Floriano, Platón e as tartas de IKEA

Arbeit macht frei, líase gravado en ferro no cartel á entrada de Auschwitz: O traballo faravos libres. Hoxe, a falta de traballo que faga críbel o lema, na porta do sur de Europa o cartel debería dicir: A austeridade traeravos progreso. Logo o progreso traeravos traballo e así poderedes pechar o círculo e volver a Auschwitz, onde o traballo vos fará libres.

Hoxe, a falta de traballo que faga críbel o lema, na porta do sur de Europa o cartel debería dicir: A austeridade traeravos progreso

Nestes tempos convulsos á xente hai que lembrarlle os principios con carteis ben visíbeis porque é evidente que falta a fe e sen fe non se vai a ningures. Dino todas as encíclicas, que o escepticismo, o cinismo e o relativismo campan a vontade, tamén o hedonismo, e iso compón un cóctel que nos atorda co sensorial, co material, e non nos deixa acceder á esencia da realidade. Por iso Carlos Floriano, cranio privilexiado do Partido Popular, avisa aos seus cachorros de Nuevas Generaciones: “Que non vos ceguen as cifras”. E dio cando ten máis valor dicilo, horas despois de que a EPA revele o  novo dato de parados e paradas: 6.200.000. “Que non vos ceguen as cifras” advirte o voceiro, cun bronceado de cabina e un sorriso similar ao de Bush cando anunciou o bombardeo de Iraq fitando a cámara nun campo de golf e ao rematar se dirixiu aos xornalistas para dicir: “E agora, mirade este drive”.  A cousa está encamiñada, di Floriano, mirádeme aos ollos. Tende fe!

“Que non vos ceguen as cifras” advirte o voceiro, cun bronceado de cabina e un sorriso similar ao de Bush cando anunciou o bombardeo de Iraq fitando a cámara nun campo de golf

Floriano insírese nun debate que vén de hai máis de 2000 anos e que daquela se personificou en Platón e no seu discípulo Aristóteles. Pode a realidade como a percibimos constituír a referencia básica do coñecemento? Ou debemos tratala como a un reflexo pálido e distorsionado do mundo das ideas, abstracto e inmaterial pero o único verdadeiro? Floriano é destes, dos da caverna, coma Platón. Evoluíu co mestre pola vía máxica e poética, non co discípulo pola vía da ciencia.

No PP ninguén entende o alemán pero os seus dirixentes non deixan que as palabras os ceguen. Eles van máis alá, comunícanse co máis alá da entoación sincopada e a fonoloxía prusiana, que é onde se cifra a verdadeira comunicación

Hoxe todo o PP é platónico, máis alá de todas as cifras que falan de estancamento eles pechan os ollos e ven o río da riqueza a fluír caudaloso coma o Nilo. Eles teñen fe pero o populacho asédiaos e denígraos, quere afastalos do camiño recto. A turba subestima a forza dos actos inspirados pola fe e a determinación dos profetas e os apóstolos. Os profetas crécense co desprezo. Do mesmo xeito o PP déixase guiar pola voz interior, porque o PP oe voces, e fálanlle en alemán. No PP ninguén entende o alemán pero os seus dirixentes non deixan que as palabras os ceguen. Eles van máis alá, comunícanse co máis alá da entoación sincopada e a fonoloxía prusiana, que é onde se cifra a verdadeira comunicación. Eles móvense na estrutura profunda da que falaba Noam Chomsky, un intelectual de esquerdas.

Merkel e a Troika poñen a Rajoy e a Montoro contra a parede e dinlles que na eliminación de dereitos, no espolio do patrimonio e o arrasamento do estado de benestar agarda o paraíso, e Rajoy e Montoro na parede non ven un mofo deforme senón as caras de Vélmez. Quen convence a un visionario de que as súas visións non son verdade? Velaquí a dimensión da fe da xente que nos goberna.

Nada é o que parece. Ou como dicía David Lynch, “todo o que parece pode non ser”. Onde todos vemos un zurullo con aspecto de merda, con cheiro a merda, con textura de merda e... con sabor de merda, Floriano e os seus dinnos que as aparencias enganan, podería tratarse dunha tarta de IKEA.

Onde todos vemos un zurullo con aspecto de merda, con cheiro a merda, con textura de merda e... con sabor de merda, Floriano e os seus dinnos que as aparencias enganan, podería tratarse dunha tarta de IKEA

As fotos de Feijóo co narco non son o que parecen. A privatización da Sanidade, a Educación ou a Xustiza non son o que parecen. As estafas dos bancos non son o que parecen. E senón mirade a consecuencia desas supostas estafas, a inxección de milleiros de millóns aos que as causaron. Pero iso, que podería parecer un premio á delincuencia, non é o que parece. Tampouco a amnistía fiscal é o que parece, nin a Lei de Costas, nin por suposto os papeis de Bárcenas nin os da Gürtel. De feito o Xuízo Final do Tribunal Supremo xa ditaminou que a Gürtel non era o que parecía.

Nada é o que parece... “salvo algunhas cousas”. Esas tres palabras, pronunciadas diante da figura paterna de Merkel, fixeron que a Rajoy lle saíse un compulsivo tic no ollo esquerdo e que o bolígrafo lle saíse disparado polos aires. Non é para menos porque esa breve apostila abría unha fenda no dogma de infalibilidade no que se asenta o apostolado liberal-conservador. A small leak can sink a great ship, di un refrán inglés: unha pequena vía abonda para afundir un gran navío. O “salvo algunhas cousas” foi unha puñalada da realidade ao corazón das ideas universais platónicas e levou ao enxame popular a recluír á súa abella raíña nunha pantalla de plasma.

A small leak can sink a great ship, di un refrán inglés: unha pequena vía abonda para afundir un gran navío

Xa imaxinamos aos asesores de imaxe entre bambolinas maldicindo por parvo ao rexistrador da propiedade de provincias: “Mira que llo dixemos! Que nin un paso atrás! Que nada de pensar pola súa conta nin de contestar! Que agarrase ben o bolígrafo!” O Waterloo do “salvo algunhas cousas” abre a posibilidade de que a súa fe sexa impostura, que igual non cren no que din e o seu dogma é unha manobra de distracción para incautos.

O resultado é que agora teñen que improvisar plans B e recoñecer que non todo marcha como debería e as medidas non funcionan, pero no futuro, máis pronto que tarde segundo Floriano, ou na outra vida, todo irá mellor para os que teñan verdadeira fe. A fe move montañas e o longo prazo, xa se sabe, é ese tempo no que todo acaba saíndo ben... salvo algunhas cousas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.