Financiamento da Renda Básica

1) En que se parece a reforma agraria e a RB?

Disque nos tempos da II República un “señorito” latifundista amosábase firme partidario da Reforma Agraria co argumento de que “Co que xa teño e co que me van dar...!”. Aínda que pareza mentira, argumentos semellantes a este do noso latifundista úsanse acotío contra a Renda Básica (RB). Cantas veces non escoitamos aquilo de “O que non acabo de ver claro é que o “señorito” Botín tamén cobre a RB. Debería ser só para quen o necesiten”. Estou intimamente convencido de que Botín non caería na trampa do outro “señorito” e, caso de saber de que vai isto da RB, tamén sabería que, cando se instaure,  el vai ser un dos que paguen.

Ambas as dúas son políticas de Redistribución, onde uns gañan e outros perden. De feito, o Estado ten un mero papel de intermediario, non queda con terras na Reforma Agraria, nin con cartos na RB

Así e a todo, tampouco che era tan parvo o noso latifundista coma o pintan, de feito, ao final, acabábase preguntando “e de onde sacarán tanta terra?”, e ben se sabe que unha boa pregunta é necesaria para unha boa resposta.

E tamén aí a RB e a Reforma Agraria, calquera reforma agraria que queira resolver problemas de latifundismo, aseméllanse. Ambas as dúas son políticas de Redistribución, onde uns gañan e outros perden. De feito, o Estado ten un mero papel de intermediario, non queda con terras na Reforma Agraria, nin con cartos na RB.

Notemos a diferencia con, por exemplo, cando falamos de construír unha estrada: “Temos tantos cartos e, nas condicións de calidade que queremos, dan para tantos quilómetros”. No outro caso sería: Queremos que haxa tal cantidade de terra por agricultor (ou tal renda mensual por persoa), coa cantidade de terra total que temos (ou de riqueza) é viábel?, quen a vai soportar? E canto lle custaría en terras (ou en cartos)?

 

2) Estudo sobre a viabilidade da implantación dunha RB

A estas preguntas responde o recente estudo realizado por membros de redrendabásica (Arcaróns, Raventós e Torrens) partindo dunha hipotética reforma da Renda das persoas físicas e o aforro en subsidios

A estas preguntas responde o recente estudo realizado por membros de redrendabásica (Arcaróns, Raventós e Torrens) partindo dunha hipotética reforma da Renda das persoas físicas e o aforro en subsidios que sumen inferior contía que a RB. (Pódese consultar aquí).

Sobre o estudo cómpre matizar, antes de nada, que o traballo estuda unicamente a viabilidade dunha RB. A política fiscal concreta a aplicar (Reforma do IRPF, do IVE, aplicación dunha Taxa Tobin, Imposto sobre a Terra...) é motivo de debate entre os partidarios da RB , que sería longo de máis comentar neste momento.

Feita esta precisión resumo os seguintes aspectos do traballo:

Condicións do estudo:

a) O estudo refírese á teórica aplicación dunha RB circunscrita ao territorio de Cataluña, por ter datos completos da declaración do IRPF relativos a esa comunidade. En calquera caso, demostrar a viabilidade para esa Comunidade implica, presumibelmente, a viabilidade para calquera outra.

b) A súa implantación non suporía a detracción de ningún outro gasto público pola vía do IRPF. É dicir, o modelo deberá financiar, ademais da propia RB que se propón, todo o que xa se financia actualmente (sanidade, educación... e todas as demais partidas de gasto público, incluído o gasto na Casa Real).

c) A contía fíxase en 7.968,00 euros anuais, equivalente a 664,00 euros mes, para os maiores de 18 anos e de 1/5 desa cantidade para os menores.

 

Puntos da reforma:

a) Integración da base do aforro na base xeral, para evitar que as rendas do capital, que no actual IRPF constitúen a base do aforro, sigan tendo un tratamento fiscal moito máis favorable que o resto de rendementos. É unha reforma importante, pois no ano 2010 os tipos marxinais aplicábeis a ambas bases son ben distintos (máis do dobre), gravándose actualmente moito máis as rendas do traballo cás do capital.

b) Eliminación de todos os factores que no actual IRPF son considerados correctores de inequidade horizontal: os mínimos persoais, así como a compensación entre rendementos.

d) Eliminación de todas as reducións da base, fundamentalmente por plans de pensións e por rendementos do traballo e de todas as deducións da cota, fundamentalmente vivenda e incentivos .

e) Tipo único combinado coa transferencia de RB. O tipo, feitos os cálculos correspondentes, sae no 49,57%

f) Considérase que a recadación do IRPF queda integramente en Cataluña (aclaran, para evitar polémicas, que esta proposta faise dende un punto de vista exclusivamente técnico).

