Galicia: unha e non catro. O espello das freguesías fronte ao modelo provincial

Detalle do mapa de Domingo Fontán Dominio Público

"Galicia non é unha provincia de España, é unha nación que espera a súa hora para exercer o seu dereito á liberdade." 

Antón Vilar Ponte (Fundador das Irmandades da Fala).

"Galiza é unha nación; e é unha nación porque a súa xeografía, a súa historia, a súa lingua, a súa economía e a súa cultura son orixinais e autónomas. Mais Galiza é, sobre todo, unha nación porque así o quere o seu pobo, porque a vontade colectiva de ser galegos é o único que lle dá sentido á nosa existencia como unidade política." 

Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao (Sempre en Galiza)

 

A conciencia nacional de Galicia non agromou na torre de marfil da Emperatriz da Historia Interminable; naceu a couces na lama das corredoiras como unha reacción de pura autodefensa fronte a un Estado percibido como un axente invasor. O pecado orixinal desta aldraxe data de 1833, co decreto do ministro liberal Javier de Burgos, que aniquilou a histórica Xunta do Reino de Galicia para fragmentarnos en catro provincias 

A conciencia nacional de Galicia non agromou na torre de marfil da Emperatriz da Historia Interminable; naceu a couces na lama das corredoiras como unha reacción de pura autodefensa fronte a un Estado percibido como un axente invasor. Desde inicios do século XIX, o aparello administrativo de Madrid non foi sentido como unha estrutura de amparo, senón como unha maquinaria de esfarelamento dun Reino que, ata entón, mantiña os seus propios órganos de vida. Galicia, como un todo que non se entende a anacos, viu como o centralismo tentaba desfacer o fío da nosa existencia.

O pecado orixinal desta aldraxe data de 1833, co decreto do ministro liberal Javier de Burgos, que aniquilou a histórica Xunta do Reino de Galicia para fragmentarnos en catro provincias saídas da súa imaxinación (o divide e vencerás dos romanos). Aquela división non foi outra cousa que unha copia servil das prefecturas napoleónicas, un deseño xeométrico e frío para impoñer a uniformidade francesa sobre a realidade orgánica dos pobos. O erro de De Burgos foi crer que cortando o Reino en catro anacos mataba o corpo; non contaba con que a célula viva de Galicia non era a provincia, nin sequera o concello liberal, senón a parroquia. A parroquia é onde o dominio útil se fai carne: é o monte, é a auga, é o cemiterio e é o concello aberto. Ao atacar o común, o Estado non atacaba unha xurisdición, atacaba a nosa forma de estar no mundo.

Desde as partidas carlistas (que funcionaron como a primeira fronte de resistencia campesiña, máis comunitaria que dinástica en Galicia, e como un eficaz sindicato de autodefensa contra o desmantelamento das estruturas rurais) ata a pluma de Alfredo Brañas, existe un fío que agora se amarra á dignidade de Tameiga e Cabral, estendéndose pola Costa da Morte, Lousame ou Sampaio. Esta teima secular pola defensa do común, e o dominio útil da terra, ergue a voz en cada parroquia fronte a un centralismo que nos olla como simple colonia extractiva e territorio de amaño. O galeguismo non naceu como un antollo de intelectuais, senón como ferramenta de supervivencia dunhas clases populares que, onte fronte ao fisco liberal e agora fronte ao esbullo eólico e industrial, fano todo insurxencia por pura necesidade de autogoberno.

A armazón política das Deputacións xurdiu como ferramenta dunha ocupación administrativa para esquilmar os consumos, encadear os mozos ás quintas e poxar os bens do común. Esta estrutura é a herdanza directa dos Gobernadores Civís, figuras que lonxe de desapareceren mutaron nunha estrutura hipertrofiada de control: agora non temos un, temos cinco. Catro Subdelegados do Goberno (un por provincia) coordinados por un Delegado do Goberno por riba de todos eles, actuando como o pentágono da vixilancia estatal. Son, por definición e función, comisarios políticos e policiais do Estado, pezas dunha engrenaxe deseñada para blindar o mapa de 1833 e impedir que a voz da terra decida sobre si mesma.

