Financiamento ilegal do PP

Convocadas para o 18 de febreiro as eleccións para o Parlamento de Galiza, este é un balance da Xunta do PP a través dunha serie de 11 artigos, que recollen algúns dos temas tratados con máis amplitude por Manuel Monge no seu último libro Feijóo, biografía dun farsante (Edicións Laiovento, 2023): o financiamento ilegal do PP, envellecento da poboación, pensións, aumento da desigualdade, servizos sociais baixo mínimos, desmantelamento do sistema sanitario, recortes no ensino público, agresión á lingua galega, débeda que se triplica, beneficios da enerxía eólica que emigran e manipulación dos medios de comunicación públicos.

Doazóns de contrabandistas e narcotraficantes

A militancia en Alianza Popular (AP), despois PP, de significados contrabandistas e narcotraficantes era de dominico público e foi publicado nos medios de comunicación. Coñecemos que as súas doazóns ao partido chegaron a 1.000 millóns de pesetas entre 1980 e 1990. Entre os contribuíntes estaban: José Ramón Barral "Nené" (alcalde de Ribadumia polo PP entre 1983 e 2001, imputado en xullo de 2013 por un presunto branqueo de diñeiro procedente do contrabando e por evasión fiscal, non puido comparecer no xuízo por enfermidade, falecendo en novembro de 2023); Luis Falcón "Falconetti", José M. Prado Bugallo "Sito Miñanco", Manuel Lorenzo "Ferrazo", Marcial Dorado, Manuel Carballo Jueguen, Manuel Nieto, José Luis Vilela, Vicente Otero “Terito” (significado militante do PP en Cambados), Alfredo Bea Gondar (alcalde de O Grove polo PP), Pablo Vioque (secretario da Cámara de Comercio de Vilagarcía). Todos eles reuníanse con frecuencia en Pontevedra con Mariano Rajoy que era, daquela, presidente provincial do PP. Despois das detencións de Pablo Vioque, antigo líder do PP en Vilagarcía e preso por narcotráfico (faleceu en 2008), e “Nené” Barral entre maio e xuño de 2001, era unha evidencia a relación entre os negocios desas persoas, a corrupción política e o financiamento ilegal do PP. Mais Feijóo non sabía nada.

Esta era un dos procedementos para recadar diñeiro para o PP. Na campaña para as eleccións do Parlamento de Galiza de 1990, cando Manuel Fraga chega á presidencia da Xunta, o PP entregaba un bono coa foto de Fraga ás persoas que facían unha doazón de diñeiro ilícito, como recibo da súa contribución. “Don Manuel” reuníase con eles no restaurante Rosita de Cambados e no Altamira de Vilagarcía, onde os contrabandistas recibían os bonos e despois o tesoureiro do PP, Rosendo Naseiro, pasaba a recoller o diñeiro das doazóns (nesa época saía á luz pública o chamado “Caso Naseiro” sobre financiamento ilegal do PP, que se iniciaba por un pinchazo telefónico da Policía nunha operación de narcotráfico). Vicente Otero foi un dos máis eficaces e colocou bonos por un importe superior a trinta millóns de pesetas. Este contrabandista sería condecorado polo partido coa insignia de ouro e brillantes do PP, segundo publicaba Novas da Galiza. Terán algo que ver todos eses cartos cos ingresos procedentes de Galiza, que figuraban nos papeis de Bárcenas? Mais Feijóo non sabía nada.

O narcotraficante Laureano Oubiña nunha entrevista no cárcere declaraba: “A finales de los años setenta, cuando pasamos a la democracia que dicen que vivimos, ayudé a financiar a Alianza Popular, del señor Fraga, y a UCD, del señor Suárez. E igual que yo lo hicieron muchos empresarios más que estábamos metidos en el contrabando de tabaco”. Nin Fraga, nin o PP presentaron unha denuncia no xulgado por estas gravísimas acusacións. Mais Feijóo non sabía nada.

