Galicia, un país en versión orixinal

“Tudo que se passa no onde vivemos é em nós que se passa. Tudo que cessa no que vemos é em nós que essa”. (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).

“Ya saben, la película se emite en versión original”. Con ese vulgar aforismo ou panoca descortesía, fomos recibidos na porta do cine polo fulano que rompe as entradas, cando iamos ver A praia dos afogados, inspirada na novela do mesmo nome do autor vigués, Domingo Villar.

Damos por sentado que aquel submiso traballador por conta allea, que gaña a vida fendendo cartonciños, non podía actuar dun xeito tan desleigado por iniciativa propia. A paternidade de tan xenuína e lustrosa idea, hai que aporlla á sensatez dun sisudo empresario, máis preocupado pola sensibilidade timpánica dos espectadores ca pola normalización da lingua do país onde gaña os cartos. Vaia!, un conspicuo protector da castidade auditiva dos seus apracibles clientes; disposto a desenganalos, póndoos ao tanto -despois de mercaren a entrada- de que, na película que ían visualizar, talvez se escoitasen fonemas entoados nun extravagante e nocivo idioma, capaz de ferir a sensibilidade auricular dos coitados domingueiros, que non están afeitos a escoitar frases pronunciadas nunha lingua rara, tan nosa coma estraña.

Ten razón o dono do cine, ao cualificar de “versión orixinal”, no canto de “versión normal”, unha produción cinematográfica na que reina unha aparente convivencia do castelán co galego, a pesar do desinterese das institucións alleas e moitos empregados públicos, en fomentar a comunicación cos administrados na súa propia lingua. 

O iluso do meu tío Lisardo pensa que tal advertencia, a estas alturas da película -nunca mellor dito-, tería sentido se llela fixesen aos espectadores, cando a fala do filme é noutro idioma, distinto dese que os de acolá denominan lingua vernácula. Ou se houbese un empresario disposto a proxectar en Madrid unha película con con diálogos en galego, advertíndolle aos espectadores, iso si, que a película é en versión orixinal. Outro galo cantaría, se o filme que se proxectase na capital do reino empregase, verbi gratia, o idioma inglés. Neste caso, mesmo sobraría tal advertencia.

Ah! Mentres a cidadanía deste país abdica a diario do sentido de pertenza, aceptando con normalidade que lle chamen orixinal a aquilo que só debería ser normal, o secretario xeral de Política Lingüística dedícase a contarnos chistes, asegurando que "o futuro do galego está asegurado e será brillante". E os principais líderes do galeguismo político andan de lacoeiros, fabricando argolas de fume para lucilas nos seus embigos, tan colosais coma o propio cráter do Etna, no canto de pórse de acordo para conformar unha candidatura unitaria de cara as vindeiras eleccións. Hai que goderse con estes pándegos do nabo!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.