Folga é democracia

Os gobernos do PP de Galicia e de España esfórzanse por estrullar as cifras e estatísticas sobre emprego para demostrar que a situación mellora; e o mesmo con outras variables económicas. Esforzo propagandístico baldío e obrigado ante as múltiples citas electorais deste ano, xa que é clara a evidencia da precariedade do pouco emprego que se crea e a nula reactivación económica pola incapacidade de consumo dunha cidadanía afogada con recortes ou ausencia de ingresos.

Milleiros de persoas están sendo xulgadas polo seu activismo social, por defenderen os seus dereitos, por exerceren como cidadanía

Non cadra que Galicia nin España vaian mellor no económico nin no emprego se as medidas de recorte continúan e a persecución sindical e social se acentúa. Para os gobernos de Rajoy e de Feijóo, os culpables da crise teñen cara de pensionista, de muller traballadora que cobra menos ca un home por facer o mesmo, de persoa dependente, de traballador maduro en desemprego de longa duración, de paciente de hepatite sen tratamento, de mozo formado emigrado… Contra eles e elas orienta as súas políticas de recorte e austeridade; e coa covardía de non se enfrontaren realmente e coa mesma firmeza contra os poderes especulativos causantes da crise financeira.

Milleiros de persoas están sendo xulgadas polo seu activismo social, por defenderen os seus dereitos, por exerceren como cidadanía. Xente solidaria que se mobilizou contra desafiuzamentos, contra o desmantelamento dos servizos públicos, en defensa da sanidade e do ensino público, en defensa do emprego no seu sector e nas súas empresas. Xente que é tratada igual ca criminais e que poden acabar encarcerados.

As folgas convocadas contra as reformas laborais do PSOE e do PP no goberno, pero tamén as convocadas a prol do emprego en empresas e sectores, convertéronse en filóns para os gobernos do PP para escarmentar sindicalistas e folguistas combativos. A ameaza do cárcere é o bico da pirámide de ameazas á clase traballadora que exerce os seus dereitos; pasando previamente pola represión e persecución sindical, o despedimento, as listaxes negras. Un patrón de comportamento incompatible coa democracia.

A ameaza do cárcere é o bico da pirámide de ameazas á clase traballadora que exerce os seus dereitos; pasando previamente pola represión e persecución sindical, o despedimento, as listaxes negras

Coas mobilizacións do pasado 18-F en todo o mundo, lanzouse unha mensaxe: a situación vai cambiar, a cidadanía seguirá tomando conciencia e partido para que a democracia venza á especulación, e para que os gobernos gobernen en favor do pobo que representan, no canto de castigalo con recortes e con represión.

A acción sindical internacional marcou como cita clave o 18 de febreiro para desenvolver por todo o mundo mobilizacións sindicais en defensa do dereito de folga. Así o decidiu o Consello Xeral da Confederación Sindical Internacional (CSI), tendo en conta os continuos ataques que este dereito está a recibir en moitos países membros da Organización Mundial do Traballo (OIT), que protexe o dereito de folga co Convenio número 87 sobre liberdade sindical.

Non só pretenden vulnerar o dereito de folga os gobernos de moitos países. Tamén o Grupo de Empresarios da propia OIT fai presión para que este organismo internacional o deixe sen efecto, nun cambio sorprendente de actitude tras máis de sesenta anos sen que o dito grupo o cuestionase; agora aproveita para entorpecer o desenvolvemento normal da Organización na súa función protectora dos dereitos laborais no mundo.

O Tribunal Supremo de Canadá confirmou nun veredicto histórico que "o dereito de folga é un elemento esencial de todo proceso de negociación colectiva eficaz protexido pola Constitución canadense"

Esta nova situación está a ocasionar que altos tribunais nacionais se pronuncien ao respecto, ben a instancias dos gobernos interesados ben dos propios empresarios. Concretamente, o Tribunal Supremo de Canadá confirmou nun veredicto histórico que "o dereito de folga é un elemento esencial de todo proceso de negociación colectiva eficaz protexido pola Constitución canadense".

Para este tribunal, a lei que negaba o dereito de folga para determinados traballadores do sector público, sen dispor doutro mecanismo alternativo, era inconstitucional, e ampara a súa decisión no antedito convenio así como noutros tratados internacionais.

En liña coa sentenza do Tribunal Supremo de Canadá e co disposto pola OIT, as confederacións sindicais de CCOO e de UGT rexistraron perante a OIT, o pasado novembro, unha queixa contra o Goberno de España "por atentar contra a liberdade sindical, o dereito á negociación colectiva e o dereito de folga", e solicitaron ao Comité de Liberdade Sindical deste organismo unha resposta urxente.

As confederacións sindicais de CCOO e de UGT rexistraron perante a OIT, o pasado novembro, unha queixa contra o Goberno de España "por atentar contra a liberdade sindical, o dereito á negociación colectiva e o dereito de folga"

Ambos os sindicatos detallaron os continuos procesos penais que se están abrindo en España contra folguistas, nunha aplicación retorta do Código penal, que sanciona o chamado delito de "coaccións para promover a folga", e outros tipos penais que veñen empregando para criminalizar a actividade sindical, como o delito de atentado, desobediencia ou desordes públicas.

Máis de trescentos folguistas están sendo xulgados no estado, e por iso desde ambos os sindicatos instan a OIT a actuar urxentemente, tanto polas repercusións para as persoas afectadas como pola restrición que supón ao exercicio da liberdade sindical e ao dereito de folga, e máis tendo en conta as gravísimas penas privativas de liberdade que levan consigo.

No compromiso de defensa dos dereitos democráticos, o dereito á folga é un termómetro da calidade democrática dun país. Para seguir exercendo ese compromiso en defensa dos dereitos da clase traballadora, temos moitísimos bos e recentes exemplos dos que aprender como se fai fronte aos ataques da troica e da especulación e como se defende o emprego e os dereitos laborais nas empresas.

Os compañeiros e compañeiras de Lantero déronnos unha lección maxistral de como han actuar os responsables sindicais e o conxunto do persoal ante decisións inxustas

En Grecia defendéronse con case unha decena de folgas xerais fronte á troica e os sumisos gobernos gregos e ao cabo conseguiron un novo Executivo que defende a democracia e os dereitos da súa cidadanía.

Máis preto, os compañeiros e compañeiras de Lantero déronnos unha lección maxistral de como han actuar os responsables sindicais e o conxunto do persoal ante decisións inxustas. A súa folga e o posterior acordo alcanzado son unha vitoria indiscutible.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.