O que ocorreu o domingo, día 9 de novembro de 2014, é a cristalización de Catalunya como unha nación. Sen estado aínda, pero a nación que a maioría cría ser acaban de levantala voluntario a voluntaria e cidadán a cidadá. A través dos medios de comunicación que nolo permitiron puidemos comprobar que son capaces de actuar como un estado independente, un estado á marxe do estado español e ademais, por certo, desafiándoo.
Xa non se trata de negociar un estatuto que lles recoñeza carácter nacional, senón dunha negociación de ti a ti entre un estado e algo moi parecido a un estado
O que queda por diante é unha nova situación, xa non se trata de negociar un estatuto que lles recoñeza carácter nacional e instrumentos para progresar, iso era antes e xa queda moi atrás, senón dunha negociación de ti a ti entre un estado e algo moi parecido a un estado. Dun lado o estado español con todos os seus poderes e instrumentos e do outro unha cidadanía moi organizada e militante que practicamente arrastra ou leva no aire aos seus gobernantes.
Pola mañá un amigo chamoume desde Vic contándome entusiasmado o ambiente, a normalidade con que transcorría a votación. Tamén eu quería ver aquilo, así que busquei no televisor a televisión catalá, a TV3, pero non a atopei. Esa mera imposibilidade de poder ver a televisión catalá noutro lugar do estado debería servir para comprender os grandes erros da democracia española. Pero atopei La Sexta, que ofrecía unha programación especial, e quedei, puiden ver esas imaxes de persoas facendo fileira para poder votar.
Unha imaxe que me parece exemplar, cidadáns facendo cola ante os puntos de votación, pero que é terrorífica para moitos políticos españois
Unha imaxe que me parece exemplar, cidadáns facendo cola ante os puntos de votación, pero unha imaxe que é terrorífica para moitos políticos españois. Aquelas persoas gardando fila voluntariamente para votar eran terribles inimigos políticos. A quen realmente temen eses dirixentes políticos e sociais non é a Mis ou a Junqueras senón a esa xente que madrugou para votar cedo "por se viña a policía pechar o colexio". "O problema catalán" é a cidadanía catalá, non uns dirixentes políticos aos que se pode denigrar ou cos que se pode chegar a algún acordo sen máis, esa xente está aí vixiante e saen á rúa ou acoden a votar unha vez e outra. Son perigosos cidadáns.
Esas imaxes no televisor de votación dominical eran as de calquera cita electoral, coa diferenza de que aparecían persoas moi conscientes de que desafiaban o Goberno e o Estado mesmo cos seus recursos. Esas persoas de aspecto común e pacífico sabían que podían estar a cometer delito, de feito foran advertidas pola vicepresidenta do Goberno, quen á vez que as avisaba eximíaas de responsabilidade pois afirmou que estaban a ser presionadas polo presidente da Generalitat.
A determinación nace dunha forza contraria moi poderosa: toda a política seguida polo PP e o Estado en relación con Catalunya desde o ditame do Constitucional
As imaxes que se puideron ver non eran as de persoas que abrisen os colexios electorais ou agardasen a súa quenda para votar porque sentían presionadas, a vicepresidenta ou ignoraba aquilo do que falaba ou mentía. Se non acudían coaccionadas e sabían que podían estar a cometer delito sen dúbida eran xente moi convencida, calquera país envexaría unha cidadanía así. Esa determinación nace dunha forza contraria moi poderosa: toda a política seguida polo PP e o Estado en relación con Catalunya desde o ditame do Tribunal Constitucional hai catro anos até a última descualificación ou ameaza hoxe.
En teoría acudiron a votar sobre a forma na que queren que exista o seu país pero sabían que ese día o que realmente estaban a facer era defender o seu dereito á liberdade de expresión. E facíano, é certo, contra o Goberno que pensou que podía impedírllelo pero non o conseguiu.
O Goberno moveuse na ambivalencia, todo os pasos que deu Rajoy conducíano a prohibir a celebración desa votación e os partidarios da súa política esixíanlle que utilizase a forza para iso, pero alguén na súa contorna finalmente comprendeu que nestes tempos en que hai tantos medios de comunicación e existe Internet non poderían ocultar a imaxe duns gardas armados levando urnas e cargando contra votantes. A pesar de que até ese momento actuaron para que iso puidese ocorrer, ao final detivéronse.
Un xornal madrileño titulou onte "Rajoy está disposto a tolerar o 9-N como liberdade de expresión", é triste que nos digan a estas alturas que nos toleran a liberdade de expresión. Así están as cousas. Pero non lle senta ben ao presidente do Goberno a tolerancia tampouco e onte apareceu nun mitin conxestionado e berrando, pretendía saír dunha situación moi difícil: os que o puxeron aí agora calibran que é un grande estorbo. Entre o eixo e a roda só pode ter reaccións desesperadas e contraditorias, cando gritou que a Mas lle faltaba "cordura" continuaba coa linguaxe que levou as cousas até aquí, pero a continuación non tivo máis remedio que prometer que ao día seguinte da votación dialogaría. Nun mesmo día a vicepresidenta asustaba e ameazaba os participantes no proceso electoral pero o presidente, pola súa banda, recoñecía que se produciría a votación e que logo dialogaría.
España fixo o ridículo a ollos do mundo e o Goberno a ollos da cidadanía
Con todo, non cesaron as manobras para impedir que se dese esa imaxe de persoas gardando fila para votar e o Fiscal Xeral do Estado, naturalmente designado polo Goberno, ordena aos mossos que identifiquen os responsables do uso de locais públicos para a votación. Iso quedou resolto cando o presidente da Generalitat recoñeceu publicamente que o responsable era el. O Goberno desautorizouse a si mesmo, prohibiu algo e non obrigou ao seu cumprimento, España fixo o ridículo a ollos do mundo e o Goberno a ollos da cidadanía. Efectivamente cometéronse faltas e probables delitos, a prohibición anterior conduciu a que esa demostración de militancia cívica estea á marxe da lei, se Mais é o responsable debe de ser procesado.
A esa situación tan absurda, a procesar o interlocutor con quen se ten que dialogar e negociar, conduciu a brillante estratexia do PP de Rajoy e Arriola, enfrontaron España e Catalunya dun modo que non ten volta atrás. Utilizar o españolismo de estado como arma enfrontándoo ao catalanismo conduciu a isto.
E na Corte ninguén dirá publicamente e con sinceridade, "equivocámonos profundamente". E ninguén pedirá desculpas aos cataláns polo modo tan irresponsable e frívolo con que foron tratadas as súas reclamacións. Ninguén.