Francisca de Pedraza, resistencia e rebelión no século XVII

Retrato de Francisca de Pedraza Dominio Público

Francisca de Pedraza debeu nacer a finais do século XVI e viviu, con certeza, no primeiro terzo do século XVII. Ela foi a primeira muller en denunciar a violencia de xénero dentro do Estado español. A primeira en lograr unha sentenza de ‘divorcio’ e a primeira en conseguir unha orde de afastamento do marido que a maltrataba. Isto sucedeu en 1624, en Alcalá de Henares. Aclarar que o divorcio que demandaba consistía en habitar nun domicilio diferente ao del, rompendo coa norma que obrigaba á muller a convivir co marido.

Un longo e arduo camiño o desta muller valente e rebelde ata a medula, exemplo de resistencia e tenacidade. Buscaba a xustiza e non parou ata conseguir ser libre. A súa loita inquebrantable durou dende febreiro de 1614, data na que intenta a súa primeira separación, ata 1624, cando consegue que a xustiza lle dea a razón.

Orfa aos catro anos de nai e pai, criouse nun dos moitos conventos de monxas que había en Alcalá de Henares, de onde saíu para casar con Jerónimo de Jaras (1612), un home dono dun negocio de bens inmobles. Pasar a estar baixo o xugo do marido foi o comezo do seu inferno: o sistemático maltrato, unha constante na vida de tantas e tantas mulleres dende a mesma orixe da división sexual do traballo. Pensemos que o maltrato no século XVII era totalmente aceptado pola igrexa, sociedade, familia e polas propias mulleres.

Despois de coñecer o terror da violencia, sabemos que en xaneiro de 1614 ela xa fuxira da casa do home, polo que el reclamou a súa volta ante a xustiza. Ela defendeuse demandando por primeira vez o ‘divorcio’ (febreiro de 1614). Mais Francisca é obrigada a volver co marido e quedoulle claro que a súa loita pasaba por denunciar nos tribunais eclesiásticos

Ata catro veces acudiu Francisca aos tribunais eclesiásticos. A primeira, o 28 de xullo de 1620, en contra das recomendacións do seu confesor.

Mais a xustiza denegou a súa petición unha e outra vez, condenándoa, pois, a convivir co seu verdugo. Unha das sentenzas ditaminaba que este debía tratala con amor e darlle unha vida honesta.

Unha vez, o home chegou a ser encarcerado por un tempo, mais ao quedar libre, foi condenada a convivir con el. Sobra dicir que estas licenzas desencadean máis e máis violencia nun agresor.

Pero Francisca non se rendeu. Forza e rebelión agromaran e latían no seu interior. Interpuxo unha quinta denuncia, pero esta vez acudiu ao nuncio do Papa, pedíndolle que a asistara a xustiza universitaria, pensando que esta significaba sabedoría e, xa que logo, xustiza. Logrou levar o seu caso á Audiencia Escolástica da Universidade de Alcalá de Henares. O reitor Álvaro de Ayala, graduado en dereito canónico pero tamén en dereito privado, estaba á fronte do tribunal. 

El escoitou a demandante. Oíu as múltiples testemuñas que declararon ao seu favor. Soubo da brutal malleira, a que lle fixo perder a criatura que levaba no ventre. Viu as pegadas da violencia gravadas no seu corpo... Estudou o caso e coa mirada dun ser que debía amar profundamente a racionalidade pacífica, a liberdade e a dignidade das persoas, revocou as sentenzas anteriores. E en contra do pensamento imperante da época, onde os dereitos das mulleres non existían nin se contemplaban, ditou a sentenza de separación, así como a primeira orde de afastamento coñecida da historia. Ocorría no ano 1624.

“Y prohibimos y mandamos al dicho Jerónimo de Jaras no inquiete ni moleste a la dicha Francisca de Pedraza ni por sus parientes ni por otra intérpósita persona”.

Pasou anos de loita infatigable en nome da vida e liberdade dela e das súas dúas criaturas. Anos de lesións moi graves. De situacións moi difíciles para dar de comer aos fillos. A terceira e futura criatura perdeuna cando a levaba no ventre, na brutal malleira recibida fóra da casa. Parece ser que este traumático e brutal feito lle deu forza para loitar contra esa dependencia e escravitude que non quería nin para ela nin para as súas criaturas.

Francisca foi territorio de resistencia e rebeldía, por iso debémola ter presente nesta semana do 25N para a erradicación das violencias de xénero. Francisca de Pedraza hoxe dá nome ao premio ‘Francisquita’, que loita contra a violencia de xénero. Tamén vive, relatándonos a súa historia, na obra teatral 399 años después, da compañía Almaviva, estreada no Paraninfo da universidade de Alcalá este 25N:

“Prisión, cruel cautiverio mío, ¿que delito he cometido para sufrir tal castigo?”

Por último, dicir que se Francisca vive entre nós, é grazas a Ignacio Ruiz Rodríguez que a descubriu no Arquivo Histórico Nacional cando traballaba para a súa tese doutoral de Dereito. Encontrou casualmente o proceso sobre o seu preito: “Matrimonial. Francisca de Pedraza, vecina de Alcalá, contra Jerónimo de Jaras”. El interesouse e ordenou cronoloxicamente toda a información que había sobre ela. Difundiu a historia da fortaleza interior desta muller en varias conferencias e tempo despois escribiu un libro (1) contándonos a súa historia. Fermosa homenaxe a esta predecesora nosa. 

E, de seguro, hoxe ela estaría berrando con forza por Judith M. G., de trinta e sete anos, asasinada no Porriño pola violencia machista. Porque a voz e a loita de Francisca de Pedraza axuda a establecer as bases da racionalidade pacífica para acabar coas violencias explícitas e implícitas e así construírmonos mulleres e homes diferentes, pero con igual liberdade para estarmos no mundo, sen bloqueos, nin agresións para ningunha das partes.

Trescentos noventa e nove anos despois desta sentenza, as mulleres de todas as etnias, clases e cores, seguimos asediadas pola espiral da violencia de xénero, nas súas múltiples manifestacións e en calquera tempo e espazo. Nosoutras, as súas irmás do século XXI, seguimos berrando vida e liberdade por tantas e tantas Judiths, loitando por borrar as liñas marcadas polo patriarcado e tentando romper espellos, cadeas e lugares dominados pola mirada do patriarca.

Todas as mulleres debiamos ser feministas. Tamén os homes o debían ser. Axudaría a non esquecermos que a ‘desrazón’ patriarcal conforma un mundo de escravas e escravos.

 

Notas

(1) RUIZ RODRÍGUEZ, Ignacio: Francisca de Pedraza. Mujer, Madre, Esposa... Maltratada (El divorcio de Francisca de Pedraza (1614-1624). Ed. Dickinson, Madrid, (1ª edición, 2016)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.