A posición do papa Francisco sobre a vida das mulleres –dentro e fóra da Igrexa– ilustra ben a diferenza entre predicar e dar trigo. Como as cousas non adoitan ser en branco e negro (fóra das películas dos irmáns Marx), cómpre dicir que a actuación deste papa supón un cambio en comparación cos seus predecesores. Porén unha análise, tanto dos seus discursos como das súas accións, indica que Francisco é anovador cando se trata de aconsellar a outros –gobernos, parlamento europeo, poderes económicos–, mentres as decisións que están na súa man respecto das mulleres non resultan moi diferentes das de papas anteriores.
Francisco é anovador cando se trata de aconsellar a outros –gobernos, parlamento europeo, poderes económicos–, mentres as decisións que están na súa man respecto das mulleres non resultan moi diferentes das de papas anteriores
Unha frase do seu discurso ante o parlamento europeo o 25 de novembro proeu especialmente ás feministas, a que fai referencia “aos nenos asasinados antes de naceren”. Vese que o papa Francisco considera, igual que o ex ministro Gallardón, os bispos españois e as asociacións que pretenden negar ás mulleres o dereito a decidir, que o aborto é un asasinato. Chamar asasinas ás mulleres que abortan (e aos médicos), precisamente o día contra a violencia machista mostra pouca sensibilidade. Equivale a dar por boa a versión de que o embrión é unha persoa desde o momento da concepción.
Chamar asasinas ás mulleres que abortan (e aos médicos), precisamente o día contra a violencia machista mostra pouca sensibilidade
Este discurso, centrado no concepto de dignidade, parece ignorar a loita das mulleres pola súa. Á Igrexa levoulle máis de tres séculos recoñecer os erros cometidos no caso de Galileo: Cantos lle levará recoñecer a súa responsabilidade nas ideas do patriarcado, na discriminación das mulleres?
Nisto distintas relixións coinciden: as mulleres, como di o bispo de Granada, deben ser submisas. A actuación exemplar de Francisco no caso de pederastia en Granada, debería acompañarse do cese dun bispo que defende ideas tan rancias. Grande parte da violencia machista ten raíces na frustración experimentada por varóns que esperan submisión no momento en que as mulleres pretenden exercer os seus dereitos.
A Igrexa católica é a única institución dos países europeos onde as mulleres non teñen, nin sequera no papel, os mesmos dereitos que os homes, non poden ser sacerdotisas nin bispas
É positivo que, na reforma da Curia, se propoña que a sección das mulleres estea presidida por unha muller. Mais en 2014 isto resulta timorato, insuficiente. A Igrexa católica é a única institución dos países europeos onde as mulleres non teñen, nin sequera no papel, os mesmos dereitos que os homes, non poden ser sacerdotisas nin bispas. Nisto a anglicana adiantouse, ordenando unha muller en 1944 e elixindo unha bispa en 1988.
Francisco resultaría máis crible se tomase decisións que muden profundamente a posición da Igrexa con respecto ás mulleres, deixando de considerarnos menores de idade
Mesmo no xudaísmo hai, desde 1935, algunhas mulleres rabinas, e tamén existen imáns mulleres. En contraste a Santa Sede actualizou en 2007 a prohibición emitida por Xelasio no século V, decretando a excomunión para todos os participantes na ordenación de mulleres.
En resumo, Francisco resultaría máis crible se tomase decisións que muden profundamente a posición da Igrexa con respecto ás mulleres, deixando de considerarnos menores de idade.