Galiza +

Chegou a hora. O futuro do nacionalismo esta aberto, e desta vez non somos espectadores, somos protagonistas. A corrente central do nacionalismo deslíndase en dúas vías, unha nucleada arredor da UPG e outra aínda por transitar. Hai moita xente esperanzada coas posibilidades do novo tempo, con abrir campo, botarse á cidadanía e non ao monte. Enerxía, fraternidade, ilusión, capacidade e un proxecto por construír. É moi difícil converter unha alianza negativa nun proxecto, un dos perigos da nova iniciativa é verse definida pola propia UPG por contraste, como excedente dun núcleo ou como oposición a unha versión oficial. O reto é comprenderse como a confluencia de ideas e vontades que abren un camiño novo.

Dentro do BNG vai moito frío

A expresión "fóra do Bloque vai moi frío" cobrou fortuna expresando o temor a promover algo novo fóra dos partidos existentes. É posible que vaia frío fóra, o seguro é que dentro refresca bastante, polos desencontros internos e, sobre todo, porque a xente non nos arroupa. O BNG ten problemas como calquera forza política e o principal non é soportar a tensión interna. Cando os sectores críticos falan de convivencia refírense a compartir un espazo de acción política, a posibilidade de construír en común.

No Bloque de hoxe hai un clima viciado, unha democracia de baixa intensidade e a lóxica da exclusión impera desde o 2009; aínda así o asunto non é que a moitos nos falte capacidade de aguante, o problema é que non apreciamos cal é o valor político e social desa concepción da militancia e da acción política. A pregunta é: todo isto para que? Moitos tomamos consciencia hai tempo do devalo imparable do BNG, que se percibe na redución de apoios e na irrelevancia política crecente; isto non é imputable só aos dirixentes actuais, pero desde logo hoxe faltan ideas, proxecto e vontade para inverter a tendencia.

É obvio que ninguén marcha do BNG por perder unha Asemblea, é ao revés, o raro foi que chegase tanta xente ata alí -en parte perdeuse pola que quedou polo camiño-. Unha parte significativa da afiliación comprendeu Amio como a última oportunidade, e chegado o momento fixo balance: aquí non nos queren, e isto non ten futuro. En todo caso, o realmente novidoso foi o ambiente constituínte que se xerou arredor dese momento, un grupo de xente amplo e diverso con moito ánimo para confluír entendeu que outro tipo de forza política era posible e necesaria. Triste é o cantar que cantamos pero é mentira que non haxa outro mellor.

Innovación política

A iniciativa que emerxe precisa aplicar ao novo proxecto o que se lle pide á cidadanía e aos poderes públicos: apertura, diálogo, vitalidade, confianza nas capacidades propias, coñecemento, capital humano e social, revalorizar o público e a política. O certo é que sabemos do que escapamos pero hai poucas pistas sobre como abrir o novo camiño; pensar/actuar en política despois do 15M non é fácil, existen experiencias e saberes fiables mais non guieiros seguros, haberá que innovar para resintonizar coa cidadanía e esmerarse no que política ten de arte. Non se trata de facer o mesmo que estabamos facendo algo mellorado, debemos aproveitar o movemento para evitar erros, cuestionar inercias e aprender as leccións que nos dá a cidadanía.

Hai que espantar tamén os adanismos, ninguén debe pensar que se parte de cero, hai ideas, hai proxecto, experiencia política, capital simbólico, representación institucional e xente moi valiosa, persoas implicadas que son un referente social, activos para a sociedade e para a política. En todo caso, a nova iniciativa precisa unha dinámica envolvente que desborde ás siglas existentes, un proceso que aproveite o momento fundacional para abrirse a xente moi plural xerando complicidade coa sociedade máis dinámica. Os momentos constituíntes teñen algo de máxico, a construción colectiva e a ambición social dan moita forza, poder como potencia.

Hai que trabar un proxecto sólido con alternativas solventes ás políticas conservadoras, con capacidade organizativa e competencia institucional, tamén precisa un fondo de movemento cívico pola rexeneración pública, a defensa do público e o desenvolvemento do autogoberno. A innovación demóstrase conformando unha organización porosa, en diálogo permanente coa cidadanía, o que a fai máis capaz de mobilizar ideas e enerxías para o cambio e chegar mellor á sociedade. A metáfora do exército disciplinado debe ser superada pola organización intelixente que aproveita mellor os seus recursos, motiva aos participantes, aprende e adecuase ao entorno, onde os fluxos van de arriba abaixo, de abaixo arriba e en horizontal. 