Esta armazón persiste hoxe grazas á pinza silandeira do centralismo estatal: mentres a dereita estatal defende a provincia como dogma de orde e unidade contra calquera fenda soberanista, a esquerda estatal (herdeira dun xacobinismo mal entendido) refúxiase nunha falsa igualdade administrativa para manter o control piramidal desde Madrid. Ambas beiras coinciden: prefiren a Galicia anquilosada en catro provincias que a nación viva gobernada desde a súa propia Administración Única, un modelo que non busca crear un novo centralismo en Santiago, senón baleirar de burocracia o país para que os recursos flúan directamente á célula veciñal.

É aquí onde o carlismo galego (de matriz diverxente ao doutras latitudes por ser antes un berro de autodefensa local que un proxecto absolutista) ergueuse como un movemento antiprovincialista fronte á deslealdade das elites urbanas, que abrazaron o modelo de Madrid para mudarse en caciques de provincia. Ese carlismo, cando menos no seu inicio, presentábase como unha guerrilla social que loitaba contra un sistema de impostos que ignoraba a realidade produtiva do agro galego, rexeitaba as quintas (para non entregar a mocidade a morrer en guerras alleas fóra da península ou na península, mentres as leiras quedaban sen brazos) e buscaba a salvagarda do común, defendendo a propiedade veciñal fronte á voracidade dunha burguesía liberal que ollaba o monte como unha mercadoría. Ese carlismo foi o precursor reactivo que nos ensinou a desconfiar de Madrid e saber que, quen de fóra vén, da casa nos bota.

Aquel liberalismo feriu o cerne da economía galega coas desamortizacións de Mendizábal (1836) e Madoz (1855). Lonxe de repartir a terra, o que fixeron foi trasvasar os bens eclesiásticos e comunais a mans dunha nova burguesía foránea e de satrapías locais que recrudeceron as condicións de vida do labrego

Hoxe, esa armazón de 1833 teima en sobrevivir por puro instinto de conservación das elites sucursalistas. Recentemente, a presidencia da Xunta manifestou a intención de retirar calquera cobertura administrativa á parroquia e á comarca, alegando que son "infraestruturas innecesarias". Esta afirmación esquece que o que realmente sobra e asfixia son as Deputacións e os seus comisarios políticos. Fronte á miopía do centralismo sucursalista, ollamos para o sur: en Portugal, as nosas irmás as freguesías manteñen a súa personalidade xurídico-política, con eleccións e capacidade de xestión. Mentres alí a parroquia é democracia de base (ou comuna libre na práctica), aquí pretenden convertela en invisible para que o poder siga fluíndo cara a mapas artificiais deseñados para o control.

Aquel liberalismo feriu o cerne da economía galega coas desamortizacións de Mendizábal (1836) e Madoz (1855). Lonxe de repartir a terra, o que fixeron foi trasvasar os bens eclesiásticos e comunais a mans dunha nova burguesía foránea e de satrapías locais que recrudeceron as condicións de vida do labrego. Atacaron o monte comunal, pero os Montes Veciñais en Man Común prevaleceron pola forza da resistencia veciñal. Unha resistencia que en Rande, en Muros e noutros portos xa se facía salitre desde o século anterior, cando os mariñeiros afundían con pedras as barcas dos fomentadores cataláns, nun ludismo defensivo contra a maquinaria que viña esquilmar o mar.

Agromou a alianza do Pazo, a Igrexa e o Monte, liderada por fidalguía de curto rango e clérigos que, máis alá da fe, defendían a soberanía alimentaria e o Concello Aberto fronte a un Estado que operaba como un corpo estraño. Sabían ben que o monte ten ollos e as corredoiras orellas, e que a nación se defende no soto e na braña; unha alianza que, sen ignorar as súas vellas xerarquías, entendía que a prioridade era salvar a autonomía do territorio fronte ao esbullo exterior. O impulso derivou no Provincialismo (1840-1846), que tivo o seu bautismo de sangue cos Mártires de Carral. Foi nese intre cando Miguel Solís e Antolín Faraldo asinaron o manifesto da nosa dignidade ao proclamar que Galicia aspiraba a unha "vida de honra e de gloria". Era o primeiro intento político de restaurar unha Administración Única para borrar as fronteiras artificiais de 1833.

