Gaña Catalunya

Josep, o avó dos meus amigos Marc e Mireia, tería agora 97 anos. Na guerra do 1936 fixo parte, como afiliado ao partido Estat Catalá, da 132 brigada mixta e sufriu, logo de caer preso na fin do 1938 en Borges Blanques, dez anos de campo de concentración e desterro. L’avi Josep, como lle chamaban todos, botou anos desterrado no noso país e casou en Ourense con Carmiña, quen aprendeu a fillos e netos sentir a galeguidade como l´avi Josep transmitiulles a súa pertenza a Catalunya.

Porén, hoxe si votou o seu amigo Lluis, que integrou a garda do President Companys dende 1936. E votou pensando no Companys. Aquel president da Generalitat que foi extraditado dende a Francia ocupada por Hitler e fusilado por Franco en Montjuic o 15 de outubro de 1940.  O mesmo Companys que salvou a vida do primado catalán, o cardenal Vidal i Barraquer.

Velaí como o proceso principiado no verán do 2010 coa sentenza do Tribunal Constitucional que anulou parcialmente o novo Estatut do 2006 foi quen de activar vellas vivencias e lembranzas que semellaban esquecidas. Porque 1714, 1934 ou 1936 son datas históricas ás que as novas xeracións dan un ou outro sentido en función do seu percorrido vital. E á vista está que millóns de cidadáns cataláns non acreditan que España rectificase de todo as políticas desenvolvidas a respecto de Catalunya na historia. E iso que non escoitaron este sábado ao antigo alcalde da miña cidade d’A Coruña, cando falou diante dos- poucos- nacionalistas españois convocados pola plataforma “Libres e iguales” de levar a Garda Civil ou quitar os tanques.

Este domingo participaron máis de dous millóns nunha consulta que, evidentemente, non ten valor xurídico, mais si un nidio valor político, recoñecido na Europa toda. Madrid non pode, xa que logo, seguir a se pór de esguello. Hai sinais claros de que millóns de cataláns queren decidir o seu futuro.

Tempo, pois, de dialogar para facer posíbel un referendo con todas as garantías. Nin máis nin menos que o que tiveron na Escocia hai menos de dous meses ou en Quebec noutras dúas ocasións.

É a hora da política.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.