En marzo de 2001 o pleno municipal barcelonés, a proposta de Comisións Obreiras, secundada por moitas asociacións cívicas e partidos políticos, aprobou denominar o Estadi Olímpic como Lluís Companys. Iso si, co rexeitamento do Partido Popular
Había moitos anos que non subía a Montjuïc. Posiblemente desde 1989 cando asistín á reinauguración do Estadi Olímpic con motivo da Copa do Mundo de Atletismo, cunha moi sonora apupada cando fixo acto de presenza o monarca honesto Xoán Carlos I.
O Estadi Olímpic de Montjuïc, en Barcelona, fora inaugurado en 1929 para a Exposición Internacional dese ano e remodelado nos anos oitenta con vista ás Olimpíadas de 1992. Obra de Pere Domenech i Roura (1881-1962), fillo do arquitecto modernista Lluís Domènech i Montaner, nun estilo clasicista, mais tamén autor de obras modernistas como a Adega cooperativa de Espluga de Francolí, hoxe Museo do viño.
Cando o Espanyol de Barcelona puxo á venda os terreos do seu estadio de Sarriá en 1997, tivo que xogar os seus partidos no Estadi Olímpic até a tempada 2008-2009 incluída. Na seguinte, 2009-2010 inaugurouse o novo campo de Cornellá-El Prat.
A cuestión é que en marzo de 2001 o pleno municipal barcelonés, a proposta de Comisións Obreiras, secundada por moitas asociacións cívicas e partidos políticos, aprobou denominar o Estadi Olímpic como Lluís Companys. Iso si, co rexeitamento do Partido Popular.
Entregado aos fascistas españois, torturado en Madrid e farsa de consello de guerra sumarísimo, foi fusilado no castelo de Montjuïc o 15 de outubro de 1940
Recordemos uns datos básicos. Lluís Companys (1882-1940) foi un avogado, periodista e político nacionalista catalán, de Esquerra republicana. Ministro de Marina en 1933 no goberno de Azaña e presidente da Generalitat (1934-1940). Despois da guerra, no exilio, foi capturado pola policía política do nazismo, a Gestapo, despois da ocupación alemá, coa colaboración fundamental da policía franquista (Pedro Urraca). Entregado aos fascistas españois, torturado en Madrid e farsa de consello de guerra sumarísimo, foi fusilado no castelo de Montjuïc o 15 de outubro de 1940. O ministro do Exército era o xeneral José Enrique Varela, quen incluso quedou con material do propio Companys (foto na prisión, carta da súa dona Carme Ballester) ou informe policial sobre o consello de guerra e fusilamento. Son de moita utilidade neste sentido os libros de Josep Benet, Lluís Companys, presidente de Catalunya fusilado (Península, 2005) e Casilda Güell Lluís Comapanys inèdit. El símbol més enllà de l`home (Esfera dels llibres, 2006).
En Catalunya hai Monumento a Lluís Companys en Collado de Manrella, fronteira con Francia, obra de Santiago Boix Falqué en 1981; así como tamén en Barcelona no Paseo de Sant Joan con Ronda de San Pere onde aparece coa poeta Conxita Juliá que sostén nas mans un pano e unha rosa e a efixie de Companys nun medallón, obra (1998) de Francisco López.
O nome legal e oficial de Lluís Companys é sistematicamente ocultado. É sabido que os medios de dereita e extrema dereita que dominan o panorama mediático fan iso continuamente e manipulan e menten descaradamente. Os deportivos á cabeza. Mais tamén, neste caso, aos chamados progresistas semella que lle produce urticaria o nome de Lluís Companys
Despois da aprobación do Concello de Barcelona da denominación do Estadi Olímpic Lluís Companys, aprobáronse dúas leis da memoria histórica. A de 2007 co presidente Zapatero que sería derrogada cando se aprobou en 2022 a lei de Memoria Democrática con Pedro Sánchez de presidente. Pois ben, en todo ese período fixen un seguimento eses anos, non exhaustivo mais si significativo, sobre como recollían os medios de comunicación o nome de Lluís Companys, tanto na etapa do Espanyol, até 2009, como esta última do F.C. Barcelona. A gran maioría ignoraron e ignoran, o nome de Lluís Companys, nun desprezo absoluto a profesión periodística. Todos eses medios non tiveron, nin teñen ningún reparo en nomear nomes tan “democráticos” como Ramón de Carranza, Teresa Rivero ou Santiago Bernabéu. O nome legal e oficial de Lluís Companys é sistematicamente ocultado. É sabido que os medios de dereita e extrema dereita que dominan o panorama mediático fan iso continuamente e manipulan e menten descaradamente. Os deportivos á cabeza. Mais tamén, neste caso, aos chamados progresistas semella que lle produce urticaria o nome de Lluís Companys. É moi rechamante por exemplo o caso de El Pais e Cadea Ser.
Tratase de non censurar, ocultar, boicotear o obxectivo da memoria democrática de reparar, facer xustiza e divulgar a dignidade dos represaliados
Non sei se é Jordi Amat quen decide como debe chamarse o campo onde xoga actualmente o Barcelona ou é Ramón Besa, de motu proprio, quen continuamente, de forma constante ignora a Lluís Companys nas súas crónicas. Ou será o libro de estilo de El País. Non o sei. Si que teño claro que non é casualidade nin son erros puntuais. É algo sistemático. Hai artigos a cinco columnas onde en catro ou cinco aparece o nome de Montjuïc, nunca Lluís Companys, nin sequera na ficha técnica.
Os que temos algo que ver co mundo do fútbol en moitas ocasións preguntámonos se pode haber prensa deportiva que non sexa puro amarelismo
Non se trata, como pode aparentar o título deste artigo, dun enfrontamento entre un topónimo e un antropónimo. Tratase de non censurar, ocultar, boicotear o obxectivo da memoria democrática de reparar, facer xustiza e divulgar a dignidade dos represaliados. Trátase de non ser cómplices con ese silencio atronador. Cando se outorgou a Alemaña organizar as Olimpíadas de 1936 o goberno democrático da II República española decidiu non asistir e programar en Barcelona unha Olimpíada popular alternativa. Ía celebrarse en Montjuïc. Mais niso chegou a guerra e o fascismo.
Os que temos algo que ver co mundo do fútbol en moitas ocasións preguntámonos se pode haber prensa deportiva que non sexa puro amarelismo. Todo isto pensaba cando subía a Montjuic, moitos anos despois, e ver a dificultade de explicarlle aos fillos, que están na educación secundaria, a importancia do Memorial Democrático sobre Lluís Companys e outros represalidos alí presente.