As ameazas están en nós mesmas/os

Varias son as tentacións que poden malograr o futuro da iniciativa, trampas que poden facela naufragar. O risco de quedar prendido xustificándose ante o BNG no canto da sociedade sería pouco san e menos útil. Algúns temores xa se van percibindo:

Volver ás orixes. Na dinámica de relación co BNG, a nova forza pode ter a tentación de xustificar a posición propia como volta ao momento mítico do nacemento. Querer ser máis auténticos que os que permanecen, a fidelidade comprendida como manter as esencias. Hai moito de valioso na fundación do BNG, temos que aprender da historia dos nacionalismos pero a mirada non pode ser nostálxica. No organizativo carece de sentido comprenderse como fronte, esta confluencia plural é máis que un sumatorio de partidos e independentes, pensemos unha organización de novo cuño e non un BNG bis.

Tamén no discursivo hai ameazas, unha delas é a tentación da puridade ideolóxica como xeito de demostrar que somos máis auténticos. Poucas cousas poden ser máis perniciosas que competir a ver quen é máis esquerdista ou independentista, esta non é unha escisión pola esquerda nin pola dereita, é un movemento cara adiante imbuído do efecto realidade; insisto, as contas non hai que rendelas ante o BNG, senón ante a sociedade. Ademais é ocioso enredar en debates nominalistas: socialdemócratas, altermundistas, centristas, socialistas, progresistas... nacionalistas, galeguistas, soberanistas... haberá que alentar a confluencia de ideas que tomen corpo nun proxecto coherente que bebe de tradicións moi diversas: galeguismos, esquerdas, feminismos, movementos de emancipación, republicanismos, ecoloxismos... desenvolvemento humano.

Confrontar o traballo social ao institucional. É central a acción social, ter unha sociedade viva e que a cidadanía se implique no procesos sociais de emancipación. Pero é igualmente importante o plano institucional, a actividade política concibida como acción pública e dinámica política. Temos que comprender a substancia do político para reforzar o público, o común. A mellora dos servizos públicos, do autogoberno, do estado do benestar, o exercicio dos dereitos e as liberdades tamén ten que ver co bo facer político.

Hai espazo para unha nova forza? A verdade está aí fóra (e dentro)

Algunha xente pensa que isto pode soar bonito pero é simple voluntarismo sen posibilidades reais de chegar a nada, o mercado electoral da nova forza xa estaría copado polo BNG e o PSdeG-PSOE. O espazo político non é un factor estático, depende de que se propoña e como se faga, a "demanda" vai en relación coa "oferta". Descoñezo análises específicas sobre este aspecto pero todo parece indicar que a oportunidade é evidente; en momentos de desafección xeneralizada coas forzas de esquerda as posibilidades dun proxecto capaz de empatizar coa cidadanía son enormes. A inercia sempre pesa nos resultados electorais e xoga a favor das marcas instaladas ao igual que os recursos económicos ou comunicacionais derivados da súa representación, pero tamén unha limitación, unha pexa en tempos de cambio.

Poderiamos situar o solo electoral do PSdeG en 350.000 votos para unhas eleccións galegas -tivo resultados inferiores nas autonómicas de 1997 e 2001 cunha dinámica semellante de desfondamento a nivel estatal-, e a dun BNG apegado á UPG mantendo porcentaxes inferiores ao 10% como nos últimos resultados de Lugo, Ferrol ou Coruña non chegaría aos 150.000 votos; desde aí ata os 800.000 /900.000 que poden colleitar as forzas progresistas e galeguistas... hai que traballalo. A metade do electorado potencialmente contrario ao PP non ten unha fidelidade clara, a nova iniciativa pode gañar parte dese espazo se o fai ben.

Sobran exemplos de rupturas que amplían o campo, dito doutro xeito, por separado conseguen máis que xuntas. Non debemos naturalizar que a relación entre o BNG e a nova forza sexa un xogo de suma 0 ou negativa, é dicir que o conxunto non gaña nada ou mesmo perde; hai bases fundadas para pensar que en conxunto podemos aumentar os apoios (haberá que ver en cada caso a representación), e converter a relación nun xogo de suma positiva. Non estamos falando de administrar os apoios minguantes do nacionalismo actual, trátase de aproveitar moito mellor as capacidades das forzas plurais galeguistas e progresistas, de recuperar a confianza que ten apoiado ao nacionalismo e foi abandonando e moita xente que demanda novos referentes e propostas viables que fagan fronte ao conservadorismo rampante.

Dubidas e confusións

Ten que haber dúbidas, somos xente responsable e reflexiva que actúa con sentido de país e non por pulsións aventureiras. Hai moitas cousas en xogo: a traxectoria dunha organización central na propia configuración do pais, a representación da cidadanía, o futuro de proxectos municipais que son o principal símbolo e demostración de que hai outras formas de facer política -e que poden ser maioritarias-. Ademais están os vínculos afectivos, a dificultade de verse fora dunha organización básica na identidade política de moita xente, e o peso da versión dos feitos -é doloroso que te consideren desleal os administradores dunha organización á que entregaches o máis valioso da vida política-. A mitificación da unidade e a consideración da organización como un fin en si mesmo fixa a carga da proba sobre quen abandona. Os responsables que fixeron do Bloque un marco de exclusión non se ven afectados pola cuestión, están dentro. Seica a culpa é do que se vai e non de quen o expulsa pola vía de facto.

