François Truffaut no show de Truman

Sorprendido, o camiñante atópase con que no cineclub van proxectar The Truman Show, unha das películas máis memorábeis das últimas décadas e tamén todo un éxito comercial. Dirixida polo australiano Peter Weir en 1998, envellece esplendidamente grazas, entre outras virtudes, ao enxeñoso guión, á dirección intelixente e ao labor dos actores, cun Jim Carrey a quen por fin se lle permite demostrar que sabe traballar, e moi ben, sen abusar do histrionismo. A cinta narra a historia de Truman Burbank, que nace e crece, rodeado dunha lexión de actores que finxen levar, xunto a el, unha vida tirada do soño americano, nun enorme estudio de televisión desde onde o show se retransmite en directo. O filme permite toda unha serie de fascinantes lecturas teolóxicas, filosóficas, ideolóxicas, psicanalíticas e mediáticas.

Contra o final da película, cando as sospeitas de Truman poñen en perigo o experimento (e o gran negocio) televisivo, aparece en escena un personaxe estraño, presentado en segundo plano como unha sorte de executivo da cadea de televisión e interpretado por John Pleshette, un actor cun extenso currículo pero non moi coñecido entre nós. O camiñante, concentrado e atento aos detalles do filme, pensa, nun primeiro momento, que non é Pleshette quen actúa, senón François Truffaut. De feito, o camiñante xa se fixou en que na fita hai un cameo protagonizado polo músico Philip Glass. Pero non pode ser: o cineasta francés faleceu en 1984, así que non puido aparecer en The Truman Show.

Ergo, pensa o camiñante, Weir caracterizou a Pleshette como Truffaut. A homenaxe tería sentido, porque tanto Truffaut (en Les Quatre cents coups ou en L’Enfant sauvage) como Weir (en Dead Poets Society) se interesan pola cuestión educativa. Ademais, os finais de Les Quatre cents coups e de The Truman Show transcorren no mar, que buscan tanto Antoine Doinel como Truman. Tampouco resulta demasiado difícil relacionar Fahrenheit 451, outra cinta distópica, precisamente de Truffaut, coa película de Weir. E ambos cineastas están claramente influídos pola filosofía de Michel Foucault, sobre todo pola problemática do control panóptico abordada en Surveiller et punir. Naissance de la prison.

Será que Weir quixo facer aparecer a Truffaut na súa película, non mediante un cameo xa imposíbel, senón no personaxe interpretado por un actor moi ben caracterizado? O camiñante intúe que non lle vai resultar doado atopar na literatura unha resposta a esta pregunta. De modo que, sen apoio documental á súa tese, vai ter que tomar unha decisión. E facéndoo descobre a marabilla da arte como acto de apropiación. En realidade, dá igual cal fose a intención de Weir: aí estará Truffaut, se esa é a vontade do espectador. Así que, na cálida noite de verán que xa envolve os seus pasos, o camiñante abandona o cineclub pensando que quizais sexa o único que descubriu a François Truffaut asistindo aos derradeiros momentos do espectáculo protagonizado por Truman Burbank. Esta incerta descuberta non é nada, non ten importancia ningunha, pero o camiñante sabe que encerra en si a maxia da arte, esa luz tenue que aflora nun sorriso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.