Frantz Fanon, Xosé Lois e nós

Xose Lois García © Cedida

Honestamente, non coñezo a ningún escritor, xornalista, artistucho e moito menos político –só coñezo unha excepción, e chámase Xosé Manuel Beiras– máis ou menos afín ao nacionalismo galego que manexe as referencias de Xose Lois García

Honestamente, non coñezo a ningún escritor, xornalista, artistucho e moito menos político –só coñezo unha excepción, e chámase Xosé Manuel Beiras– máis ou menos afín ao nacionalismo galego que manexe as referencias de Xose Lois García; desque comecei a lelo sorprendeume ante todo o seu afán divulgativo e a súa vontade por dar a coñecer a poetas, políticos, escritores e intelectuais que é difícil, por non dicir imposible, atopar como referencia na maior parte do faranduleo político televisado das esquerdas realmente existentes, non só no contexto Europeo senon tamén nas súas periferias xeográficas, culturais e económicas. 

Un pode ser fanonista teórico sen asumir compromiso práctico algún en consecuencia, mais non foi nin é o caso de Xose Lois García se consideramos que o acto de divulgar e visibilizar a referentes e referencias do pensamento anticolonial é -para min, éo, polo menos- un dos mellores xeitos de decolonizar as conciencias dunha esquerda que, aínda a día de hoxe, sigue usando referencias e referentes culturais que rara vez empatizan con experiencias e propostas que trascendan o marco eurocéntrico de partida. 

Xosé Lois foi, ante todo, un divulgador á vella uzanza. Un divulgador cun marcado perfil político, cultural e ideolóxico que, ademais de mostrar e pór en valor a vixencia do pensamento de Frantz Fanon, escribía dende a conciencia de que a teoría e a experiencia do psiquiatra, filósofo e escritor da Martinica podía proxectarse na nosa experiencia, na experiencia galega, sen que iso implique asociar miméticamente ámbolos dous contextos. Expresións como mentalidade colonial, que no seu tempo eran tabú ou delirio intelectual para os plumillas do política e o lingüísticamente correcto -hai discrecións que parecen insultarche á cara-, agora son de uso común por políticos -non darei nomes- e xornalistas -tampouco os darei- galegos que outrora mesmo chegaban a rirse de tal termo. 

Despois de máis de catro décadas de dictadura e máis de catro de democracia televisada e de baixa intensidade, a natureza interna -psicolóxica- da dominación no modelo occidental de democracia está máis candente ca nunca. A día de hoxe, 6 de Septembro de 2025, unha das correas de transmisión dese modelo nesta beira do Atlántico -o goberno ultraordoxo no relixioso e ultraconservador no político de Netanyahu, protexido e financiado polo conglomerado industrial norteamericano- segue a mostrarnos as múltiples caras nas que pode manifestarse unha relación de dominación: a cara mediática, apropiándose de case tódolos medios de reproducción da imaxe e da palabra, e a cara política, ameazando ou mercando as vontades das altas instancias de deliberación e execución da mal chamada comunidade internacional. O anticolonialismo que nos propón Xosé Lois García estimúlanos a facer, como facía o filósofo e médico da Martinica, un perigoso exercicio de imaxinación empática cos mesmos suxeitos e institucións que, ao longo dos séculos, siguen interpretando a realidade galega dun xeito holístico, total e integrado, sí, mais atribuíndolle implícitamente a naturalidade dun suposto rol pasivo no escenario político, cultural e histórico desta Europa-fronteira que, un día tras outro, non deixa de exercer ese rol pasivo co que os galegos de toda condición somos habitualmente interpretados.

Entender en qué consiste e cómo se reproduce unha relación colonial de poder é tarefa que a ciencia social pode asumir, mais interpretar con sutileza e precisión extrema cómo se comporta un suxeito colonial cando é presionado por todo o seu entorno para que adapte o seu xeito de pensar, sentir e actuar aos intereses de persoas e institucións coas que nunca en vida tivo relación nin contacto, foi tarefa desas múltiples referencias que Xosé Lois García legounos aos galegos nos seus centos de ensaios culturais: referencias como Frantz Fanon, como Aime Cesaire ou como W.E.B Dubois son un exemplo no eido das ciencias sociais e a filosofía, mais no ámbito da creación poética e literaria o escritor de podente é, sen dúbida –e esta é a miña opinión persoal-, o máis completo e interdisciplinar divulgador galego diso que non sei se aínda agora insisten en chamar lusofonía con enfoque e intención política integrada. Completo, porque a súa análise integra máis variables que a mera conexión fonético-lingüística con Galicia: a conexión que Xosé Lois establece entre Galicia e a comunidades de países de lingua portuguesa é, ademais de lingüística, cultural, histórica e política. E non só iso, a súa interpretación non considera todos estes ámbitos coma compartimentos estancos, senon coma ámbitos conectados, cousa moi pouco común nese tipo de intelectual-especialista que sabe moito da caída das follas en Outono mais nada do ar que empurra as pólas das árbores. 

