Entendo que o que estamos a vivir, ademais dunha crise do sistema financeiro e unha crise económica tremenda, é o esboroamento completo das bases sobre as que se levantou a Transición e, sobre ela, esta democracia. Acaba unha época social, política e económica e expúxose unha verdadeira crise de España, dividida entre nacións enfrontadas pero tamén entre esquerda e dereita, sen referentes públicos aceptados por todos, sen referentes nacionais. El País ten moito que ver con esa etapa histórica e a súa crise é ilustrativa.
Tamén hai despedimentos de persoal noutras empresas da comunicación pero tal división interna nun xornal paréceme algo inédito. Probablemente ese enfrontamento tan revirado naceu dunha actitude moi sorprendente da empresa desde o comezo do proceso
Para quen é unha crise total é para os xornalistas despedidos, non existen os recortes de plantilla máis que no zapateiro, o que hai son cento vinte e nove desgrazas persoais e familiares. Tamén hai despedimentos de persoal noutras empresas da comunicación pero tal división interna nun xornal paréceme algo inédito. Probablemente ese enfrontamento tan revirado naceu dunha actitude moi sorprendente da empresa desde o comezo do proceso, por unha banda declaracións contundentes de Juan Luís Cebrián anunciando o final da profesión e do xornal, agoiros ou ameazas, e, doutra banda, un distanciamento total entre a dirección e a redacción, que non comparte a reorientación do xornal: nin a concepción do produto xornalístico nin a posición editorial.
Hai moito das emocións profundas de Cebrián nese modo de tratar aos xornalistas. Foi unha demostración non de poder, senón de autoridade. Un exercicio de forza de alguén a quen lle fascina o poder
Efectivamente, o xornal dá cada vez máis espazo ás noticias relacionadas co lecer, foi moi duro co goberno de Zapatero e, agora que veu Rajoy, o seu posicionamento non é todo o crítico que debería; pois toda a prensa en papel de Madrid é declaradamente favorable a esta administración e as súas políticas. Este episodio, como calquera outro da historia dese diario, é da autoría de Cebrián, que estes días se está transformando nun personaxe verdadeiramente literario. O curso dos días vai debuxando o perfil dun personaxe ao que lle empeora día a día a súa imaxe, coma un retrato de Dorian Gray. O seu retrato está tisnado coas cores máis escuras e duras, e está claro que a el lle gusta, os mesmos despedimentos destes días poderían facerse doutra maneira e non creando unha división no corazón do periódico pero hai moito das emocións profundas de Cebrián nese modo de tratar aos xornalistas. Foi unha demostración non de poder, senón de autoridade. Un exercicio de forza de alguén a quen lle fascina o poder.
Creou segundo o seu criterio o escenario da cultura española, quen saía ou o que saía en El País era a realidade verdadeira para moitísimas persoas
A Cebrián e á xeración de intelectuais e xornalistas que botaron a andar El País hai que agradecerlles moitas cousas, ademais de crear un xornal que era necesario. Cebrián foi un gran xornalista e un creador dun gran xornal, El País foi a cabeceira ilustrada que encarnaba a cultura democrática e, aínda que a súa visión de España era a da nación orgánica de Ganivet e Ortega, permitiu expresar opinións diversas. Mesmo xogou un papel decisivo para crear a imaxe da "nova España da democracia" e para crear público para o cinema e a cultura española. Lanzou intelectuais e escritores e creou segundo o seu criterio o escenario da cultura española, quen saía ou o que saía en El País era a realidade verdadeira para moitísimas persoas. Foi unha guía do pensamento e de ver as cousas para unha parte moi importante da opinión ilustrada española.
Debido a Internet, a relación dos lectores cos xornais cambiou e ninguén con opinión crítica segue unha soa cabeceira, os xornais xa non teñen fregueses, desaparece a lealdade dos lectores e aumenta a súa desconfianza no que lle contan
Debido a Internet, a relación dos lectores cos xornais cambiou e ninguén con opinión crítica segue unha soa cabeceira, os xornais xa non teñen fregueses, desaparece a lealdade dos lectores e aumenta a súa desconfianza no que lle contan. El País non é unha excepción e ha ir perdendo influencia, o seu poder para prescribir os seus lectores. Non só se perden lectores tamén diminúe a súa autoridade moral. E o vivido estes meses é unha experiencia triste antes de nada para os despedidos, para o conxunto da sociedade española pero tamén para os seus lectores de moitos anos que contemplan estupefactos como unha referencia crave desta democracia se autodestrúe. E que tiveron que decatarse, ademais, por outros medios.
Hoxe El País ofrece o espectáculo dun xornal roto internamente, desde o principio víase que non podía ter outro desenlace
Desde o punto de vista económico a crise parece ter os trazos da economía destas décadas de fantasías, desde o punto de vista xornalístico mostra o fráxil que é o xornalismo, o difícil que é o seu futuro e o ameazado que está. Pero tamén nos fai ver que un xornal é diferente dunha fábrica de produtos manufacturados común. Un xornal é unha redacción, unha mente e un espírito colectivos, e é imprescindible a conexión entre empresa, dirección e redacción. Hoxe El País ofrece o espectáculo dun xornal roto internamente, desde o principio víase que non podía ter outro desenlace. A tribuna sen firma que publicou o xornal utiliza unha linguaxe completamente estraña a mentes democráticas e consagra a guerra interna.
Esa desgarrada loita que presenciamos todos tamén mostra que boa parte dos xornalistas conservan unha combatividade e un empeño en defender a liberdade exemplares
Pero esa desgarrada loita que presenciamos todos tamén mostra que boa parte dos xornalistas conservan unha combatividade e un empeño en defender a liberdade exemplares. Estiveron a defender a empresa, dicíndolle que se estaba traizoando a se mesma. Paréceme que neste caso foi a redacción do xornal a que está moito máis preto de representar os lectores. A un xornal en papel debería interesarlle a opinión dos seus lectores.