os ingresos -os impostos-. Dinámica que hai que cambiar por outra na que as CCAA na medida en que son beneficiarias dos grandes impostos estatais (IRPF. IVE...) teñen tamén que participar na súa xestión. Algo que se parece fácil no caso do IRPF será mais difícil no IVE pero, ben e certo, que se non se estuda e afronta non se soluciona. 
 

Algunhas aportacións a un debate necesario

Baixo eses criterios democráticos e para un mellor funcionamento do actual sistema de financiamento autonómico resulta necesario corrixir os actuais problemas que podemos resumir nos seguintes: 

1. O actual sistema presenta un déficit moi claro tanto de autonomía de ingreso, como de transparencia e de responsabilidade fiscal que impiden, por caso, que as CCAA teñan que render contas diante dos seus cidadáns. 

En relación o primeiro dos déficits (autonomía do ingreso) sinalar que se debe a que, na maior parte dos impostos que reciben, as CCAA non teñen capacidade normativa para, por caso, subilos ou baixalos. Unha situación que a moitas comunidades lles permite eludir responsabilidades tributarias xa que so teñen que responder dos tributos sobre os que teñen capacidade normativa que son menos. A solución a este déficit pasaría por aumentalas participacións e a capacidade normativa autonómicas sobre os tributos estatais (participación colexiada no caso do IVE), regulando independentemente os tramos (autonómico, estatal) e facendo que os cidadáns poidan visualizar con claridade canto é cada tramo de cada imposto.

A descentralización fiscal debe ir acompañada tanto dunha maior transparencia para que os cidadáns poidan exercer un maior control da política fiscal das CCAA canto da correspondente responsabilidade fiscal tal que si, por caso, as CCAA precisan de mais recursos sexan estas quen llos carguen aos cidadáns e non o estado.

En definitiva, o que se propón é que as CCAA teñan unha maior marxe de manobra na xestión de tributos (capacidade para subilos ou baixalos) por que lles dará tanto unha maior autonomía canto unha maior responsabilidade fiscal fronte aos cidadáns.

2. No actual sistema hai un problema de equidade xa que non garanta de forma satisfactoria a igualdade de acceso aos servizos públicos básicos para tódolos cidadáns. Seguramente este sexa o asunto mais grave e, xa que logo, mais difícil de resolver. Dificultade que se ve agravada pola existencia dun dobre réxime fiscal: foral e común.

O sistema foral privilexia claramente as comunidades -Pais Vasco e Navarra- que o teñen xa que, a igualdade de competencias, reciben un 60-70% de maior financiamento por riba da media das CCAA do réxime común. Como solución a esta anomalía democrática (o sistema copo é unha excepción non mundo) cabería establecer que esas comunidades contribúan a redistribución territorial (a través dun fondo estatal) pois non é xusto que haxa apartacións a caixa común tan distintas. No sistema común, pola súa parte, hai fallos claros no apartado da nivelación (que debe garantir que tódalas CCAA independentemente do seu nivel de renda teñan os recursos necesarios para poder prestar os mesmos servizos aos seus cidadáns). O actual sistema de cálculo das necesidades básicas de gasto é moi deficiente xa que provoca entre as CCAA grandes diferencias tal que poden chegar a un 40%. Compre, xa que logo, unha revisión do sistema para ver por que se dan estas diferencias. Revisión que debería abranguer ao tratamento da poboación (idade, dispersión....), o custo da vida, a renda dispoñible... cara a introdución como criterio as necesidades de gasto. Necesidades que, loxicamente, deben revisarse anualmente.

3. Dada a diferente dinámica de ingresos e gastos segundo as administracións públicas -central, autonómica, local- hai unha grande desequilibrio vertical por que é distinta segundo a administración de que se trate. Desequilibrio difícil de resolver pero que se debe estudar.
 

As mesmas oportunidades para todas

Como conclusión final podemos sinalar que aínda que a filosofía e os principios básicos do actual sistema son moi correctos (tódalas CCAA han de ter os recursos suficientes para poder prestar similares prestacións aos seus cidadán) presenta importantes carencias que se deben corrixir e reformar (non se trata de que presten os mesmos servizos senón de que teñan as mesmas oportunidades).

Carencias cuxa relevancia nos leva a pensar que non se van a resolver tan rapidamente como algúns responsables políticos pensan e desexan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.