Galego coma ti 2.0: A patria paripé de Feijóo

O pasado 24 de xullo, na entrega das Medallas de Galicia, o candidato Feijóo definía co seu discurso unha versión do “galego coma ti” do que tanto partido tirou Fraga. Distánciase do seu pasado birreteiro, como con aquelas sentidas bágoas do pasado abril, ao aceptar a candidatura á Xunta, mentres aseguraba que - como Os da Ría- se lle dan a escoller un país escolle Galicia, ou na última foto oficial no Parlamento, acompañado de Santalices e unha perturbadora holografía de Fraga. O candidato Feijóo fálanos agora da necesidade para Galicia dun galeguismo cosmopolita, un patriotismo galego (sic) non dogmático, solidario e non autárquico, que permita ao pobo galego superar las limitacións do noso pequeno tamaño, no mundo globalizado, tecendo redes de cooperación.

Quen lle redactou ao candidato este discurso, está ao tanto das teorías sociolóxicas sobre a globalización, que identifican a emerxencia de identidades comunitarias pequenas, tamén de carácter nacional, nun momento de devalo do poder dos Estados como contedores das demandas sociais, e de falta de alternativa a eles na sociedade mundial. As identidades nacionais convértense así nun espazo comunitario protector para moita xente, cando son quen de construír un proxecto de futuro que proporciona seguridade, como sucede na importante adhesión popular aos procesos soberanistas de Escocia ou Cataluña. Pensan talvez en Monte Pío que este é un relato útil no marco da campaña das galegas, adiantándose a intentos de restarlle ao PP voto galeguista, e achegándose a pescar no “río revolto” do nacionalismo, de non xurdir unha iniciativa que atraia voto galeguista moderado.

Fóra do marketing, en que proxecto de futuro para Galicia traballa este patriota cosmopolita, este redivivo Don Manuel?

Porque fóra diso, do marketing, en que proxecto de futuro para Galicia traballa este patriota cosmopolita, este redivivo Don Manuel? O candidato leva sete anos gobernando con maioría absoluta, os cinco últimos cun goberno amigo en Madrid, unha contorna institucional idónea para levar adiante cambios de fondura. Sete anos, por outra banda, de grave crise económica e social, de moitas dificultades para a cidadanía, cando o pobo máis precisa dunha acción pública que rescate ás persoas da exclusión e colabore a xerar unha actividade económica con retorno: a oportunidade para validar a utilidade social dun proxecto de futuro. Unha das características desas identidades proxectivas que trunfan na globalización é a comprensión do valor dos recursos naturais e capacidades para poñelos a producir de xeito sustentable e rendible no mercado global.

Que foi deses recursos e capacidades nestes anos? Que podemos agardar para o futuro? Se falamos da santísima trindade galega: árbore, peixe e vaca –lembraba Luzes- esquilmados e desprezados, tratados como rémoras ou saldos para multinacionais, cedidos gratis como moeda de cambio para acordos alleos. Se da industria na que despuntabamos: enerxía, barcos, conserva... seica Pemex non ten efectivo para os pagos restantes dos dous floteis construídos daquel acordo que ía resucitar o naval galego, e que quere vender a súa participación maioritaria en Barreras, hai uns meses soubemos, sen que se producira terremoto político ningún, que a paralización política do decreto eólico do bipartito foi ilegal, si, esa que impediu a extensión responsable dos parques, que fixo perder as primas a moitas empresas a cambio de nada, que obrigará á administración a pagar indemnizacións, e que contribuíu ao esfarelamento da industria auxiliar galega. Se dos servizos que precisamos, non perdeu o candidato a oportunidade de que se fixera negocio coa necesidade da xente, deixou ir as Caixas, primou ao ensino concertado, privatizou canto puido da sanidade: millóns en contratas mais non había cartos para a primaria, os medicamentos, a saúde mental...

Algunhas imaxes acompañaron estes anos de incompetencia e non as deberiamos esquecer para evitar que se repitan. Fíxose viral aquela compartindo barco co seu amigo narcotraficante, que sementou dúbidas sobre a súa honorabilidade. Hai outras fotos indecentes, como a da mangueira e os “castellanos” en plena vaga de incendios

Algunhas imaxes acompañaron estes anos de incompetencia e non as deberiamos esquecer para evitar que se repitan. Fíxose viral aquela compartindo barco co seu amigo narcotraficante, que sementou dúbidas sobre a súa honorabilidade. Hai outras fotos indecentes, como a da mangueira e os “castellanos” en plena vaga de incendios mentres bloqueaban nos concellos onde gobernaban os acordos para poñer a traballar as cuadrillas e botarlle a culpa á Xunta, a do abrazo con Galán, presidente de Iberdrola xusto antes de liquidar o decreto eólico, ou a do desaloxo da tribuna do Parlamento da plataforma da hepatite C mentres lle pedían que non as deixara morrer por cartos.

Fronte á patria paripé deste candidato Feijóo que só busca tapar as vergoñas como faría un contable da mafia coa contabilidade B, e que está disposto a calquera disfrace se vale un voto, na minguante sociedade galega que envellece preparando á mocidade para a emigración, está tamén a materia prima para forxar esa identidade proxectiva que cambie o futuro que outros deseñan para nós. Cada día é unha oportunidade, cada iniciativa empresarial de noso, cada premio á innovación, cada moza que decide non marchar, cada proceso electoral. Este que se aveciña tamén.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.