Gaza

O centro de Gaza CC-BY-NC-SA Al-Jazeera

Os sobreviventes tiveron que abandonar o seu lar e vagar no deserto, e moitos deles toparon acubillo nun curruncho, Gaza. Dende aquela, as improvisadas rúas dos campos de refuxiados medraron en vertical, nunha arañeira feble de cemento que acotío destrúen mísiles e outras armas

A Faixa de Gaza é un territorio de 40 quilómetros de longo e 11 de ancho, 360km² que veñen a ser algo menos cá Mariña Oriental. Nese espazo viven 2.000.000 persoas, a metade delas refuxiadas, nos lindes entre a area do mar e a area do deserto. Polo norte e polo leste limita con Israel, polo sur con Exipto e polo oeste co mar Mediterráneo. Con todo, en Gaza, como no resto de Palestina, non hai fronteiras, só liñas esvaecidas sobre moles de cemento e arame, e esquecidas na historia.

Nela deixaron pegada diversos pobos e imperios, como o exipcio, o filisteo ou o otomán, que gobernou entre o séculos XVI e XX, e o británico, que tomou o control tras a primeira guerra mundial. Foi naquela altura, en 1917, cando a idea dun reino árabe unificado comezou a tomar forma, mais tamén a da creación dun fogar nacional xudeu. Así a todo, en 1919 as potencias vencedoras da guerra estableceron unha serie de mandatos na zona e repartíronse as terras. E así, ata 1948, Gaza foi parte do mandato británico de Palestina.

Un barrio de Gaza, destruído polos bombardeos israelís nos últimos días CC-BY-SA Al Araby

En 1947, cando o imperio británico xa se sabía incapaz de dominar o territorio, e ante a presión de grupos sionistas como o Irgún, trasladou o problema ás Nacións Unidas. Este organismo acabado de crear aprobou a resolución 181: dividiríase o territorio palestino. Un 55% quedaría para os xudeus, con Xerusalén baixo control internacional, e o resto para os árabes. Deste xeito, en maio de 1948 nacía o estado de Israel.

Os árabes non aceptaron a repartición das terras e loitaron por defenderen as súas posesións. Porén, os sobreviventes tiveron que abandonar o seu lar e vagar no deserto, e moitos deles toparon acubillo nun curruncho, Gaza, que dende o ano da catástrofe palestina, a Nakba, dirixiu Exipto. Dende aquela, as improvisadas rúas dos campos de refuxiados medraron en vertical, nunha arañeira feble de cemento que acotío destrúen mísiles e outras armas. 

Os anos suman conflitos e nomes que semellan escusar co seu bautizo calquera tipo de morte. En 1967 estallou unha segunda gran guerra, na que Israel tomou o control de Gaza. Mais antes e despois houbo diferentes altercados, como o ataque ao kibbutz Nahal Oz en 1956, no que foi asasinado un oficial de seguridade israelí. Entón, Moxé Dayán, xefe do Estado Maior do exército de Israel, explicou que sucedía: "Durante oito anos sentaron nos campos de refuxiados de Gaza e viron como mudabamos as súas terras e aldeas, onde viviran eles e os seus devanceiros, no noso lar… Máis alá do suco da fronteira xorden vagas de odio e vinganza… Non temamos mirar á fronte o odio que consome e enche a vida de centos de árabes que viven ao noso redor… Esta é a nosa elección: estar preparados e armados, ser severos e estritos; se non, a espada caerá das nosas mans e a nosa vida será nesgada con rapidez".

Escola da ONU en Gaza © ONU

Non só de alimentos carece Gaza, senón tamén de liberdade e voz, como berran algúns dos seus habitantes anónimos: "A idea de que a miña morte é un número máis entre as cifras que aumentan cada minuto é o que máis medo me dá. Non son un número. Levoume 23 anos ser a persoa que ves"

Gaza quedou baixo control militar israelí ata 1994, aínda que non foi ata 2005 que se retiraron os asentamentos e as tropas, parapetadas após terreos baleiros e deshabitados dentro da propia Faixa. Un ano despois da marcha, chegou ao poder Hamás, unha organización terrorista segundo Israel, concibida como representante do oprimido pobo palestino. Dende entón repítense proclamas como as que pronunciou Dov Weisglass, asesor do daquela primeiro ministro israelí Ehud Olmert, en 2006: "a idea é pór os palestinos a dieta, pero non facer que morran de fame".

Non só de alimentos carece Gaza, senón tamén de liberdade e voz, como berran algúns dos seus habitantes anónimos: "A idea de que a miña morte é un número máis entre as cifras que aumentan cada minuto é o que máis medo me dá. Non son un número. Levoume 23 anos ser a persoa que ves"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.