Galego-portugués, galego medieval ou portugués medieval

CC-BY-SA Praza Pública

Hoxe parece indiscutíbel que a lingua medieval xurdida por evolución do latín na parte occidental da antiga provincia romana de Gallaecia –dado que na oriental xurdiu o que hoxe denominamos “asturleonés”– reciba o nome de “galego-portugués”, porque dela xurdiron á súa vez as modernas linguas galega e portuguesa –ou variantes dunha única lingua galego-portuguesa pra algúns lingüístas–. Aínda que o Lusismo galego debería negar, por coherencia, esta denominación que se contradí coa inexistencia dunha lingua galega que non recoñece: Academia Galega da Língua Portuguesa.

A lingua formouse a partir do s. VIII, coma o resto das linguas romances, pro o primeiro texto conservado data de finais do s. XII, moi posterior ao seu desenvolvemento oral, coma na maioría das linguas romances –como curiosidade o primeiro texto en romanés é do s. XVI–.

O reino de Portugal fórmase en 1128 como consecuencia da separación da parte meridional do Reino de Galiza, polo que os portugueses ata esa altura foran galegos e falaban galego e a partir de entón serían portugueses e falarían portugués, mais a lingua de ámbolos dous reinos durante case tres séculos despois seguiría a ser esencialmente a mesma. Pra algúns lingüístas a diferenciación entre ámbalas falas comezaría no s. XIV pra avanzar gradualmente ata a situación actual, outros retroceden o fenómeno e xa existirían pequenas diferenzas dende o mesmo nacemento deste romance, e pra outros as principais diferenzas son unicamente produto da interferencia do castelán no galego e se se suprimisen estas non restaría máis ca dúas variantes dunha mesma lingua. Secasí, isto non é o propósito do presente texto.

O obxectivo é a denominación da lingua iberorrómanica occidental formada a partir do s. VIII que posteriormente sería coñecida cos nomes de galego e portugués e que hoxe denominamos como galego-portugués, termo inventado pola lingüística portuguesa no s. XIX pra poder incluír o xentilicio patrio na denominación da lingua romance orixinaria do seu idioma nacional. Denominación insustentábel dende un punto de vista histórico, porque denantes da independencia portuguesa non había portugueses senón galegos do “Condado portucalense” pro si lingua romance.

Durante a Idade Media as linguas podían recibir varios nomes, por veces segundo os reinos onde se falaban, e así pasaba co valenciano: romanç, català, valencià ou llemosí –hoxe denominado “valenciano” na Comunidade Valenciana e “catalán” en Cataluña, Illas Baleares e Andorra–, co éuscaro: lingua navarrorum, biscaíño, vasco/basque ou vascuence, ou co galego e mailo portugués (este nome a partir do s. XII en diante), foi esta duplicidade denominativa prá mesma lingua a que xustifica a denominación composta de “galego-portugués” actual, mais o que é asumíbel prós séculos XII, XIII e XIV non o é prós séculos anteriores, onde o galego-portugués soamente pode ser denominado como ”galego medieval”, o contrario é tan anacrónico como denominar “hispanoamericano” –hai algunha proposta ao respecto– ao castelán de España ou mesmo ao castelán americano dos séculos XVI e XVII, ou español medieval ao castelán medieval –aínda que exemplos hai–.

A Lingüística, moderna e científica xaora, nace no s. XIX co estudo comparativo das linguas romances e xermánicas; nun inicio cunha visión moi estatal das linguas que irá evoluíndo ata unha clasificación actual das linguas independentemente do seu status oficial ou prestixioso. Xa que logo, ninguén pode pretender que as denominacións dadas ás linguas en épocas pretéritas teña algo que ver co máis mínimo rigor científico. E o nome que recibía o galego era “romanço” (s. XIII e XIV) ou “romance” (s. XIV e XV), que con distintas variantes era o que tamén recibía calquera fala neolatina na altura: romanz, romance, romans etc., e que mesmo chegou ata hoxe como denominación da lingua romanche (rumantsch); amais do xentilicio do país: lyngoage galega, lingoajen galego.

Como sabemos o presente e mailo futuro dos idiomas inglés, castelán ou portugués está esencialmente en América –aínda que moitos europeos non o queiran asumir–, continente onde teñen o groso dos seus falantes e o seu mellor augurio de crecemento, por isto quizais nun porvir non moi lonxincuo os falantes de “american”, “hispano(americano)” e “brasileiro” falen das orixes das súas linguas como: “english american”, “hispano español” e “hispano castellano” –pró medieval– e “brasileiro português” nun exercicio de impostura coma o que se dá co “galego-portugués” dos primeiros séculos. A idea dunha “língua brasileira” diferente do portugués, con diferenzas fonéticas, léxicas e mesmo morfosintácticas, toma forma e pulo a partir da independencia do Brasil no inicio do s. XIX e dende entón non deixou de ser formulada como unha realidade clasificada de diferentes maneiras segundo os lingüístas do país; así mesmo, aínda que non dun xeito tan marcado, nos EUA xorde a convicción dun inglés particular que xa non pode ser considerado simplemente inglés: o “american english”, cuxas maiores diferenzas respecto ao inglés de Inglaterra son de índole fonético e léxico; e nos países hispanoamericanos, especialmente na Arxentina e no Uruguai, onde as diferenzas maiormente fonéticas e léxicas, pro tamén morfolóxicas, permiten falar dun “castellano rioplatense” non subordinado ao castelán español que chegou a modificar a conxugación verbal tradicional da RAE, ao incluír o pronome “vos” e as súas formas verbais correlativas en paridade con “”.

Nas denominacións do “iberorromance occidental” ou “galego-portugués”, cando falemos seguindo un criterio cronolóxico, deberiamos usar os termos de: galego medieval > galego-portugués (medieval) > portugués e galego > portugués europeo, portugués brasileiro e galego > e seica nun futuro: brasileiro, portugués, galego e quizais angolano, mozambicano etc.; porque as linguas mentres están vivas evolúen mudando a súa fonética, morfosintaxe e léxico segundo os lugares onde se falan, así pasou sempre e seguirá a pasar. A pretendida “unidade dos idiomas” é máis un desexo ca unha realidade, unha utopía universalista desmentida pola historia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.