Xosé Lois García practicou e viviu in situ cultura decolonial moito antes de que o termo decolonialismo fose moeda de cambio nas academias e falou da necesidade de integrar á literatura economicista do marxismo demodé no seu tempo elementos de antropoloxía anticolonial -perspectiva femenina incluída- que algúns -non direi nomes- ínclitos nacionalistas do seu tempo non pudieron ou non quixeron incluir porque tiñan demasiadas prisas por pasar á acción e moi poucas gañas de pensar máis antes de facelo. 

Por isto, supoño, e por outros motivos máis que non teño tempo nin espazo para detallar neste texto, a vida e obra de Xosé Lois García será sempre referencia e referente para os galegos dalí e dacolá que queiran resolver as perplexidades -e complexidades- da condición colonial galega. Que queiran entenderse a sí mesmos asumindo as súas propias contradiccións com humor, imaxinación e alegre irreverencia. Non son capaz, en tan pouco tempo e espazo, abordar ao meu benquerido autor de “Polas diversas xeografías da Lusofonía”: esa basta recopilación de conferencias e artigos que recomendo encarecidamente ler, non, nin moito menos, para que o lector use as referencias do escritor de podente para mimetizar o mesmo discurso que os referenciados produciron nos seus respectivos contextos, senon para procurar inspiración ética, estética e política, para interpretar as novas formas de dominación neocolonial que siguen reproducíndose no noso país, para abrir un fecundo debate dialéctico así no campo cultural e académico coma na sociedade civil, sobre as nosas afinidades e diferencias con outros contextos coloniais e experiencias de resistencia civil a un modelo de democracia e de desenvolvimento económico en franca decadencia que evidencia a profunda dor que causa nas múltiples manifestacións sociais de violencia que reproduce: a violencia ecosistémica, na súa falsa consideración da terra coma fonte inesgotable de recursos (cousificación instrumental da natureza), a violencia inmisericorde e cotiá contra o corpo e a conciencia das mulleres, xa caseque narrada en tempo real polos nosos informativos coma unha agonia incesante (cousificación e hipersexualización das mulleres), a violencia sexual homófoba e transfoba contra as opcións de vida e expresións de erotismo e sexualidade non heteronormativas (cousificación do diferente), a violencia racial, dende a reproducción histórica dunha economia escravista que xermolou no contexto subsahariano e transatlántico e que, a día de hoxe, aínda constitúen unha pantasma non superada na realidade xeopolítica africana e na diáspora histórica do preto, fantasticamente narrada e interpretada -convertida mesmo en alegoría política- por referencias históricas tan influíntes coma Marcus Garvey, pai inspirador do pensamento e praxe de Malcolm X, quen tamén soupo identificar a trascendencia e a universalidade da causa Palestina (cousificación do preto), e, ao meu parecer, a partícula elemental da que brotan tódalas violencias sectoriais que mencionei anteriormente: a violencia económica, a través da constante depreciación e precarización do traballo humano e da normalización, nun pornográfico limbo de inmoralidade xustificada con discursos pretendidamente científicos nos altos fornos da teoría económica contemporánea, de modelos de desenvolvemento impostos pola forza coa connivencia dunha clase política totalmente baleirada de sustancia e inquedanza intelectual e volición ética no seu comportamento (Cousificación e control, en definitiva, de tódalas tarefas prácticas, intelectivas e creativas do ser humano). 

Xosé Lois foi unha excepción moi excepcional neste país. Mais, se cadra, é xa tempo de esixir que as nosas esxcepcións cheguen a ser hábito asumido. Mil primaveras para ti e tantos máis anos, meu caro Xosé

Xosé Lois García encarna esa rara avis de escritor todoterreno que crea, co paso do tempo, unha mirada globalizadora, interdisciplinar e excéntrica -no sentido de ollar máis alá da Galiza política e administrativa- sobre o noso país que, co paso do tempo, tirá un inmenso valor para quenes desexen reivindicar a súa condición de galegos mollándose do testimonio e da experiencia do outro e transitando esa fráxil liña entre as formas cultas da divulgación erudita ou académica e as formas populares de expresión narrativa e poética do suxeito subalterno.

É urxente, nestes pornográficos tempos de baleiro e violento exhibicionismo identitario, recuperar esa mirada mestiza e irreverente que caracteriza aos artigos, conferencias, poesias, narrativa e teatro deste entrañable, prolífico e chocarreiro cascarrabias. 

Xosé Lois foi unha excepción moi excepcional neste país. Mais, se cadra, é xa tempo de esixir que as nosas esxcepcións cheguen a ser hábito asumido. Mil primaveras para ti e tantos máis anos, meu caro Xosé. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.