Gatopardismo ou República

Manifestación pola república en Vigo © http://federacion.republicanos.info/

Penso que o gatopardismo nunca foi ben explicado de todo. Como case todos os lugares comúns, a alusión á novela de Tomasi di Lampedusa para parecer máis intelixente, faise dun xeito impreciso e sempre ao servizo do orador, independentemente dos intereses defendidos por este en cada momento.

Os revolucionarios franceses non coñecían a novela de Lampedusa, pero si este posible perigo. A partir de 1789 comezouse a acuñar un novo verbo: “débourbonnailler”. O termo, aínda que de difícil tradución, pode ser interpretado como: acabar cos Borbóns, a súa influencia e a súa lembranza

A acción do Gatopardo sitúanos en Sicilia nos anos centrais do século XIX. Ante o imparable avance do novo réxime, liderado polos camisas vermellas de Garibaldi, Don Fabrizio Corbera, Príncipe de Salina, vive con angustia os cambios que vaticinan os novos tempos, pero sobre todo lle inquieta a perda dos privilexios e a posición que o Antigo Réxime lle ofrecía. Tancredi Falconeri, o avispado sobriño de Don Fabricio, decide alistarse nas tropas revolucionarias ante o espanto do seu tío, pero este pronto comprende a nova situación cando o seu ambicioso sobriño lle explica que “se queremos que todo siga como está, é preciso que todo cambie”. A ficción pode resultarnos máis familiar se utilizamos alcumes máis casteláns para estes personaxes transalpinos. Digamos que Suárez, para o sobriño arribista, e Juan Carlos para o nobre que non quere renunciar ás comodidades que o Antigo Réxime lle ofrecía.

Aínda que sen o compoñente literario, episodios similares vivíronse en todos os procesos políticos que derribaron ás antigas monarquías; con fortuna desigual, iso si. Os revolucionarios franceses non coñecían a novela de Lampedusa, pero si este posible perigo. A partir de 1789 comezouse a acuñar un novo verbo: “débourbonnailler” sempre acompañado polo complemento indirecto “la France”. O termo, aínda que de difícil tradución, pode ser interpretado como: acabar cos Borbóns, a súa influencia e a súa lembranza. A asemblea francesa sabía que a monarquía non remataba coa caída do rei, e que as raíces do réxime derrocado fundíase en institucións, autoridades e relacións que era preciso extirpar. Dende un primeiro momento mantivéronse alerta para que ningún Don Fabrizio modificara lixeiramente a orientación das súas velas, e que el e os seus se viran beneficiados polos novos aires.

O gatopardismo é un comportamento exclusivo das clases dominantes. O anhelo dun pasado que saben condenado, superado pola historia, pero do que queren conservar privilexios e estatus que o presente xa lle empeza, a lo menos, a cuestionar. Isto é o que marcou a historia recente do noso país. Fronte a isto está a República, o futuro. O símbolo de todos eses proxectos, promesas e dereitos que sabemos xustos e posibles aínda que uns poucos (pero poderosos) resístense a aceptar. 

A elite política e económica do fin do franquismo tiña moi presente os esforzos que tiveron que facer no 36 para deter o proceso democrático español e polo tanto decidiron cambiar o que fora preciso cambiar para que todo seguira sendo o mesmo, porque saben que a república española non é a do 14 de abril, é a III República

Como xa sabían os revolucionarios franceses, a república non só é a ausencia de rei, que tamén, senón ese proceso, de difícil tradución que pretende acabar coa monarquía, a súa influencia e a súa lembranza. O 14 de abril non é unha data do pasado, non é a conmemoración dun proxecto político frustrado; non. O 14 de abril é o triunfo da democracia en España sobre o Antigo Réxime. A primeira victoria. No 36, e só exercendo toda a violencia da que é capaz a barbarie, os inimigos da democracia, o progreso e a humanidade conseguiron frear a historia pero non detela, iso é imposible. O espectáculo gatopardista que xirou ao redor do 78 faría recoñecer a Tomasi di Lampedusa que a seu relato sobre a familia nobre siciliana (por certo, da casa dos Borbóns) carecía da imaxinación e o cinismo suficiente para enfrontarse coa realidade: a Transición Española superouno. A elite política e económica do fin do franquismo tiña moi presente os esforzos que tiveron que facer no 36 para deter o proceso democrático español e polo tanto decidiron cambiar o que fora preciso cambiar para que todo seguira sendo o mesmo, porque saben que a república española non é a do 14 de abril, é a III República.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.