En todo caso, o que máis pesa é o medo a que o novo proxecto non calle, non teña relevancia social ou acabe sendo o mesmo do que fuximos. Houbo moita improvisación, faltou coordinación entre +G, EI e demais para marcar unha axenda propia. Precisamos referentes para actuar, e dispoñer dunha folla de ruta que permita: (1) comprender a nova alternativa de confluencia como opción firme, (2) pensar o período de transición para deseñar os movementos como accións colectivas e non parezan baixas particulares, e (3) deseñar un fórmula global para dar cobertura aos cargos públicos e á representación cidadá. Dá igual que fose antes ou despois pero coordinada e cun sentido recoñecible para as persoas afectadas. O dramático da situación é que a improvisación impera, é como se se estivese esperando a que as cousas se amañen soas, non podemos agardar a que nos veñan a resolver a situación, e menos ficar agardando e queixarse de que os outros se moven. O problema hoxe non é a dúbida é a confusión e a falta dunha estratexia clara. 

O dilema de + Galiza

Sempre fun moi contrario aos maniqueísmos, na UPG hai moi boa xente e por suposto activos de grande valor político, ese non é o tema, a cuestión é saber se o Bloque segue sendo un instrumento útil para o país. O BNG precisaba un revulsivo que non se produciu, e foi frustrando as oportunidades que se lle presentaron.  Eu considero que o BNG de hoxe non permite desenvolver o proxecto adecuado para Galiza: de base plural, transformador, con ambición maioritaria e confianza no país. De calquera forma, temos que ser honestos e comprender que o debate non está só entre pechados estalinistas e modernos aperturistas, o certo é que persoas referentes dun nacionalismo aberto e de esquerda europeísta está reivindicando o Bloque como unha boa opción. Podo entender as dúbidas pero non comprendo as razóns.

De feito a permanencia de + Galiza no interior do BNG (ou coaligado) ao meu xuízo produciría as seguintes consecuencias: (1) a frustración da alternativa externa que non disporía de masa crítica suficiente, nin de activos clave para ser un proxecto con ambición maioritaria; (2) o debilitamento do nacionalismo, xa que tampouco sería capaz de evitar a sangría militante do BNG, e calquera movemento actual ninguén o comprendería como rexeneración senón como amaño interno, e (3) situar a alternativa aperturista dentro do BNG nunha posición subalterna crónica, tanto pola febleza na que quedaría como pola derrota moral, os mandatarios do Bloque comprenderían mellor o que sempre souberon: os amagos de marchar son ameazas sen base crible e sempre se pode garantir a "lealdade" a través de incentivos selectivos.

Ambición para Galiza, sen medo

É o momento da audacia, non nos deixemos levar e asumamos o protagonismo que nos corresponde, con humildade e realismo pero con decisión. Avanzar con ánimo construtivo, sen pelexar con outros nacionalistas, sen resentimento, sen elitismos, sen rancor, pero sen permitir enredos, encarando o futuro con esperanza. Calquera iniciativa que pretenda ter ambición debe asentar nunha pulsión positiva, sen basearse en que non nos gusta onde estamos ou non nos queda alternativa.

O máis importante agora é espelir o medo. Xa coñecemos o efecto demoledor do medo durante as crises para afianzar a resignación. O medo é o motor do conservadorismo. En política sempre se pode ir a peor, polo que a opción continuísta pode ser boa. O tremendo é desconsiderar o cambio como posibilidade. Hai que pensar no futuro, non na posteridade. E o futuro constrúese coa acción presente mirando o horizonte. Non haberá alternativa ambiciosa e ilusionante con vontade maioritaria se + Galiza non asume o seu papel central na iniciativa, non porque o teña un espazo reservado, mais porque inviste o seu capital político e humano no proxecto. Di o meu pai que "coas bragas enxoitas non se pillan as troitas".  

+ Galiza sempre foi un exemplo de sensatez, de actuación responsable en favor da cidadanía e da nación, un factor de modernidade que actúa desde a sociedade realmente existente e con ambición para acadar o mellor, con confianza nas capacidades do país. Non frustremos a esperanza. En nós está a posibilidade de abrir un camiño, de compartir o labor, de axudar a levantar un país. Cómpre ter altura de miras, e poñer Galiza por diante. +Galiza --> Galiza+. En positivo. Adiante.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.