Empresas que financian o PP

A caída dunha das pontes da A-6 puxo outra vez enriba da mesa a vinculación entre as empresas construtoras e o financiamento irregular dos partidos políticos. Actividades de Construción e Servizos S.A. (ACS) aparecía nos papeis de Bárcenas cunha doazón de 60.100 euros ao PP da Galiza. Florentino Pérez (presidente do Real Madrid), a familia March e os “Albertos” (Alberto Alcocer e Alberto Cortina) son algúns dos principais accionistas desta empresa. Fomento de Construcións e Contratas (FCC) tamén era citada por Luis Bárcenas, antigo tesoureiro do PP,por doazóns, supostamente ilegais, ao PP de Galiza. Neste caso tratábase dunha achega de 108.000 euros, por parte dunha compañía presidida por José Mayor Oreja, irmán de Jaime ministro de Interior de Aznar. Os dados sobre a contribución de FCC e ACS estaban recollidos nun informe elaborado en 2006 por Modesto Fernández, xerente do PP galego, no que aparecían achegas por unha contía de 1.888.275 euros, procedentes de 19 grupos empresariais.

O empresario José Mayor Oreja, ex presidente de FCC Construción, filial de Fomento de Construcións e Contratas, recoñecía ante o xuíz Pablo Ruz que, fóra dos papeis de Bárcenas, realizou dúas doazóns ao PP por importe de 60.000 euros a través de Promociones Teide y BBR, sociedades filiais participadas ao 100% por FCC que no eran adxudicatarias de contratos coa Administración. Aseguraba que realizou estes pagos aconsellado polos servizos xurídicos da construtora.

No seu libro Florentino Pérez, el poder del palco (Akal, 2022), Fonsi Loaiza explica as conexións de Florentino Pérez con Alberto Núñez Feijoo: “Son amigos íntimos, presentan libros xuntos e todos os veráns cítanse na marisquería máis luxosa de Galiza”.

Entre as doazóns o PP de empresas que figuraban nos papeis de Bárcenas, hai que destacar as anotacións de Juan Miguel Villar Mir (OHL) con 530.000 euros; Luis del Rivero (Sacyr) cun total de 380.000 euros; José María Mayor Oreja (FCC) con 165.000 euros. Nos anos que realizaron esas entregas, as citadas construtoras tiñan 6.600 millóns de euros en obras de administracións públicas. Tamén Mercadona entregaría 240.000 euros. Os pagos concentrábanse, curiosamente, en 2004 e 2008, que foron anos de eleccións xerais. Os hospitais de Coslada, Parla, Sureste, Torrejón e Vallecas, da Comunidade de Madrid, foron construídos por Sacyr, FCC, OHL e Ploder, empresas que aparecían con doazóns ao PP nos citados papeis. Que casualidade!

Aparecen tamén con doazóns empresarios vinculados á trama Gürtel (Alfonso García Pozuelo, Pablo Crespo) e Juan Cotino (membro do Opus Dei, foi director xeral da Policía con Jaime Mayor Oreja e presidente das Cortes da Comunidade Valenciana), que o 14 de marzo de 2004 fixo unha doazón de 200.000 euros de parte de Sedesa. Un sobriño, Vicente Cotino, era responsábel de Sedesa, empresa valenciana de servizos, que recibía ese ano adxudicacións de obras por un importe de máis de 60 millóns de euros.

A época de Feijóo na COTOP

Nos últimos anos de Fraga á fronte da Xunta e de Alberto Núñez Feijoo, como responsábel da Consellaría  de Ordenación do Territorio e Obras Públicas (COTOP), houbo numerosas doazóns ao PP de empresas galegas relacionadas coa construción, que tiveron unha importante facturación coa Xunta: Copasa cunha doazón de 380.245 euros en 2006. Nun informe de Modesto Fernández, xerente do PP, figuraba C.R.C. Ramón Carro cunha doazón de 33.000 euros. Nese informe aparecen outras empresa con contratos coa COTOP: Extraco cunha doazón de 18.000 euros, Seixo con 30.000 euros, Bruesa con 80.000 euros, Teconsa con 120.000 euros. Nas obras da Cidade da Cultura participaron Necso, que fixo unha doazón de 100.000 euros e o Grupo Campo outra de 200.000 euros.