Este espertar proseguiu no Rexurdimento, rescatando o noso verbo do esquecemento para erixilo en arma de afirmación. Unha afirmación sostida polo silencio e o traballo das mulleres, que desde a retagarda do fogar e a dura xeira no agro foron as verdadeiras gardiás da memoria e da continuidade da casa mentres o mundo exterior ardía. Cando o trabuco enmudeceu, Alfredo Brañas codificou o descontento reclamando a Administración Única desde o Rexionalismo Tradicionalista, idea que levaron á madurez as Irmandades da Fala e a Xeración Nós.

 Reclamar hoxe a Administración Única é o acto de lealdade definitiva cos Mártires de Carral e cos comuneiros do presente. Porque mentres a parroquia resista, Galicia seguirá a ser esa nación que, a pesar de quen nos queira orfos de noso, sabe que o dominio útil da terra é a única chave para unha vida de honra

A verdadera ruptura do cordón umbilical co pasado acontece co nacemento do galeguismo político e o Partido Galeguista en 1931. Foi o xiro social e republicano o que dotou ao movemento de contido de clase. Este xiro é o que hoxe se pretende eclipsar coa manufactura dun "Castelao de todos", cando o Castelao real era un político de ruptura que uniu o sentimento agrario coa República. Baixo esta leria, mentres Alexandre Bóveda deseñaba unha Facenda propia, o pobo encamiñábase cara ao Estatuto do 36. O campesiñado organizouse para devalar os foros, senda selada cos Mártires de Sobredo en 1922 e a redención de 1926. A existencia da nación non depende dun decreto de Madrid, senón da teima secular de quen a habita e resiste a depredación, vinda de fóra ou instigada por satrapías de noso.

Trala traxedia de 1936, a nación resistiu no exilio co Consello de Galiza e no "exilio interior" coa Editorial Galaxia en 1950, salvagardando a lingua nunha estratexia de resistencia pasiva. Nos anos 60 e 70, aquel pouso politizouse sinalando a Galicia como colonia enerxética. Mesmo Manuel Fraga, desde o pragmatismo, acabou invocando a Administración Única ao constatar o fracaso do modelo provincial, pois ao final cada can lambe o seu rabo e Galicia precisaba mandar en si.

Neste momento, ese ADN de resistencia persiste en Tameiga, a nosa "cela viva" e o Rande deste século, onde a veciñanza négase a que o seu patrimonio sexa tratado como mercadoría nos palcos do poder. O que hoxe acontece baixo o verniz do fútbol é a zarpada renovada dunha "propiedade abstracta" que pretende anular a soberanía dunha comunidade sobre o seu monte. Ao impoñer un Proxecto de Interese Autonómico por riba da vontade do concello aberto (os comuneiros), a administración opera como herdeira directa de Javier de Burgos, esfarelando a soberanía da parroquia en favor do negocio alleo.

Galicia persiste como esa nación que se nega a ser un simple mapa administrativo; unha terra que reclama ser dona do seu destino. En cada lousa de Tameiga e en cada braña do noso monte, segue a latir a Galicia que Murguía definiu como organismo eterno, a que Brañas quixo libre de xugos fiscais e a que Castelao soñou redimida polo traballo da súa propia xente. Non somos un debuxo de catro cores nun mapa de Madrid; somos a nación que se herda polo uso e se defende polo común. Reclamar hoxe a Administración Única é o acto de lealdade definitiva cos Mártires de Carral e cos comuneiros do presente. Porque mentres a parroquia resista, Galicia seguirá a ser esa nación que, a pesar de quen nos queira orfos de noso, sabe que o dominio útil da terra é a única chave para unha vida de honra.

Galicia: unha, enteira e de si.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.