A Historia da Galiza medieval é a historia dun roubo. E non me refiro ao recente latrocinio do Códice Calixtino, do cal celebro conservarmos todos os seus contidos en facsímiles e edicións eruditas, algo moito máis relevante que o antigo coiro que os contén. Refírome ao roubo que supón escribir a Historia de tal modo que un reino multisecular fique sepultado por toneladas de estudos académicos máis comprometidos coa erección dunha nación aveseira do que coa verdade histórica máis elemental.
Un reino roubado ao seu pobo e unha nación ocultada polos programas escolares obrigatorios do Estado se non nos preocupamos por revelar a grandeza histórica do noso país. A grandeza que algúns dos nosos paisanos quixeron e queren desprezar. Mais caian os viles nas súas vilezas, ignorantes para quen desexo que o seu miserábel deus os provea da luz que lles nega e que así coñezan que lonxe camiñan da felicidade natural de amar o propio.
Claudio Sánchez Albornoz considerou España “un enigma histórico” e uniu o autenticamente “español” á prominencia de Castela por sobre todas as outras realidades político-económicas do medievo. E con este absurdo ocultou que o auténtico enigma é a Historia medieval da Galiza. Moitas son, con efecto, as cuestións que están a ser revisadas, entre as cales:
- Contra o mito da ocupación total da Península polos mouros hoxe temos moi claro que isto nunca aconteceu no norte nin no oeste. E que chamada Reconquista é imposíbel de se asumir como un proceso ideoloxicamente uniforme de 800 anos. Imaxinen, amigas, os auténticos americanos aínda se esforzando por unha vinganza contra os conquistadores casteláns, portugueses, ingleses e franceses, a termo para o ano 2300.
- O poder relixioso medieval máis sólido asentaba en Compostela. O poder da Igrexa non era, lembren ben, unha capa fina de espiritualidade sobre o poder do monarca, senón que significaba un poder político e económico paralelo, non por acaso herdeiro da vella estrutura imperial de Roma.
- A arte medieval cristiá ten moitos dos seu maiores logros na Galiza. Cando a catedral de Santiago foi construída só era superada en grandiosidade por Santa Sofía de Constantinopla. Arredor dela a arte románica florece en cada parroquia galega, o que implica unha abundancia tal de recursos materiais, técnicos e humanos só imaxinábel para nunha sociedade rica e estábel.
- A lingua literaria cristiá principal sen dúbida é a galega. E isto acontece, no que di respecto do norte, centro e oeste peninsular entrado o século XV, como recoñecen de facto até os poetas da corte castelá. E a prominencia da lingua literaria galega, miñas señoras, que outra cousa indica que a existencia dunha Corte en que o galego permanece unido solidamente aos poderes político e económico?
Son moitos máis os asuntos históricos que xa se están a estudar con rigor. Neste sentido, non resulta raro que cada pouco tempo vexamos xurdir asombrosos achados arqueolóxicos e novas publicacións que pasan a ser inmediatamente documentos imprescindíbeis. Dalgúns destes aspectos pretendo falar aquí en próximas entregas, armado cunha paixón que se cadra fai que desculpedes a ousadía.