Pablo Crespo confirma a existencia da caixa B e do pago das campañas electorais

Pablo Crespo, que foi secretario de Organización do PP de Galicia de 1995 até 1999 e despois presidente de Special Events, a principal empresa investigada na trama Gürtel, confirmaba a existencia da caixa B do PP para pagar as campañas electorais e sobresoldos en negro. Preguntado sobre se pagou sobresoldos no PP procedentes de doazóns ilegais, contestaba: “Si claro. Y ahora se le da mucha importancia a este asunto por los sobresueldos de Génova, pero los de Galicia eran pecata minuta al lado de éstos. Si a un señor que venía de cobrar una retribución importante en una empresa, se le metía en una lista al Parlamento y pedía una ayuda, pues se le daba. Pero estamos hablando de unos 500 euros. Otros cobraban y ni siquiera eran políticos: empleados del PP, periodistas, asesores, colaboradores, gente sin contrato que, por ejemplo, hacía encuestas…Esos pagos en negro no se declaraban, tengo la certeza. Ellos sabían perfectamente de dónde venía ese dinero. Ya sé que suena mal decirlo ahora, pero tampoco querían cobrar de otra forma, querían cobrar en B”.

Sobre os recibís dese diñeiro negro, dicía Crespo: “Había gente que se negaba a firmar los recibís por una cuestión de prudencia, pero no eran la mayoría. Le aseguro que la cuestión no es que yo tenga dos, diez o cuarenta recibos de pagos en B. La cuestión es que tengo muchísimos más, porque yo he recibido donativos y apuntaba cada donativo, quién lo daba, la cantidad y, posteriormente, cada céntimo que salía de esa caja de ingresos B. Porque yo presentaba informes trimestrales –en los que certificaba los ingresos, los gastos y lo que restaba– a mi secretario general [Xosé Cuíña] y a mi presidente [Manuel Fraga]. Y cuando me marché, hice un informe global de mi paso por la secretaría de Organización, del que entregué una copia a Pepe Cuíña y otra, a Génova, a Álvaro Lapuerta. Otra copia la tengo yo”. Chama moito a atención que, despois de tantos anos de investigación, nin a policía, nin o xuíz, nin a opinión pública, coñeza estes informes de Pablo Crespo.

Feijoo, a trama Gürtel e o financiamento ilegal do PP de Galiza

Alfonso Pérez, “El Bigotes”, e Pablo Crespo crearon en Galiza Orange Market, unha das empresas da trama Gürtel, na década dos noventa; despois trasladaron á Comunidade Valenciana a sede social e a maior parte da actividade desta empresa. O pai de Pablo Crespo era Manuel Crespo Alfaya, significado franquista, Secretario en Pontevedra de Falange Española Tradicionalista y de las J.O.N.S, fundador de AP nesa cidade, despois militante do PP, Xefe do Gabinete Técnico de Mariano Rajoy cando este foi vicepresidente da Xunta.

O PP de Galiza pagou “en B”, é dicir, en diñeiro negro, máis da metade dos actos celebrados entre 1996 e 1999, período no que Fraga era o líder e Crespo secretario de Organización do PP galego; e a muller de Correa asesorou ao PP de Pontevedra en 2001. Segundo a documentación atopada pola Policía na caixa de seguridade que Crespo tiña nunha entidade de Pontevedra, foron facturados 3,2 millóns de euros ao PP de Galiza en diñeiro negro.

O sumario da Gürtel recolle que dos 12 millóns de euros que o PP habería pagado en diñeiro negro para organizar actos electorais en distintas comunidades autónomas, 5,9 millóns de euros poderían corresponder a Galiza; ademais, os gastos non xustificados do PP de Galiza entre 1996 e 1999 ascenderían a 584.580 euros. Un informe policial sinalaba que o 47% dos actos electorais do PP de Galiza foran financiados con “recursos ajenos a los circuitos financieros, que pueden proceder de terceros que financian los actos del partido con dinero ajeno a los circuitos económicos”. .

A trama Gürtel continuou actuando en Galiza despois de cesar Pablo Crespo en 1999 como responsábel de Organización, e cobrou diñeiro do PP polos actos celebrados en Galiza, cando Alberto Núñez Feijoo xa era conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e membro do Comité de Dirección do PP da provincia de Ourense. Segundo ese sumario, Gerardo Galeote, eurodeputado do PP, ingresaba 20.000 euros para esta rede o 13 de marzo de 2003.

