Galicia no contexto da modernidade

A Modernidade é un proceso que nace en Europa e se consolida a partir do século XVIII ao rexeitar, definitivamente, as élites intelectuais, polo menos de forma teórica, toda reminiscencia do pasado. Pero os seus prolegómenos hai que encadralos no século XVI e XVII, nos que se concreta o paso do teocentrismo ao antropocentrismo e o nacemento das ciencias naturais. En todo caso podemos dicir que a Modernidade non se consolida definitivamente ata que a maioría da poboación occidental non interioriza as reivindicacións fundamentais das élites modernizadoras e, daquela, se institucionalizan as devanditas reivindicacións en estruturas sociais, culturais e políticas.

Galicia, fundamentalmente por causas de orixe políticas, viviu á marxe desta transformación o que consolidou o seu atraso secular en opinión de moitos analistas

Dito isto, podemos dicir que Galicia, fundamentalmente por causas de orixe políticas, viviu á marxe desta transformación o que consolidou o seu atraso secular en opinión de moitos analistas. Xa que logo, este feito substancial semella que o habería que enmarcar no desigual nivel de desenvolvemento que se deu  no proceso modernizador de Galicia a respecto de Europa. Así, se a Modernidade que se produxo en Europa se concretou, non só na asunción das ideas da Ilustración, senón tamén, nun cambio de paradigma que transformou a sociedade de preindustrial, rural e tradicional en urbana e industrial, parece concluíte que Galicia viviu ausente deste proceso, polo menos, ata ben entrado o século XX.

De tal maneira, según afirma o profesor Villares, o mundo rural galego foi hexemónico neste periodo histórico e como consecuencia, exerceu un gran poder de influenza sobre o noso feble mundo urbano. Este feito singular no contexto occidental, tivo causas endóxenas e exóxenas que trataremos no seu momento por ser condicionantes do noso processo modernizador. En gran parte do espazo europeo, pola contra, e continúo co profesor Villares, os núcleos urbanos acadaron moi pronto un progresivo liderado sobre os seus espazos de influenza, na dirección dunha decidida apertura modernizadora. Esta desigual evolución semella ter unha primeira explicación na prematura derrota das clases emerxentes galegas, nomeadamente na revolta irmandiña a finais do século XV. Pero tamén, no control do poder político e eclesiástico por parte da monarquía castelá; o que se veu a coñecer co nome de “doma e castración do Reino de Galicia”. Cómpre non desbotar aquí como outra das causas, a preponderancia, na alma galega, do eido sensitivo por enriba do racional, como se pon de manifesto nas nosa creacións culturais máis sobranceiras. Pero foi o proceso de desfeita social e político o que realmente debilitou a nosa enerxía creadora deica a construción dunha Modernidade propia. Dependencia política e ausencia de dinamismo e liderado social fosilizaron daquela a nosa sociedade en férreas e caducas estruturas que a condicionan a vivir de costas ao futuro e demasiado preocupada de non perder o pasado. Esta actitude foi o normal proceder das nosas xentes ao longo da Modernidade.

Dependencia política e ausencia de dinamismo e liderado social fosilizaron daquela a nosa sociedade en férreas e caducas estruturas que a condicionan a vivir de costas ao futuro e demasiado preocupada de non perder o pasado

Nesta situación, mentres unha parte de Europa encamiñaba o novo futuro baixo marcos de referenza construídos conforme ao pensamento racional e que lle estaban a procurar luz e seguridade, a tendencia da sociedade galega era vivir o presente en base a un pasado ateigado de mitos, usos e costumes que ancoraban a Galicia nun atraso secular. En definitiva, as nosas xentes vivían mergulladas nun mundo anegado de significado histórico pero cerrado de cara ao porvir.

Mentres na maioria das sociedades europeas  se extendía con máis forza o descrédito do pasado, na sociedade galega seguía a ser a substancia que lle daba sentido ao presente

Este comportamento contrasta, xa que logo, coa maioría das sociedades occidentais, que a partir do Renacemento inician un novo proceso histórico centrado na liberación da razón a respecto da tradición e do progresivo desenvolvemento das ciencias naturais. Neste novo contexto o ser humano vai acadando conciencia cada vez máis nidia da súa individualidade, a desenvolver unha maior autonomía que lle permitirá ir afastándose da substancia cultural que lle deu sentido ao medioevo e que mantiña as sociedades cerradas e homoxéneas. A partir de agora, os individuos e os pobos principian a enxergar a posibilidade de sentirse donos de seu. Coidamos que este feito vai ter unha importancia transcendental para o devir da Modernidade. Daquela, irá emerxendo un novo e singular periodo caracterizado polo dominio das ideas sobre a realidade, para desta forma, transformar esta en base aos novos conceptos forxados pola razón. O futuro, agora artellado dende o mesmo cerne do pensamento racional, converterase, non só na luz do presente, senón tamén do propio pasado. Así, pasado e presente rematarán instrumentalizados en función do futuro. As ideas que agromaban do pensamento racional semellaban capaces de facerse mundo, de materializarse; transformándose desta forma o tempo nunha liña de progrso continuado deica a perfección. En base a esta nova mentalidade, as sociedades europeas irían tomando conciencia de que o mañan non tiña porque ser o froito de continxencias casuais senón dunha deliberada decisión humana. Estoura, daquela, un longo proceso revolucionario en Europa que trocará a realidade occidental de forma substancial.

