Gayoso e Méndez, Grandes da Galiza

Se houbo dúas persoas na Galiza nestes últimos trinta anos con auténtico poder, dese de usar e abusar, esas foron José Luis Méndez e Julio Gayoso

Se houbo dúas persoas na Galiza nestes últimos trinta anos con auténtico poder, dese de usar e abusar, esas foron José Luis Méndez e Julio Gayoso. Como auténticos soberanos partillaron Galiza en dúas: a Galiza Norte para José Luis, Rei da Coruña e Lugo; e para Julio, a Galiza Sur, Reino de Ourense, Vigo e Pontevedra. Tiveron mais poder ca ninguén. Presidentes da Xunta, Conselleiros, Partidos Políticos, empresarios, editores de xornais … todos precisaron nalgún intre de financiamento por riba das súas posibilidades (préstamos de favor ou por ser ti quen es) e a chave deses cartos subprime tíñana eles.

Don Julio era o prototipo do home feito a si mesmo, o caixeiro que chega á presidencia agatuñando polo banco arriba. Coma aquel mítico Alfonso Escámez do Banco Central, Julio entrou na Caixa con 16 anos, partillando estudos e traballo por necesidade, e foi escalando postos ata chegar á Dirección Xeral. Pola contra, Don José Luis formouse primeiro con tranquilidade na ciencia económica e incluso dedicou algúns anos á docencia na Universidade, antes de aterrar como Director Xeral no tellado da antiga Caixa de Ferrol. Ademais do xeito de acceder á dirección da entidade, Don Julio e Don José Luís tamén se diferenciaban na pinta que gastaban. O de Vigo personificou a vellez permanente, a engurra perfecta e inmóbil; desas persoas que coñeces xa de vellas e cando ti te fas vello, elas seguen aí coa mesma vellez e coma se o tempo só pasara para ti. Porén, o da Coruña foi mais ben unha xenerosa petada de pelo ondulado, ora engominado ora a mercé do vento, cortado na medida xusta que permitira afondar nel os dedos, e asucalo dende a fronte cara atrás, nun aceno sensual e feminino (xa sei, aquí hai moita envexa, pero é comprensible. Eu, como non engomine as cellas …).  

Ademais do xeito de acceder á dirección da entidade, Don Julio e Don José Luís tamén se diferenciaban na pinta que gastaban

Pero así como hai diferenzas, tamén é certo que ámbolos dous partillaron honor e gloria aquí na terra, dacabalo do último gran ciclo expansivo da economía. Foron investidos coma doutores honoris causa polas Universidades, nomeados fillos predilectos de cadansúa cidade, recibidos con alfombra de veludo vermello nos clubs da elite ( Club Financeiro de Vigo, Club de Economía Iñás) e entraban baixo palio en canto sitio tiveran a ben visitar. Tiñan saúde, cartos e amor, e os fillos criados e colocados no negocio familiar. Todo me da que o seu era un mundo feliz. De feito, cando lle entregaron o título de Fillo Predilecto, José Luís tivo un arrebato caneiriano e declarou : “Non sei que outra cousa pode ser a felicidade”. Amos e señores das respectivas Caixas, fixeron e desfixeron nelas sen mais atranco ca o que lle impuxera a súa propia decencia. Ata que fixeron delas un pandeiro. Esquecendo as boas prácticas bancarias, meteron as Caixas nó vórtice competitivo de fin de ciclo, prestando mais cartos dos que tiñan e podían devolver; e cando se lle pecharon os mercados de capitais internacionais, nun acto de desesperación e mala fe, incluso lle venderon preferentes e subordinadas ós seus paisanos, ós que tanto dicían amar.

Amos e señores das respectivas Caixas, fixeron e desfixeron nelas sen mais atranco ca o que lle impuxera a súa propia decencia. Ata que fixeron delas un pandeiro. Esquecendo as boas prácticas bancarias, meteron as Caixas nó vórtice competitivo de fin de ciclo

A día de hoxe, Don Julio e Don José Luís xa non son deuses e malviven apestados no seu retiro millonario, afastados das miradas furibundas do vulgo preferente e subordinado. Segundo os defensores do dogma neoliberal, o mercado pon a cadaquén no seu sitio e na súa perfecta xustiza, premia o éxito e castiga o fracaso. Como máximos responsables do afundimento das súas Caixas, semella incuestionable que eles fracasaron e, xa que logo, o mercado debería castigalos. E vaia se os castigou! O mercado castigou ós preferentes coa perda dos seus aforros, pero deixoulles intacta a felicidade; pola contra, a Méndez e Gayoso quitoulles a felicidade (que eran os títulos de fillos predilectos das súas cidades), pero non lles tocou os cartos. É ou non é xusta e sublime a xustiza do mercado? E como ámbolos dous, que son homes valentes e afoutados, mandaron os rapaces a devolver as medallas ós respectivos Concellos; que non era cousa de facer un feo e fachendear entregándoas en persoa. Que grandes homes! Souberon subir e souberon caer!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.