- Cómpre puntualizar que os tipos impositivos únicos adoitan ter a cualificación de regresivos. En ausencia dunha RB, sen dúbida sono. Pero calquera que estea familiarizado co IRPF pode entender que un tipo único, de combinarse cunha RB, non só é fiscalmente progresivo, senón altisimamente progresivo.

 

Resume do traballo:

A redistribución favorecería á gran maioría da poboación declarante actual no IRPF e non declarante. Soamente unha porcentaxe que oscilaría entre o 10 e o 15% da poboación máis rica sairía perdendo coa reforma proposta

a) A redistribución favorecería á gran maioría da poboación declarante actual no IRPF e non declarante. Soamente unha porcentaxe que oscilaría entre o 10 e o 15% da poboación máis rica sairía perdendo coa reforma proposta. Unha porcentaxe similar quedaría nunha situación parecida á actual, dependendo, claro está, da situación dos seus respectivos fogares, e entre un 70 e un 80% da poboación situada nos niveis inferiores de renda dos outros dous grupos sairía gañando coa reforma.

Dito con outras palabras: A RB sería viábel, soportaríaa o 10-15% da poboación máis rica e custaríalle un 49,57%  da súa base xeral (a maiores recibirían á súa renda, claro está).

A RB sería viábel, soportaríaa o 10-15% da poboación máis rica e custaríalle un 49,57%  da súa base xeral (a maiores recibirían á súa renda, claro está)

Nota: O traballo á que facemos mención foi recentemente ampliado con outro, realizado a petición da Comunidade foral de Gipuzkoa, na que, en condicións semellantes, saíu un tipo único algo máis baixo, (o 40,52%)

b) Outra información que se desprende do IRPF declarado de 2010 é a fraude fiscal que se intúe (digamos que os autores do estudio, catedráticos de universidade comprobaron que estaban entre o 95% dos máis ricos de Cataluña, e na parte alta dese 95%).  Este dato merece un comentario a parte.

 

3.- A necesaria reforma fiscal.

Efectivamente hai unha alta fraude fiscal, e resolver esta fraude escandalosa é unha condición necesaria para poder aplicar a RB sen que o seu financiamento recaia outra vez sobre parados, precarios, traballadores, pensionistas, autónomos e pequenos empresarios.

Resolver esta fraude escandalosa é unha condición necesaria para poder aplicar a RB sen que o seu financiamento recaia outra vez sobre parados, precarios, traballadores, pensionistas, autónomos e pequenos empresarios

Pero non é só a fraude. Como xa vimos a lexislación fiscal favorece que o sector máis rico, aínda cumprindo a lexislación, saia beneficiado, sexa por mor da distinta cota aos rendementos de traballo cós de capital, aos SICAV, ás amnistías fiscais de cada pouco, etc., ou mediante unha lexislación tan opaca que permite o “traballo” dunha curiosa profesión, a de “asesor fiscal”, coa función de que, sempre que se poida pagar ao mencionado asesor, o cliente pague o menos posíbel ao estado (a todos nós). Explícao mellor ca min Joám Lopes Facal neste artigo.

Estas tres vías (lexislación favorábel, opacidade que permite a trampa e fraude e evasión directas) son as tres características que fan que os impostos recaian sempre sobre as chamadas clases medias e sobre os traballadores e parados e son, tamén, unha das razóns (hai máis pero non é este momento de tratalas) polas que as “castas” ricas fanse cada vez máis e máis ricas, como denunciou recentemente Oxfam-Intermon neste artigo, que recomendo, afastándose, como se efectivamente dunha “casta” se tratase, do resto da sociedade.

A lexislación fiscal favorece que o sector máis rico, aínda cumprindo a lexislación, saia beneficiado, sexa por mor da distinta cota aos rendementos de traballo cós de capital, aos SICAV, ás amnistías fiscais de cada pouco, etc.

De feito, como se deixa ver no estudo de rederendabasica mencionado, de resolverse a evasión fiscal, a cota resultante a pagar (o 49,57%) sería notabelmente máis baixa. Non estamos pagando o mantemento do Estado precisamente os que mais tiñamos que pagar.

Argüirase que neste momento de globalización é imposíbel controlar esta situación, que en canto albisquen o máis mínimo intento de aumentar a presión ou control fiscal os ricos marcharán a outros estados, ou mesmo fóra da UE. Pero o certo é que, se non conseguimos racionalizar a recadación  fiscal, que saída da crise pode haber, con ou sen RB?. Seguiriamos a “resolver” a crise financeira dos banqueiros os traballadores e parados como ata agora, manténdose a escandalosa redistribución da renda que viamos neste artigo publicado recentemente en Praza, dende a maioría ata minoría que xa máis ten.

En resume: Pola RB, a desalambrar como dicía Victor Jara ou a desaramar como di Sés.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.