A pesar de todos estes datos e evidencias sobre o financiamento ilegal do PP, Rajoy sempre alimentou a teoría da conspiración contra o seu partido: “La Gürtel no es una trama del PP, es una trama contra el PP”. Esta corrupción do PP provocou a súa caída como Presidente de Goberno.

Fraga, Aznar, Rajoy, Gallardón, todos participaban no financiamiento ilegal do PP

Difundiuse un discurso sobre Fraga de persoa honrada, traballadora, respectuosa coas leis, que estaba lonxe da corrupción e de actuacións ilegais. Mais os feitos demostran que Fraga non só participaba, senón que dirixía a trama de corrupción do PP e recibía directamente doazóns de empresarios e particulares para o financiamento ilegal do PP. Rosendo Naseiro, que fora tesoureiro nacional do PP, tiña agochado un cheque por importe de medio millón de pesetas que Fraga recibiu en abril de 1989 e que dous días despois era ingresado na conta a nome do Partido Popular no Banco de Vitoria. Diñeiro que se dedicaba ao pago do gasto electoral das eleccións galegas de 1989.

No documento titulado Comentario al cierre del ejercicio económico de 1989, Naseiro explicaba que nese ano o PP encaixou “172 millóns de pesetas de déficit, motivado polas achegas que por valor de 500 millóns de pesetas enviou a Tesouraría Nacional do partido a Galiza para atender os gastos da precampaña e campaña galega”. Así gañou Fraga as eleccións ao Parlamento Galego de 17 de novembro de 1989, gastando na súa campaña máis do dobre do límite permitido pola lexislación vixente (o PP declarou ante o Tribunal de Contas un gasto electoral de só 199 millóns de pesetas).

Mariano Rajoy tamén coñecía este financiamento ilegal do PP porque era, daquela, o número dous do partido en Galiza, nunha campaña que dirixiu Dositeo Rodríguez. Ademais do diñeiro enviado desde a sede central do PP na rúa Génova e Madrid, o PP recibía doazóns ligada ao mundo do contrabando. 

Naseiro tamén implicaba ante notario a José María Aznar, sucesor de Fraga, como recadador e persoa que supervisaba e daba todas as directrices en materia de financiamento do partido. Ángel Sanchís, tesoureiro de AP entre 1982 e 1987, corroboraba estas declaracións de Naseiro e dicía en declaracións ante o Congreso dos Deputados en 1990: “Recibimos diñeiro os partidos políticos de señores que o dan”. Sanchís, que estivo imputado no seu día no caso Naseiro e despois na trama Gürtel, admitía que enviou miles de cartas solicitando fondos e organizando ceas para “esquilmar os amigos, os coñecidos e os coñecidos dos amigos”. E xustificaba así a súa actuación: “Non sei onde está o problema. Recibir diñeiro era perfectamente legal. Non o neguei nunca”.

Naseiro encargaba como tesoureiro unhas auditorías internas sobre as doazóns nos primeiros anos do PP, que recollían estes datos: “Na sede de Barcelona recibíronse 6.136.425 pesetas de doazóns en 1989. O control da recepción é débil, xa que non se empregan documentos prenumerados con orixinal e copia, para recibilos”. Na auditoría na sede provincial de Biscaia podía lerse: Obtivéronse 522.256 pesetas por doazóns en 1989”.

Alberto Ruiz Gallardón ratificaba este financiamento ilegal e recollía nun informe interno que entre o 30 de maio de 1989 e abril de 1990 o PP recibira 20,3 millóns de pesetas en doazóns que “corresponden a doantes coñecidos e identificados, que por razóns evidentes de discreción non se relacionan nestes informe”. E os papeis que gardou Naseiro revelaban que entre marzo de 1987 e decembro de 1988 o PP ingresou 140 millóns de pesetas sen ningún tipo de control, nin identificación (a metade desta cantidade, en efectivo), nunha conta opaca aberta no Banco de Fomento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.