En consecuencia, mentres na maioria das sociedades europeas  se extendía con máis forza o descrédito do pasado, na sociedade galega seguía a ser a substancia que lle daba sentido ao presente, porque a devandita sociedade perdera o horizonte transformador ao quedar descabezada e sen mecanismos propios que posibilitaran o cambio. En consecuencia, seguía ancorada nas súas formas pretéritas, inmovil no seu desenvolvemento endóxeno, acomplexada da súa singularidade e inconsciente das súas posibilidades. Frustrada, en definitiva, no seu destino histórico, veríase empurrada a aceptar a dependencia política e social como unha necesidade de supervivencia. Todo isto, ao noso entender, reflite a orfandade e inseguridade extrema que aniñaba na alma da maioría dos nosos antergos e, xa que logo, a total falta de confianza en si mesmos para afrontar con resolución unha realidade de opresión que tanto deturpou a nosa identidade e frustrou o noso desenvolvemento.

Só xa moi entrado o século XX iniciarase un cambio continuado que non deixa de ser en gran parte  un reflexo do cambio que se estaba a operar no resto do Estado español e que no fondo disfrazaría o auténtico atraso do país a respecto do resto de Europa

Polo que xa dixemos, no século XV consolídanse os alicerces do atraso que padeceu Galicia ao longo  da Modernidade , e só, xa moi entrado o século XX, iniciarase un cambio continuado que non deixa de ser en gran parte  un reflexo do cambio que se estaba a operar no resto do Estado español e que no fondo disfrazaría o auténtico atraso do país a respecto do resto de Europa. Daquela, a maior parte da nosa sociedade, cun liderado moi feble, truncada na súa dinámica histórica e secularmente oprimida, xa non foi quen de asumir os influxos modernizadores, de facelos seus, de artellalos na nosa idiosincrasia, para, así, construír un desenvolvemento axeitado ás nosas características, agás o polo industrial de Vigo , que de forma serodia, foi capaz de desenvolver de maneira endóxena, en base aos seus recursos marítimo–pesqueiros, un proceso de desenvolvemento socio-económico que tería sido un bo exemplo a seguir en todo o territorio galego; en base a outros recursos, claro está, sempre abondosos en todo o noso territorio. Pero faltóunos sociedade civil e poder político que pulara por el. En definitiva, un proxecto de país froito dunha comunidade vertebrada e consciente das súas posibilidades.

Por outra banda, cómpre salientar o intento modernizador que un bo número de persoeiros senlleiros, moitos deles relacionados co galeguismo, puxeron en marcha durante a II República, pero outra volta a opresión política, substanciada na cruzada franquista, frustraría un novo mencer para Galicia. De maneira que, asasinados ou exiliados os novos guieiros, a nosa sociedade voltou a ficar sen un liderado de seu capaz de peneirar os atrancos históricos que tanto condicionaron o noso desenvolvemento. E outra volta, a empezar, como o reflite nestes versos o chairego Díaz Castro:

                                 Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
                                 i a tea dos tes sonos non se move.
                                 A espranza nos teus ollos se espreguiza.
                                 Aran os bois e chove.

En conclusión, todo este singular e frustrante proceso histórico que padeceu Galicia ao longo da Modernidade non foi en balde, xa que abriu feridas moi fondas na alma do noso pobo polo seu encoramento no tempo histórico, ao tempo que posibilitou o desenvolvemento dunha sociedade civil extremadamente precaria, dependente e subsidiada e unha economía privada moi feble. Estas eivas propiciaron, coa chegada da autonomía, a implantación dun autogoberno que basou a súa acción política máis en normas que alimentaban a estrutura clientelar e caciquil herdada que en principios de universalización que repostaran ao normal desenvolvemento da nosa singularidade e ao ben común de todos os galegos. Este proceder seguiu afondando no noso atraso socio-económico e na nosa dependencia política e deturpación cultural,  condicionando posiblemente e de maneira definitiva, o noso futuro como país. Pero en todo caso, isto último depende bastante de nós.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.