Galicia sen deputacións

En calquera proposición de reforma da estrutura do Estado español cun perfil de mellora democrática e racionalización económica debería figurar a eliminación das deputacións provinciais. No caso galego, son estruturas que pexan o desenvolvemento e consolidan un sistema social baseado na parálise, no aguinaldo e na compra de votos.

 

O provincianismo

. Calquera xustificación (nesgada) quedou desautorizada coa aparición do actual Estado autonómico. A duplicidade administrativa é un capricho centralista

A provincia en Galicia quedou obsoleta antes de chegar sequera a arraigar. As catro actuais foron creadas desde Madrid na década do 1830 e desde aquela só serviron para afianzar poderes fácticos nas súas capitais grazas á dotación de fondos públicos repartidos polo Estado. Calquera xustificación (nesgada) quedou desautorizada coa aparición do actual Estado autonómico. A duplicidade administrativa é un capricho centralista. Como pode ser que nestas alturas haxa unha institución que se autodenomina a si mesma Excelentísima?

Ultimamente, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, avogou por “democratizar” o ente mediante a escolla directa en urna das corporacións provinciais. Iso sería tan ridículo como devolverlles o señorío das cidades catedralicias aos bispos a cambio de que se presenten a unhas eleccións cada catro anos. As deputacións deben desaparecer porque non encaixan nun modelo moderno de goberno, porque non son eficaces para resolver os problemas do país.

 

O medio rural

Unha das xustificacións que utilizan os defensores das deputacións para defendelas é que grazas ao seu labor, os galegos do rural non viven tan desprotexidos. Ese concepto en si mesmo xa prima a desigualdade, coloca a cidadanía en dous chanzos: os que se valen por si mesmos e os que quedaron descolgados, teimudos en viviren no medio da nada, chuchando da teta provincial.

O rural galego está como está, entre outras causas, polo traballo das deputacións

Non. O rural galego está como está, entre outras causas, polo traballo das deputacións. Estes entes, con moito diñeiro para repartir sen teren que definir para que o van utilizar e por que, serviron para que determinadas elites puidesen controlar o voto chegada a democracia. En todo o rural galego sementouse un pacto: voto a cambio de obras. Nunha Galicia que viña da congostra e o pozo negro, a cidadanía que resistiu á emigración troca a súa vontade electoral a cambio de infraestruturas básicas. O poder non transforma a realidade, só substitúe as infraestruturas. É un bálsamo de modernidade, unha actualización en forma de piche e sumidoiros. O que a lóxica ditamina como servizos públicos básicos, para o poder provincial foi unha rede de dádivas, unha rede perversa ademais xa que os mesmos que propuñan esas obras nas parroquias, os que tiñan orzamento para facelas, acaban sendo os beneficiarios delas mediante contratos con empresas propias ou de testaferros.

 

A capital

En Galicia leva décadas funcionando unha doutrina do medo á vida, un sórdido mecanismo de empobrecemento moral e psicolóxico que consiste en convencernos de que somos miserables, desconectados do mundo e algo parvos

Mais o poder das deputacións para paralizar o país non se esgota nas aldeas. Ese modelo de ralentización socioeconómica tamén triunfou na capital. Especialmente naquelas menos dinámicas. En Galicia leva décadas funcionando unha doutrina do medo á vida, un sórdido mecanismo de empobrecemento moral e psicolóxico que consiste en convencernos de que somos miserables, desconectados do mundo e algo parvos, que para subsistirmos temos pouca escolla: ou marchar para ver de gañar a vida noutro lado ou encontrar un chope, un choio, un posto para toda a vida. As deputacións serviron para perverter a ideoloxía da independencia do funcionariado público. Un sistema que na teoría serve para librar o traballador das tiranías do seu empregador institucional convértese nun rodicio da fortuna no que entran só aqueles que colaboran coa elite dominante, que colaboran na rede de captación de voto, que amosan que só mediante a preitesía cara ao poder é posible vivir dignamente.

As deputacións controlan as obras, favorecen determinadas empresas privadas en base á proximidade e non ao mérito ou ás necesidades da provincia, acaban por ser tan totalitarias que se converten nas grandes “industrias” nos seus territorios

Fóra diso, para que esforzarse? As deputacións controlan as obras, favorecen determinadas empresas privadas en base á proximidade e non ao mérito ou ás necesidades da provincia, acaban por ser tan totalitarias que se converten nas grandes “industrias” nos seus territorios. Patrocinan os escuálidos medios de comunicación, dominan as institucións deportivas e culturais. Sen actividade económica, sen liberdade, adormecido o instinto do risco, a Galicia dominada polas deputacións espera anestesiada a súa morte por inanición demográfica.

 

A reforma

Cómpre crebar a gaiola. Acabar primeiro coas deputacións e logo deseñar unha nova estrutura territorial para Galicia. Pensada desde aquí, con propostas apegadas ao territorio e definidas para favorecer o desenvolvemento equilibrado e a diversidade de oportunidades económicas. Non falo de pallasadas como fusionar concelliños ou crear megaoficinas de comarcalización baleiras de contido. O plan debe ser ambicioso. Hai dabondo persoas estudosas do tema no país.

Acabar primeiro coas deputacións e logo deseñar unha nova estrutura territorial para Galicia. Pensada desde aquí, con propostas apegadas ao territorio e definidas para favorecer o desenvolvemento equilibrado e a diversidade de oportunidades económicas

Os piares son dous: galeguizar as decisións orzamentarias para que prime o interese nacional e aprofundar a democratización do investimento mediante unha actualización do sistema de poboamento galego. A parroquia, entidade que convive connosco polo menos desde o reino suevo, debe revitalizarse mediante institucións que representen a vontade popular máis inmediata e a partir dela ir funcionando en rede mediante entes poderosos, útiles, capaces de xestionar sen coaccionar, responsables non só de gastar senón tamén de cobrar impostos, dinámicos e flexibles sempre a favor da cidadanía.

Se a denominada nova política non entende a urxencia de cambiar a paisaxe institucional das nosas provincias que non se estrañe de que en calquera momento, o presidente de calquera deputación subvencione co diñeiro de todos un vídeo musical dun cantante calquera só porque devece pasar unhas horas con el e subir unha foto dos dous xuntos ao Facebook.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.